Texto: Roi Vidal Ponte
Dirección: Isabel Rei
Estamos nun teatro á italiana coa súa decoración burguesa típica de finais do século XIX. Vai chegando o público que toma asento nos seus palcos, mentres os músicos afinan e os cantantes quentan as súas voces. Soa o último timbre e comeza a representación da ópera Romeo e Xulieta de Gounot, V acto da morte dos amantes de Verona. Ao remate, unha voz radiofónica anuncia a representación dun crime que sucedeu, na Scala de Milán no ano 1968, ao remate desta ópera.
A partir de aí, todo un xogo de intrigas, miserias e vaidades desenvólvese ante o espectador que, sen aviso previo, poderá ver non só o que sucede sobre o escenario, senón tamén o que acontece entre caixas, nese espazo reservado para artistas, técnicos e misterios sen resolver.
Esta peza foi Premio Barriga Verde 2016 de textos para teatro de monicreques (na modalidade para adultos) convocado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).