Creación e coreografía: Javier Martín
O estado cru é un solo de danza baseado no traballo de improvisación a nivel de movemento e luz. Trátase dunha traxedia sutil, sen sangue. Unha traxedia no sentido clásico ou grego da palabra, na que se bailan esas situacións en que un mira a un inimigo coa animosidade do que ve no de en fronte os seus propios defectos. Unha montaña de rosas vermellas que se derruba e acaba estendida polo chan, a figura dun esqueleto á beira do bailarín, uns cornos de cervo habitando un espazo de néboas onde sucede a danza.
Estreada en outubro de 2010 no Teatro Rosalía de Castro na Coruña, foi destacada en 2016 polo catálogo Dance from Spain editado por FECED.
Coreógrafo e performer, o traballo de Javier Martín vira ao redor da investigación nas artes do movemento e está baseado nos rigores da improvisación como principal método de creación e linguaxe escénica. Desde os seus inicios en 2004 estreou máis de 30 pezas da súa creación. De formación académica en ciencias (é químico, especializado en mecánica cuántica) e cun interese especial na filosofía, o seu traballo como creador é tamén un proceso de investigación de corte epistemolóxico.