AGADIC

Centro Dramático Galego


Liñas e obxectivos

O Centro Dramático Galego é unha unidade de produción dentro da AGADIC. Mais tamén é unha unidade de creación, con vida propia, un lugar onde xerar ideas, difundilas. E como tal débese desenvolver e expandir. O CDG debe de ser un referente e un apoio para a creación dramática galega.

E iso é o que queremos transmitir á sociedade galega, o compromiso coa realidade en que vivimos, co que está a suceder. No CDG falamos do que pasa hoxe, aquí e no mundo, do que nos preocupa. Ninguén mellor ca nós mesmos para contármolo. É momento para crer no que facemos, traballando dende a nosa realidade, apoiando os nosos creadores, vencellando profesionais doutras disciplinas artísticas que poden achegar a súa madurez creativa aos nosos procesos, e non buscando o éxito inmediato que nada vai deixar.

O Centro Dramático Galego, como unidade de produción teatral da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten como obxectivo a realización dunha programación escénica que faga posible que o espectador da nosa comunidade teña unha visión completa do panorama dramático contemporáneo.

Por ese motivo as liñas en que se sustenta a programación serán as seguintes:
  • A representación dos grandes repertorios dramáticos clásicos, galegos e internacionais, postos ao día e enfrontados á realidade dos nosos coetáneos.
  • A representación dos grandes repertorios dramáticos contemporáneos, galegos e internacionais.
  • A residencia dun dramaturgo galego na tempada teatral.
  • A posta en escena de espectáculos destinados ao público infantil e familiar.
  • O apoio e a apertura a outros xéneros artísticos e manifestacións parateatrais -o circo, a danza, a performance, expresións vocais-musicais...-.

Deste xeito materializamos unha programación acorde co espírito da institución, que fidelice e diversifique públicos e que faga do Centro Dramático un referente da produción dramática feita en Galicia, e do Salón Teatro, a través dunha programación sistemática, plural e de recoñecida calidade, un espazo emblemático para a cidade e a súa área metropolitana, así como para toda a Comunidade Galega. Unha programación que abarque e respecte as tempadas teatrais naturais.

AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal