TEXTO: Quico Cadaval basándose no imaxinario e na peza de Xosé Luis Méndez Ferrín
DIRECCIÓN: Quico Cadaval
Pistacatro, en coproducción co Centro Dramático Galego (CDG), presenta o seu novo proxecto, un espectáculo de teatro-circo que dirixe Quico Cadaval e que está baseado na peza de Arnoia Arnoia de Xosé Luís Méndez Ferrín e no imaxinario do autor. Non se trata aquí de facer un espectáculo de circo cunha leve desculpa argumental, senón unha peza teatral, de aventuras e prodixios, nas que se usarán os recursos circenses para resolver os problemas escénicos e narrativos que nos inspire a idea motriz.
O Circo da Casa Pequena presenta a historia de Nmonadah, adolescente que con 16 anos perde aos seres queridos nunha guerra. Os sanguinarios Veciños asasinan á Nai Loretta.
Vese só para iniciar un camiño asexado por perigos que adquiren as formas luminosas e inquietantes dos artistas de circo: acrobatas, malabaristas excéntricos, escapistas, fakires, aeristas e clowns.
Nmonadah debe superar as nove probas que o devolvan á súa casa pequena, terá que fuxir dos Veciños, e enfrontarse as adiviñas dos gigantes leberkholm, o cabaleiro da floresta, as damas adormecidas, o labirinto dos Grou, no mundo subterráneo, as caravanas dos homes sen nome e os piratas do Calpurnia Abana.
Unha aventura na que non terá mais axuda que o amuleto Libredón e un castrón: Mestre Lionel.
Un circo na que os artistas en arriscadisimos xogos, poñen en perigo a sua propia memoria e identidade.
Unha lona de circo, coma sempre, será a metáfora do mundo.
Unha conversa entre o mundo múltiple do imaxinario de Ferrín e o prodixioso mundo do circo de Pistacatro Fábrica de soños, e o rol diplomático de Quico Cadaval, ordeando o tráfico.