Texto e dirección: Pablo Fidalgo
Performers: Ángela Millano, Cláudio da Silva, Rocío Berenguer
Anarquismos (Polo medio da habitación corre un río máis claro) conta o soño dun home adulto que lembra a casa e aos tres compañeiros cos que compartiu os seus primeiros anos de mocidade. Desde a conciencia de que a memoria e o soño son mecanismos imperfectos, sabe que só nese territorio indefinido, cruzado por luces e sons da historia, mostraráselle a súa identidade actual. Anarquismos é unha peza sobre a ausencia, os soños, o medo e o silencio que teñen lugar en calquera grupo ou constelación familiar. E, ao mesmo tempo, debuxa as expectativas dunha xeración que enfronta por primeira vez os seus erros e a súa falta de proxecto común. Estruturada como un poema épico e como un retrato de grupo, a montaxe inspírase na visión dos vencidos, dos marxinais e dos instantes decisivos onde aqueles que tiveron algo en común, ideas e utopías, deixan de telo.
Os corpos desta peza non teñen historia, non teñen nome nin identidade. Desde que viñeron ao mundo, contáronlles que a historia non debe removerse, pero eles viñeron preparados para removela de principio a fin. Entón, entran nunha habitación e pregúntanse, míranse, invéntanse unha linguaxe. A habitación é unha pequena illa no medio dun río salvaxe. As correntes da historia dan forma aos corpos e golpéanos contra os muros. Se soubesen o suficiente sobre a historia da disidencia e a anarquía, quizá poderían sobrevivir. Pero, se soubesen o suficiente, non se encerrarían a facer este intento desesperado de vivir doutra maneira. Nesa corrente de amor e odio, os corpos son empuxados nun equilibrio imposible e só se permanecen xuntos, tocándose, coñecéndose, poderán entender quen son, que poden reparar, que vidas e relacións poden aínda explorar. Que aventura é aínda posible nun mundo que se acaba. Revisando a frase de Ricardo Piglia, en Anarquismos "a historia escríbena os vencedores, pero báilana os vencidos".
* A peza inclúe escenas de espidos