AGADIC

Centro Dramático Galego


CLÁSICAS DESFEITAS VOL. 6: As dúas marxes de Antígona

A partir de textos de Sófocles
Dirección: Iván Solarich

O ciclo Clásicas Desfeitas comeza en 2023 tomando a figura da Antígona de Sófocles como punto de partida para reflexionar, desde o presente, sobre a lei, a transgresión e a xustiza. O director artístico de El Mura, Iván Solarich, reúne un elenco internacional formado por artistas de Galicia, Portugal e Uruguai para dar forma a esta renovada versión da traxedia grega dentro das Residencias Artísticas do Gaiás - REGA23.

Sinopse

Antígona é historia, litixio, muller.

Antígona memoria, Antígona cuestiona.

Antígona representa un pasado moi afastado, e á súa vez interpela un presente ardente.

Antígona desafía a lei, contrapón a orde cívica ao divino, a liberdade individual ás leis do Estado, a muller sometida á empoderada. Fala de autocracia, democracia e de xénero. De xustiza e de ética. Fala de nós en pleno século XXI. Dunha ardente contemporaneidade: esa é a súa potencia, o mandato da súa renovada lectura. E o teatro, arte maiúscula do presente, convoca a actrices de dúas beiras para que Antígona teña a posibilidade de vibrar desde as propias historias destas mulleres de hoxe.

En momentos que unha nova conflagración planetaria ameaza, e que discursos mesiánicos e cheos de odio adquiren a vontade dalgunhas multitudes; a presenza, palabra e o xesto de novas «Antígonas», quizais se poidan converter nalgo belo e necesario. Ou imprescindible, talvez. O Un diálogo transversal de saberes teatrais e conxunturas persoais entre América e Europa, un intercambio fecundo que desde o xénero interpela ao poder.

Cun océano que nos separa, e un proxecto teatral que nos reúne, As dúas marxes de Antígona convértese nunha brutal provocación que permite contar historias de hoxe. Historias do noso tempo. Historias de mulleres. Palabras descoñecidas.


Ficha artística:

Dirección: Iván Solarich
Elenco: Mercé de Rande, María Eugenia Margalef, Clara Cunha, Inês Minor
Organiza: Centro Dramático Galego e Cidade da Cultura de Galicia, en colaboración co Festival Internacional de Teatro do Alentejo (Portugal) a través de Léndias d’Encantar, o Instituto Nacional de Artes Escénicas de Uruguai a través de El Mura (Uruguai) e Teatro D’ Dos (Cuba).

as_duas_marxes_antigona


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal