Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

TEATRO OB-SCENO: Alicia morreu de sobredose, Sofía e Pulso

Mira con outros ollos


Alicia morreu de sobredose
RINOCERONTE TEATRO
No camerino

Creación e elenco: Noelia Toledano
Música orixinal: Manuel Álvarez
As desastrosas relacións co amor teñen o seu xerme na máis tenra infancia. Se a túa avoa che dá para comer plátanos, os garda no seu caixón de roupa interior e morre escumando ao teu lado na mesma cama como unha petite morte, queda tan gravado no inconsciente, que fai comprensibles as lorzas pola sobredose de potasio e azucre.

Se sempre tes sede e non podes beber auga pola constante variación dos teus tamaños, se nunca chegas a tempo e vives fuxindo, entón vives entre o fume e a nada nun eterno labirinto. Entre o amor e a morte.

- - -
Sofía
INVERSA TEATRO
Na biblioteca

Creación e interpretación: Marta Pérez
Espazo sonoro: Jesús Andrés Tejada
Videocreación: Laura Iturralde

Sofía é un espectáculo unipersoal de Marta Pérez, próximo ao teatro-conferencia, realizado ad hoc a partir da montaxe maior da Cía Inversa Teatro Sofía e as Postscocráticas. Trátase dunha acción escénica na que a actriz, no escenario e acompañada da súa propia máscara (Platón), fai unha reflexión en torno á necesidade de buscar un novo xeito de reflexionar ante a problemática da violencia machista. O espectáculo -dunha duración de vintecinco minutos- ofrece unha panorámica ante o que sustenta a violencia de xénero: o silencio, a negación, a xustiza patriarcal e o efecto espectador.

- - -
Pulso
TEATRO EN-TRANCE
Na biblioteca

Dramaturga: Paula Sanmartín

Nesta peza dialogan varias linguaxes e onde o "spoken-word" serve, non só como texto, mais tamén como pretexto e como subtexto.
Pretexto: Inspirada en quen inspirou á "xeración beat", Neal Cassady. Ese home-muller, anxo caído ou demo ascendido, arquetipo do desaforo. O verbo do exceso de carne e -paradoxalmente- o verbo desencarnado. O pretexto que move e o que deixa calado.
Subtexto: Toda a tensión que paira nun planeta reiteradamente ameazado pola bomba atómica e por "donos do mundo " sociópatas. Donald Trump -teledirixido polo seu cerebro reptilianoquerendo invadir a galaxia transvestido de Christine Jorgensen (considerado o primeiro "trans" da historia quen, despois de ser soldado, virou cabareteira). Toda a tensión que provoca a luta entre o "American Way of Life" e o "Dharma". Oriente e Occidente. Superman -ese ET- sobrevoando o globo e pousando lentamente na India para ouvir os Upanishads. Respirar. Un dispositivo audiovisual "irreverente" que nos mostra arquetipos (trans)xeracionais: Doris Day e Rock Hudson: máscaras sorrintes e soñadas polo pobo americano, e tamén polo pobo do outro lado do charco, aquél que ten medo do avión e que tamén ten medo do barco. Máscaras de seres sorrintes, transviados e deprimidos ou inmunodeprimidos. Máscaras de máscaras estilizadas de "Gila" e "Mari Carmen y sus muñecos" do outro lado do teléfono vermello. O humor, ese grande médium e ventríloco do tempo.

Teatro Ob-Sceno (Fóra de escena) está pensado para dar cabida a aquelas propostas dunha duración máis reducida do habitual, que precisen dun espazo alternativo ao escenario para a súa representación.
Duración total: 1 hora e 15 minutos

Datas anteriores

26 de maio
/// 20.30

Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15705, Santiago de Compostela
Teléfono: 881 867 229 (oficina) | 881 867 223 (despacho de billetes)
Prezo: 3 euros

24 de maio - 25 de maio
/// 19.00

Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15705, Santiago de Compostela
Teléfono: 881 867 229 (oficina) | 881 867 223 (despacho de billetes)
Prezo: 3 euros