A fraxilidade do paseo, do que pasa, do que foxe, da conversación peregrina que nos leva, buscando algo, dun lugar a outro; aceptando o desarraigamento e asumindo o desexo de mostrar un saber torcido, iluminado oblicuamente.
Nesta forma de pensar coas tripas que nos caracteriza, recoñecemos "o que non pode dicirse e só pode ser mostrado" sen necesidade de preguntarnos se é verdadeiro ou se ocorreu realmente.
Quen falou da utopía da fuxida, sabe que non ten onde. Converteuse en global, xa non é privilexio exclusivo europeo, a historia non se escribe xa en Europa.
A casa Europa. Entón, a que casa mudarse? Con que petos? Seguimos atrapados no tempo cronolóxico, o tempo da historia, proxectándonos continuamente cara a un futuro pero cargando con todo o peso do noso pasado —convertido en ruínas pero moi ben conservado e arquivado—.
Ante a fraxilidade das ruínas, fantasío cunha Europa lavada ou arrasada pola choiva, na que fose varrido o eurocentrismo. Unha Europa porosa, capaz de ser observada, construída, habitada desde outras perspectivas, tamén cos seus propios ollos, os nosos ollos.
Quizais a auga de choiva nos faga máis flexibles. Quizais nos permita recuperar a inxenuidade necesaria para poñer outro prato na mesa.
Ana Vallés
Matarile Teatro
Os seus directores artísticos, Ana Vallés e Baltasar Patiño, fundan a compañía no ano 1986 en Santiago de Compostela, onde tamén son promotores de espazos de exhibición para a creación contemporánea. En 1993 e ata 2008 crean e xestionan o Teatro Galán, espazo destinado á programación e difusión do teatro e a danza contemporáneas en Galicia. Entre 1993 e 2005 o Teatro Galán foi destinado á programación e á creación, con máis de 1.300 actuacións realizadas. Nos seus tres últimos anos de vida destínase unicamente á creación e residencias artísticas.
De 1995 a 2007 impulsan o Festival Internacional de Danza en espazos urbanos En Pé de Pedra. En 2017 crean un espazo im-permanente e independente de exhibición, a SaLa Montiel. Puxeron en escena máis de 30 espectáculos, incontables performances e propostas sen formato concreto, cos que a compañía alcanzou máis de vinte premios e mencións en distintos puntos de España e Europa.
Os espectáculos de Matarile e Ana Vallés presentáronse en cidades como: Boston, Belgrado, París, Novi Sad, Porto, Leipzig, Boloña, Dresden, Edimburgo, Almada, Bayonne, Bucarest, Rennes, Dinan, Douarnenez, Lanester, Brasília, Tavira, Varsovia, Viana do Castelo, Cluj-Napoca, Timisoara.