AGADIC

Centro Dramático Galego


Taller "A emoción no corpo". Técnica Michael Chejov

Impartido por David Luque


Non sempre poderemos xerar unha emoción.
Pero sempre poderemos xerar un movemento.

Michael Chejov

Dicía Michael Chejov que, cando estamos alegres ou tristes, é o noso brazo, a nosa man, as nosas costas, pernas ou ollos os que están alegres ou tristes. Para as actrices e actores esta afirmación ten un gran potencial liberador, xa que nos permite pór nun segundo plano o noso pertinaz e omnipresente intelecto para, durante a actuación, devolver o protagonismo ao noso corpo.

A técnica Chejov reconéctanos con todas esas reaccións corporais, impulsos e sensacións que experimentamos a diario para poñelas ao servizo da actriz ou actor. Descubriremos como certos movementos poden animar eses mesmos impulsos e reaccións para que o intérprete non "empurre" as emocións. O movemento estimulado polo maxín transformarase nunha valiosa ferramenta artística para abrir con sinxeleza a porta á emoción.

David Luque
Formado na Escola de Teatro Mar Navarro e Andrés Hernández na técnica de Jacques Lecoq, completa a súa formación coa licenciatura en Filoloxía Inglesa pola Universidad Autónoma de Madrid. Do 2000 ao 2008 entra a formar parte do elenco estable do Teatro de La Abadía. Cursa estudos de danza con Francesc Bravo, de acrobacia con Helena Lario, canto e música no Conservatorio de Música Maestro Barbieri e clarinete con Joan Espasa. No Teatro de la Abadía participa en numerosas montaxes da man de José Luis Gómez, Hansgünter Heyme, Dan Jemmett ou Hernán Gené. Entre os seus últimos traballos destacan El Público (Àlex Rigola), Oficina para las vidas post-idénticas (Matthias Rebstock), Platonov (Gerardo Vera), La colmena científica (Ernesto Caballero) ou Las dos bandoleras (Carme Portacelli).

En cine traballou ás ordes de Carlos Saura, Milos Forman, Roberto Santiago ou Ángeles González Sinde. En televisión participou en series como El Ministerio del tiempo, Bandolera e El síndrome de Ulises, entre outras. Máis recentemente, protagonizou o filme Teresa.

Como tradutor ten publicados para Alba Editorial La preparación del director. Siete ensayos sobre teatro y arte de Anne Bogart e Lecciones para el actor profesional de Michael Chejov.


luque


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal