AGADIC

Centro Dramático Galego


as_oito_580x250

CDG Obras: Ás oito da tarde, cando morren as nais

De AveLina Pérez

Ano: 2022

Marta Pazos, directora

Ás oito da tarde, cando morren as nais é un canto coral sustentado no baleiro, un xogo irónico sobre a relación entre o teatro e a súa recepción.

Aquí, a procura da identidade individual, amparada na masa superficial e ignorante, que presume de coñecementos inútiles, amósase indecente. Nun teatro, lugar (supostamente) de encontro, asistimos ao espectáculo da estupidez. E debaixo de todo o insultante: nós. Tan pequeniños, tan perigosos…

- - - - -

Aí está o público. Que pase
Marta Pazos

Non é segredo ningún: admiro a Avelina Pérez como artista e como persoa, pola súa intelixencia, autenticidade e compromiso coa arte. Ela é unha creadora fascinante, un tesouro deste século de ouro que estamos a vivir na dramaturxia galega e é para min un agasallo poder dirixir este texto na nosa compañía pública.

En Ás oito da tarde, cando morren as nais, Pérez desprega a súa afiada pena e non deixa monicreque con cabeza no egosistema do teatro. Pero lonxe de ser unha historia endogámica, ela debuxa unha paisaxe universal, un espello esperpéntico da sociedade occidental contemporánea.

Comezo a dirixir este texto de Avelina poucos días despois de estrear no Centro Dramático Nacional a Comedia sen título de Federico García Lorca. Nesta obra, un director e dramaturgo (álter ego do poeta granadino) increpa o público, instigando á revolución, farto de traballar para un teatro burgués á procura dun teatro máis achegado á realidade.

Estas dúas pezas forman para min un díptico nas que o binomio artista-público (real ou ficticio) é o protagonista absoluto. É coma nunha relación de amor ou de odio, non existe o feito teatral se non hai alguén que dá e alguén que recibe, sexan apertas ou hostias.

A posta en escena secciona, literalmente, unha sala de teatro para mostrar unha realidade por veces máxica, por veces crúa, onde poder reflectirnos a través da retranca e do absurdo.

Esta función comeza, literalmente, ás oito da tarde e como di Lorca: "A madeira dos ataúdes de todos os que estamos na sala está xa cortada".


AveLina Pérez, autora

Creadora escénica, fórmase en interpretación na Escola Santart e é titulada en dirección de escena e dramaturxia pola ESAD de Galicia.

Dentro do proxecto escénico que leva o seu nome é directora, dramaturga e actriz das pezas Eco; Por favor, ténteo novamente máis tarde, ambas en coprodución co CDG; A que non podes dicir cocacola? (I e II) ; Deixa de tocala, Sam; Os cans non comprenden a Kandinsky eVaguedás.

Dirixiu Espida, da Compañía Io, eGañaremos o pan coa suor da túa fronte, da Compañía Tripalium, entre outras producións.

O seu facer teatral camiña entre a impartición de obradoiros de creación escénica e dramaturxia, as producións propias e a escrita teatral.

Acada varios premios en dramaturxia breve e radioteatro, ademais de recibir o Álvaro Cunqueiro coa peza Ás oito da tarde, cando morren as nais e o Premio Abrente con O día no que bicar a terra.

Acaba de publicar o texto Ese silencio, en Edicións Positivas.


as_oito_297x200

Marta Pazos, directora

É unha das artistas e creadoras máis significativa e relevante da vangarda escénica española. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona na especialidade de pintura, tras vinte anos de experimentación autodidacta, completa a sua formación en Italia laureándose na Scuola Cònia da Societas Rafaello Sanzio dirixida por Claudia Castellucci. Funda a compañía Voadora en 2007, coa que asina algunhas das súas montaxes máis emblemáticas.

Desde o ano 2000, dirixe teatro e ópera para o Centro Dramático Nacional, Teatro Real, Teatro Español, Teatre Lliure, Teatro de La Abadía, Centro Dramático Galego ou o teatro nacional francés MA Scène Nationale, entre outros.

O traballo de Pazos destaca pola dimensión plástica e unha emancipación estética que vai alén do teatro realista. As súas montaxes teñen un fondo impacto visual que permanece na retina das espectadoras e espectadores durante longo tempo.

Recibiu numerosos premios ao longo da súa traxectoria nos que destacan o Premio de Honra ao mérito nas Artes Escénicas da MIT Ribadavia, o Premio de Honor Dorotea Bárcena do Fetega 2018 e catro Premios de Teatro María Casares como directora e escenógrafa.

Entre os seus traballos destacan a estrea mundial da ópera Je suis narcissiste, coa que é finalista nos International Opera Awards 2020; as versións das obras de Shakespeare Soño dunha noite de verán, A tempestade e Othello; Tokio3, unha revisión da Divina Comedia de Dante Alighieri coa que foi finalista ao mellor espectáculo revelación dos Premios MAX; Garage, un traballo sobre o papel da muller na industria automobilística protagonizado por traballadoras de PSA Peugeot-Citröen; ou as montaxes sobre textos de Federico García Lorca Viaje a la luna estreada no Teatre Lliure e a exitosa Comedia sen título para o Centro Dramático Nacional.


Camila Bossa
Sabela Domínguez
Xosé Manuel Esperante
Davide González
María Llanderas
Alba Loureiro
Toni Salgado


EQUIPO ARTÍSTICO:
Texto: AveLina Pérez
Dirección e dramaturxia: Marta Pazos
Movemento: Rut Balbís
Espazo sonoro: Hugo Torres
Iluminación: Nuno Meira
Escenografía: Blanca Añón
Vestiario: Pier Paolo Álvaro
Caracterización: Esther Quintas
Asistencia de dirección: Iria Azevedo
Asistencia de escenografía: Pablo Chaves Maza
Asistencia de vestiario: Roger Portal Cervera
Asistencia de produción: Xandre Vázquez

REALIZACIÓNS:
Vestiario: Equipo técnico do CDG
Coordinación e corrección de textos | Asesoría lingüística: Rosa Moledo
Fotografías e vídeos: Miramemira
Deseño gráfico: Trisquelia
Accesibilidade LSE: Los Últimos - Inclusión

Duración: 75 min.
Espectáculo recomendado para maiores de 12 anos


Maio

Cee, no Auditorio Baldomero Cores (Casa da Cultura)
Xoves 5. Función escolar
Venres 6. Función. 21.00 horas
Sábado 7. Función. 21.00 horas
Domingo 8. Función. 19.30 horas

Beja (Portugal), no Pax Julia - Teatro Municipal
Xoves 12. Función. 21.00 horas

Coimbra (Portugal), no Teatro da Cerca de São Bernardo
Sábado 14. Función. 21.30 horas

Cedeira, no Auditorio Municipal
Xoves 19. Función escolar
Venres 20. Función. 21.00 horas
Sábado 21. Función. 21.00 horas
Domingo 22. Función. 19.00 horas

Catoira, no Auditorio Municipal
Xoves 26. Función escolar
Venres 27. Función. 21.00 horas
Sábado 28. Función. 21.00 horas
Domingo 29. Función. 19.00 horas

Xuño

A Estrada, no Teatro Principal
Xoves 2. Función escolar
Venres 3. Función. 21.00 horas
Sábado 4. Función. 21.00 horas
Domingo 5. Función. 19.00 horas


Ligazóns

Ver todas

Galería de imaxes

Anterior Ampliar Seguinte



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal