AGADIC

Centro Dramático Galego


recortes_580x250

CDG Obras: Recortes, caneos e outras formas de driblar

De Nacho Carretero e José L. Prieto

Ano: 2022

Tito Asorey, director

O fútbol, aquí e hoxe

Poucas cousas hai que esperten tanta paixón coma o fútbol. Ese deporte, capaz de facer que unha cidade se bote á rúa para celebrar un título ou chorar un descenso, destapa as máis fondas paixóns, virtudes e miserias da nosa sociedade. O fútbol, coma o resto dos ámbitos en que desenvolvemos a nosa vida, está formado polas persoas. Para ben ou para mal, somos nós. Por iso, Recortes, caneos e outras formas de driblar fala de nós, do que anhelamos, do que ocultamos e do que non queremos que a xente coñeza.
Eu teño, dende sempre, un vencello moi especial co fútbol. Sen ser un gran consumidor, xérame unha especie de profunda atracción que me leva á infancia, a aquel estadio de Balaídos onde me criei, naquel tempo en que o Superdépor, o Eurocelta e o Compos, en primeira, abraiaban o planeta fútbol. Aquel tempo dos penaltis de Djukić e Alejo e da maxia de Djalminha e Mostovoi.
Meu avó traballaba no estadio. Era Antonio, o carpinteiro, o que abría a porta e controlaba os accesos; o que reparaba cousas. Marcial era o responsable das botas e do material; Alfonso, o do céspede. Miña avoa Pacita traballaba controlando o acceso aos baños durante os partidos e limpando as bancadas. Carme a Pildraca encargábase da lavandería.
Crieime con esa xente, xogando naquelas bancadas e tirándolle penaltis a Maté cando eu case nin sabía andar. Pasou o tempo e a miña avoa substituíuna unha máquina que sopraba o lixo que quedara no estadio e a meu avó substituíuno unha empresa de mantemento.
O fútbol profesionalizouse e así o "trivote" formado por Marcial, Alfonso e Antonio, apoiados nun valo publicitario detrás da portería de gol en cada partido, xa non tiña sentido.
A meu avó custoulle entender iso. Ese fútbol en que as empresas estaban por diante das persoas que levaban alí toda a vida non era o seu fútbol. Dende o club tiveron un detalle con el por tanto tempo de dedicación. Chamárono para ofrecerlle un abono vitalicio que rexeitou cunha frase que quedou para o noso recordo: "Non vou". E non volveu. Nós volvemos agora a través deste espectáculo. Igual non é que cambiara o fútbol, como dicía meu avó, igual é que cambiamos nós. Por iso segue sendo tan necesario un teatro do aquí.

Fran Núñez
Director do CDG


A escusa do fútbol

Como acontecera en Fariña; Recortes, caneos e outras formas de driblar deunos a oportunidade, outra vez, de unir e mesturar dous mundos que, en realidade, nunca deberon estar lonxe: teatro e xornalismo. Dramaturxia e documentalismo.
De novo decidimos conformar unha sorte de tándem no que a materia prima, unha vez máis, é a realidade. A folla de ruta foi clara: partimos dunha investigación na que indagamos nas sombras, nos currunchos menos visibles do mundo do fútbol. Un achegamento xornalístico para pór riba da mesa asuntos dos que non se adoita falar. Que a moitos non lles gusta escoitar. A partir do barro acadado deuse forma ao molde dramático. Unha viaxe desde a documentación ata o escenario. Unha tradución do xornalismo ao teatro.
Deste xeito, e poñendo en práctica o aprendido no anterior proxecto en común, acadouse un texto no que unha realidade tan presente e influínte como é o fútbol se amosa coas ferramentas teatrais: humor, música, sarcasmo, comedia, reflexión...
O fútbol aquí é, se cadra, unha escusa, un contexto para falar de asuntos que nos interpelan e afectan a todos como sociedade. Historias reais, humanas e próximas que son representadas como só o teatro permite.

Nacho Carretero (Textos orixinais)
José L. Prieto (Dramaturxia)


recortes_297x200

Tito Asorey, director

Disonancia cognitiva

Comezarei este texto cunha confesión: non son un apaixonado do fútbol.
Son desas persoas que, ou ben rexeitaron o fútbol sendo cativos, ou ben foron rexeitados por el ao non se me dar especialmente ben. Mellor dito, ao se me dar realmente mal. Nin era bo porteiro, nin bo defensa, e penso que xamais tiven a oportunidade de, nos meus anos de colexio, probar a ser un bo dianteiro. Ese posto estaba destinado para, digamos, outro tipo de persoas con habilidades moi diferentes ás miñas.
Sei que moitos dos que ledes isto sentirédesvos identificados. Outros moitos non, e pensaredes: vaia, habíame gustar que o director de todo este asunto fose coma min, un verdadeiro amante do deporte rei. Supoño que un é republicano ata nos seus gustos deportivos.
Por outra banda, hei de dicir que dirixín Fariña sen ter probado xamais a coca, e quizais -só quizais- haxa algún paralelismo entre o mundo da droga e o do fútbol. Todo pasa, penso eu, e sen ánimo de ser pedante, por algo coñecido como disonancia cognitiva. Ese proceso que nos fai actuar dun modo que vai en contra das nosas crenzas: fumamos sabendo que acabará por matarnos, consumimos substancias que sabemos perigosas, pero que son, tamén, divertidas, e somos quen de gozar dun partido de fútbol profesional sabendo que o próximo mundial se vai celebrar en Catar. E aí radica o meu profundo interese polo fútbol, non xa como deporte, senón como elemento perturbador, tráxico, disfuncional, incómodo e, polo tanto, tremendamente teatral.
Esta é, pois, a obra do pero. Esa palabra é a quintaesencia do espectáculo. O fútbol é un disparate económico, pero…sabemos que o fútbol está en mans de seres perversos, pero…coñecemos a alienación que provoca, pero…Nese pero radica un universo de contradicións que tentamos colocar en escena dun xeito esencialmente humano, é dicir, non tratando de ir moi lonxe, senón un pouco cara a dentro de cada un de nós.
E non quero esquecer a frase de Albert Camus: "O que finalmente sei con maior certeza respecto á moral e ás obrigacións dos homes débollo ao fútbol". E non serei eu, por moito que o fútbol me rexeitara -ou eu ao fútbol-, o que negue a Camus.


Xosé A. Touriñán
Manuel Cortés
Christian Escuredo
Xoán Fórneas
Isabel Garrido
Sergio Zearreta


EQUIPO ARTÍSTICO:
Textos: Nacho Carretero
Dramaturxia: José L. Prieto
Dirección: Tito Asorey
Produción executiva: Nacho Carretero, Xosé A. Touriñán, Javi Lopa, Álvaro Pérez Becerra e Fran Núñez

Escenografía: José Faro ‘Coti’
Iluminación e audiovisuais: Laura Iturralde
Asistente de iluminación: Ángel Sousa
Composicións musicais: Vadim Yukhnevich
Coreografías: Mónica García
Axudante de dirección: Sara Rey
Vestiario: Laura Baena

REALIZACIÓNS:
Xefa de produción: Claudia Peña
Asistentes de produción: Keka Losada e Anxo Fernández
Asesoría lingüística: Rosa Moledo
Posprodución de son: Santi Jul
Deseño gráfico: Artur Galocha
Fotografía: Aigi Boga
Vídeo: Jairo Iglesias
Intérprete de LSE: Chusa Pérez de Vallejo
Audiodescrición: ONCE
Programa accesible: FADEMGA

Duración: 100 min.
Espectáculo recomendado para maiores de 12 anos


Outubro 2022

Carballo, Pazo da Cultura
Luns 31. Función. 21.00 h

Novembro 2022

Ourense, Auditorio Municipal
Mércores 5. Función. 18.00
Mércores 5. Función. 21.00

Vigo, Teatro Afundación
Sábado 12. Función. 18.00
Sábado 12. Función. 21.00
Domingo 13. Función. 17.00
Domingo 13. Función. 20.00

Narón, Pazo da Cultura
Martes 25. Función. 21.00
Mércores 26. Función. 21.00

Decembro 2022

Pontevedra, Auditorio Sede Afundación
Sábado 10. Función. 18.00 h
Sábado 10. Función. 21.00 h

Cangas, Auditorio Municipal
Mércores 23. Función. 20.00 h
Mércores 23. Función. 23.00 h

Xaneiro 2023

Burela, Auditorio da Casa da Cultura
Sábado 7. Función. 18.00 h

Lugo, Auditorio Gustavo Freire
Sábado 14. Función. 21.00 h

Vilagarcía de Arousa, Auditorio
Sábado 21. Función. 18.00 h
Sábado 21. Función. 21.00 h

A Coruña, Teatro Colón
Venres 27. Función. 20.00 h
Venres 27. Función. 23.00 h
Sábado 28. Función. 18.00 h
Sábado 28. Función. 21.00 h

Febreiro 2023

Ferrol, Auditorio Municipal
Venres 3. Función.
Sábado 4. Función.


Ligazóns

Ver todas

Galería de imaxes

Anterior Ampliar Seguinte



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal