AGADIC

Centro Dramático Galego


martesdecarnval_580x250

CDG: Martes de Carnaval

Ramón María del Valle-Inclán

Ano: 2017

Marta Pazos, directora

Martes de Carnaval é historia de España. Preséntanse neste proxecto, por primeira vez en galego, dous dos esperpentos de Valle-Inclán. O noso autor ataca directamente aos poderes militares, políticos, monárquicos e eclesiásticos, para facer un retrato escuro, tráxico e lúcido dun país.

As galas do defunto comeza en Galicia en 1898, nunha cidade portuaria co sabor da derrota nos beizos e toda a resaca que provocou a guerra de Cuba. Para construír A filla do capitán, o autor partiu de dous acontecementos reais da época: o pronunciamento de Primo de Rivera en 1923 e o crime do Capitán Sánchez, famoso na prensa sensacionalista, en 1913.

Valle-Inclán desprega nestas pezas a súa capacidade satírica e acidez, para conformar así un bodegón da mediocridade e corrupción de baixa estofa que imperaban nos altos estamentos políticos e militares. Isto é España, as miserias dos poderosos várrense debaixo da alfombra e aquí non pasou nada.

Do corazón desta gran chafallada nacional xorden os seus personaxes, vítimas dunha patria que lles pasa por riba como unha apisoadora e contra a que se rebelan coas únicas armas que lles aprenderon: a extorsión, a mentira e a picaresca.

Por fin podemos gozar de Valle en galego. E facelo a través de dúas pezas tan en sintonía coa nosa realidade. Maxicamente para o seu autor, que se converte aos ollos contemporáneos en visionario do signo dos nosos tempos. Traxicamente para nós, que nos atopamos ante a terrible tarefa de asumir que a nosa realidade (o noso país, Europa, o mundo; a condición humana, en fin) mudou ben pouquiño desde que Valle escribira que na guerra (...) só se busca o gasto de municións. É unha porca vergonza. O soldado, se soubese a súa obriga e non fose un paria, debía tirar sobre os seus xefes (...). E que estas palabras descarnadas son extrapolables a todas as ordes das nosas vidas.
Esta viaxe asegura unha travesía divertida, intensa e emocionante. Valle-Inclán presenta en Martes de Carnaval un delicioso río de inmundicia. Só nos resta tirarnos de cabeza e gozar do baño. A ocasión ben o merece.

SINOPSES

As galas do defunto
Un soldado retorna á súa patria despois de combater na guerra de Cuba. Ao chegar, atópase coa Daifa, unha moza que se viu obrigada a exercer a prostitución despois de ser desprezada polo seu pai a causa dun embarazo fóra do matrimonio.
Ante o aspecto miserento do soldado, a moza rexéitao. Este conduce os seus pasos ao cemiterio, onde desenterra o cadáver do seu recentemente finado caseiro para vestir coas súas ricas roupas e así poder presentarse ante a Daifa con inmellorable aparencia. O que non espera é que o seu caseiro sexa o propio pai da Daifa…

A filla do capitán
O Capitán "Chuletas de Sarxento", acusado de dar carne de prisioneiro no rancho da tropa, elude a xustiza cedéndolle os favores da súa filla Sini ao seu xeneral, un vividor moi ben posicionado no alto mando militar.
Por despeito, o namorado de Sini, un pobre músico ambulante, busca vinganza sobre o xeneral, pero confunde a vítima e asasina un popular home de negocios que portaba na carteira poderosos documentos.
As tentativas de ocultaren o crime por parte de todos os implicados provocan unha bola de neve que deriva nunha sucesión de chantaxes, ameazas, tratos coa mafia, manipulación xornalística, loitas políticas e sublevacións militares nun fiel retrato dun país onde as decisións da alta política veñen derivadas dos vicios, os abusos e a ineptitude dos seus responsables.


Ramón María del Valle-Inclán, autor

Escritor e dramaturgo, Ramón María del Valle-Inclán foi un dos grandes autores de principios do século XX, exemplo de modernismo literario e membro da chamada Xeración do 98.

Nacido en Vilanova de Arousa (Pontevedra) no seo dunha familia acomodada vinda a menos, Valle-Inclán estudou en Santiago de Compostela a carreira de Dereito, máis por desexo do seu pai que por propia convicción. Tras a morte do seu proxenitor en 1890 abandonou os estudos e trasladouse a Madrid, onde comezou a facerse coñecido en faladoiros e cafés. Alí gaña diñeiro con colaboracións xornalísticas e publicando algúns contos, pero en 1892 decide viaxar a México onde segue ligado ao mundo do xornalismo, como articulista e tradutor.

De novo en terras galegas, é en Pontevedra onde mostra o seu renovado enxeño e vese influído polo decadentismo. En 1895 publicaría Femininas, a súa primeira antoloxía.

Instalado en Madrid, empeza a coñecer personaxes destacados como Pío Baroja, Azorín ou Benavente, frecuenta cafés e malvive con moi poucos recursos económicos. En 1896, tivo unha disputa con Manuel Bueno que desembocou nunha ferida que lle gangrenou o brazo, provocando a súa amputación. A súa figura de manco, con abundante barba e pelo longo, converteríase en aceno inconfundible de identidade.

Pouco despois comeza a súa carreira como dramaturgo, estreando obras como Cenizas, e empeza a formar parte do movemento de fin de século xunto a autores como Unamuno. Chegado xa o século XX, Valle-Inclán publicou as súas famosas Sonatas.

Quizais a súa etapa máis creativa viría a partir de 1910, con obras como Voces de Gesta ou La marquesa Rosalinda, aínda que as críticas que recibe non son todo o positivas que cabería agardar. Daquela a obra de Valle-Inclán vólvese máis persoal e decide dedicarse á novela. Deste período cómpre destacar Tirano Banderas (1926) e a peza Luces de bohemia (1920) na que o esperpento se mestura coa realidade do Madrid dos cafés e a cínica tradición española.

Valle-Inclán morreu en Santiago de Compostela o 5 de xaneiro de 1936.


martesdecarnaval_297x200

Marta Pazos, directora

Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona na especialidade de pintura, Marta Pazos comeza a dirixir no ano 2000. Desde entón asina a posta en escena dunha vintena de espectáculos, desenvolvendo o seu traballo (e a súa vida) a camiño entre Portugal e Galicia.

As súas direccións estiveron presentes en escenarios internacionais como MA Scéne Nationale (Francia), Festival de Almada (Portugal), Festival de Agosto (Mozambique), Festlip (Brasil), FITEI (Portugal), Festivais Gil Vicente (Portugal) ou Capital Europeia da Cultura-Guimarães 2012 (Portugal); no ámbito estatal puideron verse en Temporada Alta de Girona, Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, Festival de Teatro Clásico de Alcalá de Henares, Frinje Madrid, MIT de Ribadavia e Escenas do Cambio de Santiago de Compostela, entre outros.

En 2011 outórgaselle o Premio de Teatro María Casares á Mellor Dirección por Super8, converténdose na directora máis nova en recibir este galardón, que se lle volveu conceder en 2013 por Tokio3 á Mellor Dirección e Escenografía. Entre outros galardóns recibidos cóntanse tamén o terceiro premio do Certame Nacional de Directoras de Torrejón de Ardoz, e o premio INDIFEST14 na categoría de intérprete protagonista.

Como actriz traballou no Teatro Nacional São João do Porto, o Centro Dramático Galego, o Centro Dramático de Aragón e nas compañías Teatro Oficina, Chévere, Trigo Limpo, La Fura dels Baus e Belmondo.

En 2007 funda en Santiago de Compostela a compañía Voadora, xunto ao actor Hugo Torres e o produtor Jose Díaz, na que desenvolve un traballo de investigación en creación escénica e dramaturxia contemporánea. Voadora conta na súa traxectoria con máis dunha decena de premios. En 2013 recibe o Premio da Crítica de Galicia.


Iria Azevedo
César Cambeiro
Mercedes Castro
Anabell Gago
Miquel Insua
Alejandro Jato
Pablo Rivero Madriñán
María Roja
Machi Salgado
Sergio Zearreta


Equipo artístico
Autoría: Ramón María del Valle-Inclán
Dirección: Marta Pazos
Movemento: Rut Balbís
Escenografía: Fernando Ribeiro
Vestiario: Uxía Vaello
Iluminación: José Álvaro Correia
Música: José Díaz e Hugo Torres
Caracterización: Esther Quintas Salgado
Tradución: Manuel Cortés
Asesoría de dramaturxia: Hugo Torres
Asesoría lingüística: Rosa Moledo
Traballo de palabra: Ernesto Arias
Asistencia de dirección: Gena Baamonde
Asistencia de escenografía e iluminación: José Faro, "Coti"
Asistencia de vestiario: María Villas
Asistencia de produción: José Díaz

Realizacións
Escenografía e utilería: Equipo técnico do CDG
Estrutura da cama: Armesa
Vestiario: Equipo técnico do CDG e do Centro Coreográfico Galego (CCG), coa colaboración de Josefina Martínez e María Porto
Fotografía: Miramemira
Deseño gráfico: Trisquelia
Imaxe do cartel: coRTarcabezas collage (Toño FM e Raúl Lago)

Agradecementos: Salva Bolta, Hotel Costa Vella, Café Bar Derby, Rita Grangeia, Carmen Juanatey, Xosé Luis Méndez Ferrín, Margarita Santos Zas, Isi Seoane e Clotilde Vaello

Duración: 1 h 10 min (As galas do defunto) + 15 min (intervalo) + 1 h 10 min (A filla do capitán)


Maio 2017

Tui, no Teatro Municipal
Venres 5. Función. 21.30 h

O Barco de Valdeorras, no Teatro Lauro Olmo
Venres 12. Función. 21.00 h

Ourense no Teatro Principal
Venres 19. Función escolar. 11.00 h
Sábado 20. Función. 20.30 h

Xuño 2017

A Coruña, no Teatro Rosalía Castro
Venres 2. Función. 20.30 h
Sábado 3. Función. 20.30 h

Rianxo, no Auditorio Municipal
Venres 9. Función. 21.00 h

Valencia, no Teatro Principal
Festival Tercera Setmana
Domingo 11. Función.

Pontevedra, no Auditorio Afundación
Xoves 15. Función. 20.30 h

Vigo, no Teatro Afundación
Xoves 22. Función. 20.30 h

Santiago de Compostela, no Salón Teatro
Mércores 28. Función. 21.00 h
Xoves 29. Función. 21.00 h
Venres 30. Función. 21.00 h

Xullo 2017

Santiago de Compostela, no Salón Teatro
Sábado 1. Función. 21.00 h
Domingo 2. Función. 19.30 h
Mércores 5. Función. 21.00 h
Xoves 6. Función. 21.00 h
Venres 7. Función. 21.00 h
Sábado 8. Función. 21.00 h
Domingo 9. Función. 19.30 h
Mércores 12. Función. 21.00 h
Xoves 13. Función. 21.00 h
Venres 14. Función. 21.00 h
Sábado 15. Función. 21.00 h
Domingo 16. Función. 19.30 h


Ligazóns

Próximas representacións

28 de xuño de 2017 - 1 de xullo de 2017
/// 21:00
Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15704, Santiago de Compostela
Teléfono: 981581111
Prezo: 10 euros (40% desconto: estudantes, xubilados, maiores de 65 anos, usuarios do carné xove, desempregados, familias numerosas, grupos a partir de 10 persoas, xornalistas e profesionais das artes escénicas). 3x2: se traes dúas persoas, invitámoste ao teatro (só na billeteira). Venda anticipada de entradas en abanca.com e na billeteira do Salón Teatro dúas horas antes do comezo da función.

2 de xullo de 2017
/// 19:30
Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15704, Santiago de Compostela
Teléfono: 981581111
Prezo: 5 euros (Domingo, día do espectador). Venda anticipada de entradas en abanca.com e na billeteira do Salón Teatro dúas horas antes do comezo da función.

Ver todas

Galería de imaxes

Anterior Ampliar Seguinte



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal