Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Funcións

  • Impulsar a creación e o desenvolvemento de empresas que produzan bens e servizos culturais, prestándolles especial atención ás industrias culturais que xeren mecanismos de produción eficientes e que subministren no mercado bens culturais de amplo consumo.
  • Favorecer os produtos que difundan a lingua, a cultura e as tradicións propias de Galicia como elemento singularizador no mercado, e os que acheguen á cultura galega innovacións creativas e ofertas de calidade de novas estéticas e linguaxes artísticas.
  • Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais, para o que se poderán establecer marcas de referencia e campañas publicitarias específicas.
  • Contribuír á mellora na preparación e cualificación artística, técnica e empresarial dos recursos humanos, impulsando plans formativos acordes coas necesidades profesionais das empresas do sector, en especial na formación de persoal cualificado para a súa administración e xestión e no deseño, acceso e emprego das novas tecnoloxías.
  • Estimular a creación, avivar o talento e a capacitación e incitar ao recoñecemento social e económico de artistas e autores e autoras, en canto subministradores de recursos inmateriais no proceso de produción. Tamén apoiará a colaboración entre empresas e creadores e creadoras como instrumento necesario para o impulso e asentamento do sector cultural.
  • Fomentar a creación, o mantemento e a utilización de infraestruturas e equipamentos por parte dos axentes culturais, en especial o impulso de centros que faciliten o acceso á cultura dos cidadáns e das cidadás dos núcleos pequenos, e o estímulo da mellora e modernización tecnolóxica.
  • Impulsar, a través do Igape, a presenza das empresas culturais nos mercados financeiros en condicións vantaxosas, con programas de préstamos públicos ou actuando como intermediaria entre os produtores culturais e as entidades financeiras privadas, en especial para poder afrontar grandes proxectos desde a iniciativa privada.
  • Impulsar a cooperación e o asociacionismo entre os traballadores e traballadoras e as empresas dos distintos sectores culturais, así como as medidas do sector profesional galego para aumentar a súa presenza e competitividade nos mercados culturais, en especial no apoio ás exportacións de bens e servizos culturais galegos.
  • Adoptar programas que potencien as sinerxías entre o desenvolvemento empresarial das actividades culturais e outros fins públicos como a protección do patrimonio natural, material e inmaterial, a contribución ao desenvolvemento territorial e o fomento da educación, do emprego, da integración social, do turismo e da investigación.
  • Facer estudos e plans estratéxicos sobre o sector cultural, así como difundir a información sobre os recursos destinados ás empresas culturais en calquera ámbito.
  • Calquera outra iniciativa e acción dirixida á consecución dos seus fins.
Fotografía do interior da sede da AGADIC, na que pode verse un corredor con varias portas das oficinas.

Instalacións da Axencia Galega das Industrias Culturais