AGADIC

Centro Dramático Galego


piragua_paxina_obra_grande.jpg

CDG: A piragua

Autor: Cándido Pazó

Ano: 2007

Director: Cándido Pazó

Reunión da comunidade de propietarios dun edificio. No momento dos rogos e preguntas un propietario protesta porque hai un veciño que ten unha piragua na súa praza de garaxe. A comunidade divídese nos seus pareceres: nin os estatutos da comunidade nin a Lei de Propiedade Horizontal din nada sobre o uso específico das prazas de garaxe pero, segundo argumentan outros propietarios, as cousas son como son, como teñen que ser, e é obvio e natural que as prazas de garaxe foron creadas para ter nelas vehículos automóbiles.

Acompañando a comunidade no desenvolvemento desta desavinza, que se prolonga durante varios días, imos descubrindo, xunto co resto das personaxes, que nun dos pisos está a desencadearse unha situación de violencia doméstica. É unha situación que sempre existiu dunha maneira máis ou menos larvada pero que ultimamente está intensificándose, ou cobrando máis visibilidade, debido á nova actitude da vítima. Trátase dunha muller que, farta de aguantar e ante unha progresiva toma de conciencia, decide enfrontarse para establecer unhas novas regras de xogo: as cousas poden e deben ser doutra maneira.


Vigo, 1960

Autor, director de escena, narrador oral e actor, comeza a súa actividade profesional en 1975. Vincúlase ao nacente movemento teatral de Vigo e de Galiza, sendo un dos "benxamíns" das xeracións xurdidas arredor dos primeiros encontros da histórica Mostra de Ribadavia.

Na súa formación non regrada cómpre salientar o seu paso pola Ecole Philippe Gaulier, en París, que acabará deixando moita pegada nos seus traballos de escrita e posta en escena.

Logo dunha primeira etapa de actor ou axudante de dirección en diversas compañías e no CDG, debuta como autor e director de escena con O melro branco (Premio Xeración Nós de Teatro Infantil, 1989), peza representada pola súa compañía Tranvía Teatro.

Como director habitual da compañía Ollomoltranvía, pon en escena o seu traballo máis célebre, Commedia un xoguete para Goldoni, espectáculo de commedia dell’arte que recibe os premios Compostela 1993 ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección e Mellor Actor Protagonista, así como o Premio de la Crítica del País Valenciá ao Mellor Espectáculo de 1994 e o premio da AITA (Asociación Independiente de Teatro de Alicante) como Mellor Espectáculo de l995.

Realizou postas en escena, adaptacións ou traducións para diversas compañías galegas e o CDG, traballando con textos propios ou de Roma Mahieu, Gil Vicente, Quico Cadaval, Marco Antonio de la Parra, Suso de Toro, Sanchís Sinisterra, Therry Jones, Umberto Eco ou Itziar Pascual.

Entre outros dos moitos espectáculos dos cales foi autor ou director escénico destacan: Raíñas de pedra (finalista do Premio Álvaro Cunqueiro, 1991), Nau de amores, espectáculo montado a partir de textos de dezaseis obras de Gil Vicente e producida polo CDG; Nano, monólogo a partir de textos da novela Tic Tac de Suso de Toro, (Premio María Casares 1998 á Mellor Adaptación, Mellor Dirección e Mellor Actor Protagonista); O bululú do linier (Premio María Casares 2000 ao Mellor Texto Orixinal); Miedo Escénico (en colaboración con outros autores, estreada en 2001 en Madrid pola compañía Yacer Teatro) Imaginar, ni Dormir ni Roncar (en colaboración con outros autores, no 2001, estreada en Valencia por "La Caixeta"). ÑikiÑaque (Premio Max 2002 ao Mellor Texto Orixinal en Galego), Binomio de Newton (nomeado para os premios Max 2003 como Mellor Texto Orixinal en Galego); Bicos con lingua, escrito con outros autores (Premio María Casares 2004 ao Mellor Texto Orixinal) ou García (Premio María Casares 2006 ao Mellor Texto Orixinal, nomeado nos premios Max 2006 para Espectáculo Revelación e Mellor Texto Orixinal en Galego).

Estivo entre os dramaturgos europeos seleccionados para participaren no Maratón Europeo da Creación Teatral, dentro do programa de actividades da Capitalidade Cultural Europea de Bruxelas 2000, experiencia en que escribiu O último roedor (peza estreada pola compañía belga Canadair, baixo a dirección de Alain Wathieu).

No campo da narración oral, alén das súas constantes actuacións en locais especializados, ten participado en numerosos festivais en España, Portugal e América Latina e imparte un seminario anual sobre a oralidade no actor na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto.


Xosé Manuel Olveira "Pico": Delio
Susana Dans: Rosa
Iolanda Muíños: Lucía
Marcos Orsi: Suso
César Goldi: Brandán
Ricardo de Barreiro: Guzmán
Marián Bañobre: A nena


Meritorio de dirección: Roi Vidal
Axudante de dirección: Belén Pichel
Axudante de dirección para Commedia dell’ Arte: Avelino González
Escenografía e vestiario: Carlos Alonso
Composición musical: Manuel Riveiro Hermo
Deseño de iluminación: Afonso Castro
Atrezzo: Santos Carrera
Deseño de máscaras: Carlos Portomeñe
Maquillaxe: Dolores Centeno
Fotografía cortina da serie "Casas doentes": Manolo Sendón
Fotografía: Tono Arias
Deseño gráfico: Alberto Gende e Signum
Realización da escenografía: Talleres AGADIC
Realización de vestiario: Concha Abad
Asistente de vestiario: Clotilde Vaello
Caderno pedagóxico: Ánxela Gracián
Revisión lingüística: Rosetta
Gabinete de comunicación: Trisquelia


Abril 2007

Santiago de Compostela, no Salón Teatro
Do 13 de abril ao 13 de maio
Funcións escolares: mércores e xoves ás 11.00 horas
Funcións familiares: venres e sábados ás 20.30 horas e domingos ás 18.00 horas

Maio 2007

Ourense, no Teatro Principal
Xoves 17. Función. 20.00 horas

Vigo, no Centro Cultural Caixanova
Sábado 19. Función. 22.30 horas

Lalín, no Novo Salón Teatro
Xoves 24. Función. 21.30 horas

Tui, no Teatro Área Panorámica
Xoves 31. Función. 21.00 horas
Venres 1. Función. 22.00 horas

Xuño 2007

Vilagarcía de Arousa, no Auditorio Municipal
Mércores 6. Función. 21.00 horas

Pontevedra, no Pazo da Cultura
Venres 8. Función. 21.00 horas

Ribadeo, no Auditorio Municipal
Domingo 10. Función. 21.00 horas

Carballo, no Pazo de Cultura
Xoves 14. Función. 21.00 horas

Cangas, no Auditorio Municipal
Sábado 16. Función. 22.30 horas

O Barco de Valdeorras, no Teatro Lauro Olmo
Venres 22. Función. 21.00 horas

Narón, no Auditorio Municipal
Venres 29. Función. 20.30 horas
Sábado 30. Función. 20.00 horas

Xullo 2007

A Coruña, no Teatro Colón
Venres 6. Función. 21.00 horas
Sábado 7. Función. 21.00 horas


Ver todas

Galería de imaxes

Anterior Ampliar Seguinte



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal