AGADIC

Centro Dramático Galego


GALEATRO: Muiñada

Gran Teatro para os Máis Pequenos


Por terceiro ano consecutivo, desde o Centro Dramático Galego queremos apostar pola creación de novos públicos, atendendo con especial esmero ás espectadoras e espectadores máis pequenos e tamén máis exixentes. Aproveitando que as nenas e os nenos teñen máis tempo no Nadal, ofrecémoslles algunhas das mellores propostas do noso teatro. Ademais, as acompañamos con talleres dúas horas antes de cada función, deseñados a partir do que se vai ver no escenario.

Así, as rapazas e rapaces poderán librarse dos seus pais e das eternas compras, aprenderán algo novo, entenderán moito mellor o espectáculo que van ver, e levarán a casa o resultado da súa actividade no taller.

MUIÑADA

Sabela e Xacobe encóntranse nun muíño de auga por un malentendido coas quendas. Ao veren que os dous non poden moer ao mesmo tempo, comeza unha discusión na que o xogo, as lendas, a tradición e a música farán que as cativas e os cativos e as persoas que non o son tanto se acheguen a unha construción fundamental para a historia de Galicia: o muíño.

Muiñada é unha viaxe ao pasado para as nenas e nenos de hoxe. Unha viaxe que serve para coñecer de onde vimos e para non deixar morrer a memoria das nosas avoas e avós. Muiñada é tradición, é festa, é música e, sobre todo, teatro para toda a familia. Porque unha noite no muíño, unha noite non é nada, pero unha semaniña enteira...

Xoves 3 de xaneiro ás 19.00 h e venres 4 de xaneiro ás 12.30 h

+ Taller CÁNTAME UN CONTO. O espazo sonoro e os contos

Antes de que as pantallas formasen parte da nosa vida diaria, as xentes sentaban a contar historias. Hoxe esas historias son a base da nosa tradición popular.

A través de xogos e refraneiros populares, achegarémonos a técnicas de dramaturxia e a conceptos do traballo das actrices e actores coma acotacións, personaxes Así mesmo comprobaremos o impacto que ten o son na construción de ambientes teatrais, recuperando o xeito de crear da nada e experimentando con diferentes propostas e maneiras de contar.

Xoves 3 de xaneiro de 17.00 a 19.00 h e venres 4 de xaneiro de 10.30 a 12.30 h

* Non se require que un adulto acompañe ao menor durante o taller, pero si durante a función.

Prezos e venda de entradas:

Na billeteira do Salón Teatro 2 horas antes de cada función
entradas.abanca.com ou no teléfono 902 43 44 43

Prezo xeral + taller gratis: 8,00
Prezo familiar + taller gratis 6,00 : 3 entradas ou máis para a mesma ou distintas funcións

Imprescindible a reserva telefónica previa das prazas no 881 867 229 para os bonos. As prazas asignaranse por estrita orde de reserva telefónica/compra ata esgotar as prazas dispoñibles. Número de prazas dispoñibles: 30


Ficha artística:
Dirección: Davide González
Texto: Ana Carreira
Intérpretes: Alba Bermúdez e Tone Martínez
Escenografía: Anahí Taraburelli
Asesoramento de danza: María Martínez
Duración: 50 minutos
Público a partir de 6 anos

muinada

Documentos relacionados



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal