AGADIC

Centro Dramático Galego


Amarelo, con Davide Salvado


Davide Salvado presenta o seu novo espectáculo, AMARELO. Cancións tradicionais galegas e non só, tamén doutras partes do mundo, reinterpretadas desde a óptica contemporánea que caracteriza a Davide e acompañadas dos textos do escritor, guionista e actor Manolo Cortés.

Para o directo, Davide estará arroupado polo bo facer de dous dos grandes da música galega actual: Pedro Pascual (acordeón diatónico, bouzouki e guitarra) e Pablo Pascual (ventos).

Davide Salvado é sen dúbida unha das voces máis carismáticas do noso país. De formación autodidacta, leva media vida recorrendo as aldeas na procura de ritmos, coplas e danzas. De todas esas mulleres que se foi atopando, aprendeu non só a tradición na música, se non todo un xeito de vivir. O amor a todas esas prácticas tradicionais e o respecto pola terra, fan do xeito de entender o canto para Davide moito máis que simplemente música.

En 2003 comenzou a súa carreira profesional xunto a Ugia Pedreira (Marful) e o grupo Ecléctica Ensemble. Pouco despois, uniuse como cantante e percusionista á banda do recoñecido gaiteiro Budiño, coa que xirou por escenarios de medio mundo.

En 2011, editou o seu primeiro traballo en solitario, Árnica Pura , producido por Eliseo Parra, que esgotou catro edicións. Tras dous anos de xira, presentou O Ladrón de Amorodos, un espectáculo a trío xunto o acordeonista Santi Cribeiro (Berrogüetto) e o percusionista e gaiteiro Cristian Silva.

Con este espectáculo, Davide foi escollido polo xurado internacional para a sección oficial de WOMEX 2014, a feira de world music máis importante do mundo. Grazas a isto, conseguiu unha grande presenza nos medios especializados internacionais, onde falaron del como unha das grandes descubertas do 2014.

En 2015 editouse o disco Rústica, un proxecto moi especial e efémero xunto a Cristina Pato, Anxo Pintos e Roberto Comesaña, que acadou moi boas críticas. Tamén editou o seu novo disco en solitario, LOBOS, producido por Pedro Pascual (Talabarte, Marful), no que Davide se ve arroupado por músicos do tamaño de Santi Cribeiro (arranxista de moitos dos temas), Xavi Lozano (Coetus), Quim Farinha (Berrogüetto), Miguel Hiroshi ou LAR Legido (Sumrrá), entre outros.

Davide Salgado obtivo o premio a mellor proxecto de música tradicional nos Premios Martín Códax da Música 2017.


amarelo


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal