AGADIC

Centro Dramático Galego


TALÍA TEATRO: Lambetadas

GRAN TEATRO PARA OS MÁIS PEQUENOS

Dirección: Santiago Cortegoso
Elenco: María Ordóñez e Diego Rey

Unha lambetada é un doce, algo saboroso, que se come por gusto. Pero tamén é a acción de pasar a lingua buscando un efecto agradable. Partindo da dobre acepción da palabra elaboraremos un doce e gorentoso espectáculo teatral, pasando a lingua a modiño, con deleite, sobre unhas historias que nos deixarán un doce sorriso nos beizos

Dous personaxes excéntricos entran en escena. Como non saben quen son, nin de onde veñen, nin cara a onde van, non lles queda máis remedio que coñecérense, tanto un ao outro como a eles mesmos. O que descobren é que para atopar a súa identidade deberán saber o que lles pasa ás súas linguas. Porque sen unha lingua propia chea de saúde non se poden lamber as lambonadas, que é o máis rico que hai.

Hai linguas e linguas. E non hai unha igual cá outra. Iso si: cada quen lambe coa súa. Non vai lamber con outra. Porque se tes unha lingua tes que empregala. E vale para lamber calquera cousa. E para falar de calquera cousa. E en calquera situación. Porque todas as linguas valen para o mesmo. Para entenderse. Para comunicarse. Para dicir o que cada quen queira dicir. E para lamber o que cada quen queira lamber. Para lambiscar e gozar, para darse gusto.

Lambetadas é un espectáculo para público familiar e infantil, recomendado para nenas e nenos de 6 a 11 anos de idade, que ten como obxectivo fundamental a concienciación e posta en valor da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual.

O traballo de creación baséase nos textos encargados ex profeso a varios autores (Santiago Cortegoso, Sechu Sende e María Canosa), que son levados a escena baseándose no universo do clown e nas técnicas do teatro de obxectos. Mediante o xogo escénico e o humor, os dous protagonistas han pasar por diversas situacións cómicas que os levarán, sempre desde unha linguaxe naif e inocente, a encarnar múltiples personaxes con diferentes oficios e disciplinas. Pero han acabar descubrindo que a identidade está na propia lingua, porque con ela se poden saborear as lambetadas máis doces e variadas.

+ Taller AO REVÉS
Venres 3 de 17 ás 19 h. e sábado 4 de 10:30 a 12:30 e de 17:00 a 19:00 h na Biblioteca do Salón Teatro
Idade recomendada: 5 anos

Cun nariz de paiaso e un xogo de teas, obxectos e palabras, vestirémonos do revés xogando a ser outros. Como nos pode transformar o vestiario dun personaxe? E cando o personaxe é un obxecto inanimado? Con este obradoiro ademais de buscar novas formas expresivas, poñeremos o foco na importancia do vestiario en escena así como na manipulación de obxectos.

* Non se require que un adulto acompañe ao menor durante o taller, pero si durante a función.

Prezos e venda de entradas:
Na billeteira do Salón Teatro 2 horas antes de cada función, en entradas.abanca.com ou no teléfono 902 43 44 43

Prezo xeral + taller gratis: 8,00
Prezo familiar + taller gratis 6,00 : 3 entradas ou máis para a mesma ou distintas funcións

Reserva de prazas nos talleres:
Non terán validez as prazas reservadas por correo electrónico.
Imprescindible a reserva telefónica previa das prazas no 881 867 229 (de 9 a 14 h.). As prazas asignaranse por estrita orde de reserva telefónica/compra ata esgotar as prazas dispoñibles. Prazas limitadas: 30.


Ficha artística:
Dirección: Santiago Cortegoso
Elenco: María Ordóñez e Diego Rey
Escenografía e iluminación : Dani Trillo
Vestiario e maquillaxe: Martina Cambeiro
Produción: Áurea Ferreiro
Deseño gráfico: Fausto Isorna
Público de 4 a 9 anos

lambetadas


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal