AGADIC

Centro Dramático Galego


Obra_grande_as_dunas

CDG: As dunas

De Manuel Lourenzo

Ano: 2009

Quico Cadaval, director

Un cabaré sobre o paraíso perdido

Temos dúas maneiras de gozar da ficción, sexa no cinema, no palco ou nas páxinas dun libro. As ficcións, as narracións, arrebátannos por dúas causas. Pode ser que nos seduzan porque nos falan do que nos é propio, do noso propio mundo, do que coñecemos e recoñecemos, ou pódennos atraer falándonos do descoñecido, do exótico, dos países que se perden no neboeiro do horizonte, eses lugares que dubidamos se son mesmo verdade ou se son o simple reflexo dun soño nun espello. En resumo, as persoas interesámonos só polo que coñecemos ou polo que descoñecemos, somos así.

Manuel Lourenzo, meu amigo, mestre e chufón, na súa extensa obra, que o obrigou a ampliar o caixón famoso onde dormen as pezas que ninguén viu, ten escrito moito sobre nós, o que nos é propio como país clandestino, cristián e atlántico, e tamén o que nos é propio espiritualmente. Tamén, filantropicamente, escribiu sobre países exóticos, sobre territorios da alma estranxeira, para sabermos, os de aquí, que se pode vivir mellor, menos infelices e menos indignos e que tamén se pode vivir peor, que non hai motivos para tanta queixa.

Eu lembro que, cando os dous eramos novos, escribiu un Woyzeck de Büchner, e digo escribiu e non traduciu, porque era tan noso o resultado que non podía ser completamente alemán. Aquel monumento á felicidade humana encontrou nas palabras galegas que lle deu Manuel Lourenzo un vehículo para o seu veleno.

Os velenos son moi importantes na súa obra, os velenos e todos os gabinetes alquímicos e todas as súas cerimonias. A vontade de matar e o seu resumo químico nun frasco pequeno. Tamén lembro Xoana. Unha obra extraordinariamente estranxeira, a morte castelá, o amor flamengo, formas completamente alleas á nosa experiencia e á nosa tradición. Un teatro como un soño estrafalario.

Agora pediume Manuel que traballe con el e eu estou feliz, polo que calquera pode sospeitar e mais polo que sei. Manuel Lourenzo prometeu unha peza sobre o que nos é propio completamente exótica, unha obra tan boa e que vai falar do noso país tan ben, que non o imos recoñecer. Imos ter a un tempo o propio e o exótico.

Un cabaré sobre o paraíso perdido. A paisaxe sinxela da infancia destruída, ironicamente, polo paraíso en cápsulas que é o turismo. A destrución do rostro dun país como unha catástrofe de cirurxía plástica, a ruína sentimental escenificada coralmente por un grupo de homes e de mulleres que procuran o amor enriba dunha onda de cemento. Tamén me prometeu que vai ser unha comedia. Algo completamente estranxeiro. (Quico Cadaval).


Manuel Lourenzo

Manuel Lourenzo é un dos grandes nomes propios das artes escénicas galegas, como pon de manifesto o Premio Nacional da Cultura Galega que recibiu o pasado mes de xuño. Contribuíu amplamente a conformar un teatro galego maduro e independente, a través das súas múltiples facetas que abranguen case todos os campos: autor, director, actor, tradutor, teórico, conferenciante, fundador de varias compañías, editor de coleccións literarias e profesor.

Nado en Ferreira do Valadouro en 1943, con vintedous anos creou xunto a Francisco Pillado o Grupo de Teatro O Facho, co que dá os seus primeiros pasos o teatro independente galego. Sucesivamente fundaría outros grupos e compañías: Teatro Circo (1967), Escola Dramática Galega (1978), Compañía Luís Seoane (1980), Elsinor Teatro (1990) e Compañía Casahamlet, que rexenta na actualidade.

Ademais de varios traballos para a radio, a televisión e o cinema, coordenou xunto con Francisco Pillado varias publicacións, como os Cadernos da Escola Dramática Galega, o Caderno do Espectáculo da Compañía Luís Seoane, Castrodouro-Teatro, Elsinor-Teatro e na actualidade a Revista Casahamlet. Ambos son autores tamén de varios estudos sobre a historia da dramaturxia galega, como O teatro galego (1979), Antoloxía do teatro galego (1981) e Dicionário do teatro galego (1987).

Lourenzo é autor de máis de cincuenta obras dramáticas, entre as que se atopan Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca, As criadas, Defensa de Helena, Electra, Últimas faíscas de setembro, Veladas indecentes e Insomnes. Verqueu ao galego pezas dos clásicos gregos e de autores como Goethe, Büchener, Fassbinder e Heiner Müller e levou a escena a dramaturgos como Sófocles, Eurípides, Puschkin, Chekov, Strindberg, Brecht e Genet, e a autores galegos como Castelao, Cunqueiro, Otero Pedrayo, Euloxio R. Ruibal, Xesús Pisón, etc.

O seu labor como escritor e director teatral foi recoñecido con máis dunha vintena de premios, entre os que se atopan o Premio Abrente, o Facho de poesía, o Celso Emilio Ferreiro de Poesía, o premio do Festival Internacional de Teatro de Ribadavia ao mellor director, o Rafael Dieste en dúas ocasións, o Premio Nacional de Literatura Dramática e o Pedrón de Ouro.


dunas portada esquerda

Quico Cadaval

Actor, director e adaptador teatral, Quico Cadaval foi o impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia na década dos noventa. Aprendeu a contar contos desde moi neno grazas a unhas vellas que se encargaron de transmitirlle historias, e tamén grazas ás persoas, da máis variada índole, que pasaban pola taberna da súa nai.

Nado en Ribeira en 1960, comezou na interpretación teatral a finais dos setenta e xa a mediados dos oitenta, funda a súa propia compañía, O Moucho Clerc. Na súa faceta de dramaturgo produciu os textos Un códice clandestino, unha dramaturxia dos poemas medievais galaico-portugueses, O rouxinol da Bretanha sobre BD de Hugo Pratt, A caza do snark, sobre o poema de Lewis Carrol, Se o vello Simbad volvese ás illas (que recibiu o premio María Casares ao mellor texto adaptado en 2003) e O ano do cometa, ambos os dous dos romances homónimos de Álvaro Cunqueiro, Rapatú, do conto popular europeo A sogra do diablo, ou Espantoso!!!, que foi premiado co María Casares ao mellor texto orixinal do teatro galego en 2002.

Como director escénico, púxose á fronte de montaxes como A cor das cerejas, Doberman, Squash, A cigana vermelha da Ilha Terceira, A cantiga do desterro. Chanson d´exil, Speer, A voda dos moinantes... É ademais guionista e director dos espectáculos de Mofa e Befa (Para ser exactos, Cultura para dar e tomar e Finis Mundi Circus) e recentemente dirixiu para PT Excéntricas a peza No comment (Obra). Para o CDG dirixiu as producións Como en Irlanda (1996), O ano do cometa (2004) e Noite de Reis. Ou o que queirades (2007), que lle valeu o Premio María Casares 2007 á Mellor Dirección.

No campo audiovisual ten traballado en guións de curtametraxes (A gran liquidación ou Cabeza de boi) e de programas de televisión (Apaga a luz). Na súa faceta de actor participou en curtas (Amor serrano) e longametraxes (A rosa de pedra). Ademais para a TVG colaborou no espazo Máxima Audiencia e dirixiu a serie Miña sogra e mais eu. Tamén foi profesor de interpretación de Operação Triunfo da Radio Televisión Portuguesa (2003).


(por orde alfabética):
Paula Buján López: Lucinda
Evaristo Calvo: Serapio
Paulo Oliveira: Calí Caiate
Manolo Cortés: Helio
Susana Dans: Lola
Christian Escuredo: Cristian
"Mos": Melodrama
Iria Pinheiro: Eva
Rodrigo Roel: Florencio Pardo
Davide Salvado: Milo


Autoría: Manuel Lourenzo
Dirección: Quico Cadaval
Produción: Centro Dramático Galego
Elenco (por orde alfabética): Paula Buján López, Evaristo Calvo, Paulo Oliveira, Manolo Cortés, Susana Dans, Christian Escuredo, "Mos", Iria Pinheiro, Rodrigo Roel e Davide Salvado
Axudante de dirección: Hugo Torres
Asistencia de produción: Marta Lago
Meritorio de produción: Pepe Santos
Deseño do espazo escénico: Baltasar Patiño
Deseño do vestiario: Gilda Bonpresa
Deseño de iluminación: Baltasar Patiño
Deseño do espazo sonoro: Bernardo Martínez
Coreografía: Armando Martén
Realización do vestiario: María Negreira
Maquillaxe: Dolores Centeno
Perruquería: José Martínez
Prensa: Gabinete de Comunicación da AGADIC
Caderno pedagóxico: Ánxela Gracián e Carlos Labraña (Gálix)
Fotografía: Tono Arias
Deseño gráfico: Rodrigo Roel
Gabinete de imaxe: Signum
Gabinete de comunicación: Trisquelia
Revisión lingüística: Rossetta
Coordinación de Espazos CDG: Xocas López e Pepablo Patinho


Abril

Vila Real (Portugal), no Teatro Vila Real
Mércores 8. Función. 22.00 horas

O Barco de Valdeorras, no Teatro Lauro Olmo
Venres 17. Función. 21.00 horas

A Coruña, no Teatro Rosalía
Venres 24. Función. 20.30 horas
Sábado 25. Función. 20.30 horas

Vigo, no Centro Cultural Caixanova
Mércores 29 Función. 20.30 horas
Xoves 30. Función. 20.30 horas

Maio

Tui, no Teatro Área Panorámica
Venres 8. Función. 21.30 horas
Sábado 9. Función. 20.30 horas

Vilagarcía de Arousa, no Auditorio Municipal
Venres 15. Función.

Ourense, no Teatro Principal
Venres 22. Función. 20.30 horas
Sábado 23. Función. 20.30 horas

Narón, no Pazo da Cultura
Venres 29. Función.
Sábado 30. Función.

Xuño

Ribadeo, no Auditorio Muncipal
Domingo 7. Función.

Ferrol, no Teatro Jofre
Sábado 13. Función.


Ver todas

Galería de imaxes

Anterior Ampliar Seguinte



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal