A nai é un espectáculo teatral multidisciplinario, que emprega ferramentas do teatro documento e da autoficción, sen perder nunca o sentido do humor. O espectáculo explora, a través das figuras das irmás Lola, Julia e Amparo Touza, e das súas fazañas como salvadoras dunha cantidade estimada de 500 persoas durante o Holocausto, a posibilidade de sermos mellores persoas en tempos de degradación moral.
Empregando a memoria como ferramenta de análise para o presente, e material de construción para o futuro, trazaremos relacións entre a vida e obra das irmás e as nosas propias vidas, tratando de establecer un paradigma de acción ética que abra unha vía para construír unha sociedade mellor.
Recibiu o premio Luísa Villalta para proxectos en igualdade da Deputación da Coruña.
Acceso ao espectáculo
Non haberá venda de entradas para público xeral. Non obstante, as persoas que queiran asistir poderán recoller un convite por espectáculo na oficina de coordinación da Zona PRO (Centro Obra Social Abanca, Praza de Cervantes, s/n, Santiago) os mesmos días de celebración de Galicia Escena PRO, en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.
O acceso aos espectáculos realizarase na seguinte orde: persoas acreditadas con entrada reservada, persoas acreditadas sen reserva de entrada e público xeral con convite.