AGADIC

Centro Dramático Galego


CDN, CDG e Chévere: Dramawalker Vite

Proxecto de mediación no barrio en colaboración co Centro Dramático Nacional, o Centro Dramático Galego e o grupo Chévere

Idea e creación: Chévere
Dirección artística: Xron

Desde a década de 1950 o turismo ligado ao mito xacobeo condicionou a planificación e desenvolvemento urbano de Santiago de Compostela. Provocou cambios de uso radicais en edificios históricos como o antigo Hospital Real, convertido en hotel en 1954. Obrigou a abrir novas vías de acceso directo ata a catedral, eliminando os camiños tradicionais de conexión da cidade histórica cos barrios, como pasou coa apertura da Avenida Xoán XXIII a comezos dos anos 60. Afastou a urbanización do norte da cidade coa instalación dun albergue de peregrinos temporal para o ano santo de 1965, o Burgo das Nacións, cuxos barracóns foron reconvertidos e funcionaron como residencia de estudantes. E desde os anos noventa acelerou o proceso de substitución do comercio tradicional do casco histórico por tendas dirixidas ao consumo rápido de turistas e o proceso de abandono das vivendas, transformadas en hoteis e aloxamentos turísticos.

Pero Santiago de Compostela non é só a súa cidade histórica. É moito máis. A persoa que teña a curiosidade necesaria para ir máis alá dos fitos sinalados nas guías turísticas, ten que nos acompañar para descubrir un dos seus barrios máis populares: Vite, sen o que non se podería contar completa a historia da cidade dos últimos 50 anos. Un barrio poboado maioritariamente por persoas con escasos recursos procedentes doutras zonas da cidade, que foron realoxadas en pisos de protección oficial entre finais dos 70 e comezos dos 80. Un barrio que é o reverso da cidade turística, que representa a vertente máis social do planeamento urbano, que enfronta e conecta o desarrollismo franquista coa Transición, que integra comunidades diversas, que acolle un orgulloso tecido social e comunitario, que sabe o que significa ter que loitar para conseguir infraestruturas básicas e mellorar a vida da súa veciñanza, que leva marcada na pel a pegada das drogas e que inventou aquel berro de autodeterminación que marcaba a diferencia na cidade nos noventa: Vite Nazón!

Dramawalker Vite é un proxecto de mediación e creación escénica sobre a memoria do barrio de Vite guiado polo grupo Chévere, baseado en ficcións sonoras xeolocalizadas, para seren escoitadas dando un paseo. Trátase de saír dos teatros á procura da memoria urbana das nosas cidades. Máis alá da historia oficial do barrio, Dramawalker pretende construír unha intrahistoria a partir dos testemuños da veciñanza, potenciando o seu vínculo emotivo e identitario e achegando ao resto da cidadanía a un novo mapa de vivencias por descubrir. Historias que viven no cotián, no máis próximo, nas prazas, nos bares, na xente que atopamos pola rúa.

O proxecto componse das seguintes historias:

A cidade simbólica non deixa ver a cidade real.
Paseo audioguiado desde o número 44 da Rúa Nova ata o comezo do barrio de Vite.
Con Patricia de Lorenzo.

Espírito do bosque, de Carlos Santiago.
Capítulo 1 na parada núm. 058 do autobús urbano, na Avenida Castelao.
Capítulo 2, baixando pola rúa de Alexandre Bóveda.
Capítulo 3, descampado na rúa de Ulpiano Villanueva, detrás da EOI.
Con Miguel Varela y Ricardo de Barreiro.

Sinfonía de Vite en 4 movementos veciñais, de Paula Carballeira.
Capítulo 1, onde se encontraba o bar AMBER, na avenida de Castealo núm. 8.
Capítulo 2, no pavillón municipal, na rúa de Xesús Carro núm. 5.
Capítulo 3, no CSC José Saramago, na rúa de Carlos Maside núm. 5.
Capítulo 4, fronte ao antiguo local da AAVV Polígono de Vite, nas Praciñas de Belén.
Con Arantza Villar y Daniel Baamonde.

A Ponderosa, de Manuel Cortés.
Na zona de xogos infantís do Parque Pablo Iglesias.
Con Eduardo Rodriguez Cunha "Tatán", Manuel Cortés, Xron, Patricia de Lorenzo, Ricardo de Barreiro, Mónica García y Miguel de Lira.

O Monumento, de Esther F. Carrodeguas.
Baixo o acueduto de Ponte Mantible.
Con Miguel de Lira, Mónica García, Manuel Cortés.

Chévere, a compañía

Chévere é unha compañía de axitación teatral con 33 anos de traballo ao lombo, que soubo manter con naturalidade unha proposta de creación colectiva tan irreverente como xenuína e un sólido compromiso social, político e cultural. En 2014 recibiu o Premio Nacional de Teatro. Chévere formouse en Santiago de Compostela en 1987 e desde entón actuou en centos de vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos. Fixo espectáculos de moi diferentes estilos e formatos e traballou en espazos pouco convencionais (na rúa, en barcos, ríos, aeroportos, carpas de circo, escaparates...). Usando o humor como filosofía e a risa como expresión as súas obras, froito dun rigoroso proceso de documentación, levan ao palco os debates e conflitos do presente cunha linguaxe escénica contemporánea accesible a todos os públicos.


Ficha artística:
Producción: Centro Dramático Nacional (CDN), Centro Dramático Galego (CDG) e Grupo Chévere
Idea e creación: Chévere
Textos: Carlos Santiago, Paula Carballeira, Manuel Cortés, Esther Carrodeguas, Xron
Elenco: Patricia de Lorenzo, Arantza Villar, Mónica García, Miguel de Lira, Miguel Varela, Ricardo de Barreiro, Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán", Daniel Baamonde, Manuel Cortés
Deseño de son: Xacobe Martínez Antelo
Dirección artística: Xron
Investigación e documentación: Xron, Manuel Cortés
Comunicación: Xana García
Vídeo: Lucía Estévez, Dani Cornes
Ilustracións: Tristán Ron Ferreirós

O proceso de documentación e recollida de historias fíxose coa participación e colaboración da veciñanza do barrio e do seu tecido asociativo: AAVV Polígono de Vite, Coordenadora do Barrio de Vite, Plan Sociocomunitario de Vite, Centro Socio Cultural José Saramago, Vite Arquiva, Asemblea de Cooperación Pola Paz, Brais Santomil, Rosa Álvarez, Xosé López Gori, Xesús Iglesias Luqui, Alfredo Santomil, Lano Villaronga, Mabel Requeijo, Juan Manuel Gianzo, David Barreiro, María Masaguer, Íñigo Sánchez, Joel R. Gómez, Sagra, Marisa, Loli, Dores, Branca, Uxío, Merce.



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal