AGADIC

Centro Dramático Galego


as_actas_escuras_580x250

CDG: As actas escuras

De Roberto Vidal Bolaño

Ano: 2010

Xúlio Lago, director

Nestes tempos de democracia con liberdade de expresión e de pensamento que temos a fortuna de transitar, a manipulación da realidade, a utilización da mentira —ou a ocultación interesada da verdade, se se prefire expresalo así—, non parece ser un comportamento punible, nin sequera criticable se os que recorren a ela resultan ser altos representantes dos poderes públicos (póñanse aquí os que prefira cadaquén: poder político, local, provincial, estatal, poder económico, eclesiástico, cuarto poder...) Feos tempos estes que temos a fortuna de transitar.
Mais non calquera tempo pasado foi mellor.
Da ocultación da verdade tratan estas
Actas escuras.
E do sentido ético. E da súa ausencia.
Unha complexa e apaixonante aventura escénica formulada desde o risco formal e o compromiso ético e político que presidiu sempre a escrita do noso grande dramaturgo e inesquecible amigo Roberto Vidal Bolaño.
Pretendemos ser fieis ao pensamento do autor e incorporar un texto que cuestiona rotundamente a ocultación da verdade, ese uso que preside, parece que impunemente, moitos dos acontecementos da historia nosa de cada día.

Xúlio Lago.
Director de escena.

Sinopse
Don Mauro debe redactar un informe co resultado das súas pesquisas, que será enviado a Roma para ser ratificado polo Supremo Pontífice o Papa León XIII. Para esta tarefa, Don Mauro viaxa acompañado do seu sobriño Casiano, mozo librepensador, licenciado en Xeografía e Historia, que no seu afán da busca da verdade dende postulados científicos, causará certas reticencias tanto nos numerosos cóengos da catedral como noutros representantes da curia eclesiástica, incluído o propio cardeal.

A ocultación da verdade e a manipulación, así como o posible sentido ético e a punibilidade destas condutas son algún dos temas abordados nesta peza que remata nunha sorprendente aposta pola defensa da razón, da verdade e da beleza mundana e vital.


Roberto Vidal Bolaño. Autor

O Diccionario da literatura galega define a Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002) como autor, director, actor e un dos promotores do teatro independente galego.
En 1974 funda a compañía teatral Antroido, que durante anos representa moitas das súas pezas. A súa actividade profesional estendeuse tamén ao cine e á televisión como guionista, actor, e en labores de produción e dirección.
Como escritor a súa é unha das producións máis importantes do teatro galego contemporáneo, merecedora do constante recoñecemento de xurados e crítica, aínda que non toda chegou a ser publicada e outra foino en data moi tardía. Laudamuco, señor de ningures (publicada en 1977 na editorial Pico Sacro) foi Premio Abrente 1976. Outras obras súas son Ledaíñas pola morte do Meco (1977), Xaxara, Paniogas, Tarelo, o Rapaz e o Cachamón, ou como trocar en rato pequecho ao meirande xigantón (Mención honorífica no III Concurso de Teatro Infantil O Facho), Memorias de mortos e de ausentes (Mención honorífica no Premio Abrente 1978), Bailadela da morte ditosa (Premio Abrente 1980 e publicada en 1992), e Ruada das papas e do unto (Mención honorífica no V Concurso de Teatro Infantil O Facho). En 1982, a compañía Antroido estreou Touporroutou da lúa e do sol (editada pola ASPG, 1996).
Con Percival, adaptación teatral de textos de Méndez Ferrín, Vidal Bolaño recibiu a Medalla de Ouro Ciudad de Valladolid ao mellor texto dun autor español vivo na temporada 1983-84. O Romance dos figos de ouro foi estreada por Antroido no 83 e Agasallo de sombras polo CDG en 1984; Caprice des Dieux foi posta en escena por Antroido en 1985 e Cochos en 1988 por Uvegá Teatro.
En xeral, o teatro de Vidal Bolaño caracterízase por un forte simbolismo e pola combinación entre elementos da tradición popular galega con outros tirados da realidade sociocultural do momento. O ton farsesco disimula escasamente unha amarga e sombría crítica desa realidade. A obra de Vidal Bolaño foi evolucionando desde o evidente compromiso antifranquista das primeiras pezas a unha sorte de neocostumismo feísta, unha variedade teatral do dirty realism que se atopa, sobre todo, en Cochos e Saxo tenor, Premio Álvaro Cunqueiro 1991.
En Días sen gloria, Premio Rafael Dieste 1992 e finalista do Premio Nacional de Literatura Dramática, Vidal Bolaño amosa de novo a súa capacidade para tratar dun xeito orixinal temas que se prestarían doadamente ao tópico grandilocuente.
Con As actas escuras obtén en 1992 o Premio Xacobeo de Textos Teatrais; e con Réquiem —versión española de Doentes— é finalista na edición de 1995 do premio de teatro Tirso de Molina, obtendo en 1997 o Premio Rafael Dieste. Así mesmo, foi galardoado co Premio María Casares ao mellor texto orixinal por Anxeliños e co Premio Xiria ao labor teatral.
Como director da compañía Teatro do Aquí levou a escena montaxes como Anxeliños, Oé, oé, oé, Ópera de patacón, Días sen gloria, Saxo Tenor, Criaturas —pola que foi recoñecido co Premio Max ao mellor autor teatral en galego—, Os papalagui e Animaliños.
Entre os seus últimos traballos como director figuran tamén Xelmírez ou a gloria de Compostela, de Daniel Cortezón, montado polo CDG en 1999, e Rosalía, de Ramón Otero Pedrayo (Centro Dramático Galego, 2001). Ademais, a compañía institucional puxo en escena nas súas últimas temporadas teatrais dúas obras escritas por Vidal Bolaño: A burla do galo, dirixida por Xan Cejudo no ano 2000, e Mar revolto, dirixida por José Martins no ano 2001 e coproducida xunto co Teatro do Noroeste de Viana do Castelo, a Compañía de Teatro de Braga, o Festival Internacional de Teatro de Expresión Ibérica (FITEI) e o Festival de Teatro do Eixo Atlántico (Festeixo).


Xúlio Lago. Director

Director de escena, actor e iluminador, Xúlio Lago foi promotor dos grupos Esperpento (Vigo, 1970-1974), La Picota (Madrid, 1970-1974) e Teatro da Mari-Gaila (Santiago, 1978-1984), cos que levou a escena unha decena de espectáculos teatrais.
En 1984 dirixe e realiza a dramaturxia de Woyzeck, de Georg Büchner, primeira produción do CDG, e en 1985, tras unha estadía de cinco meses no Centro Dramático Nacional, promove a creación de Teatro do Atlántico, compañía que continúa a dirixir na actualidade.
Con Teatro do Atlántico asumiu a dirección escénica dos espectáculos Xoana, de Manuel Lourenzo; A marabillosa historia de Marly, a vampira de Vila de Cruces, de Carlos Queiroz (dirección e interpretación); Quartett, de Heiner Müller (dirección e interpretación); Eu, Gulliver Ferreiro, de Celso Emilio Ferreiro (dramaturxia, dirección e interpretación); Liberdade Bremana, de R.W. Fassbinder; Historia de Neera, de Roberto Salgueiro; Ocasos, textos de M. Yourcenar e M. Lourenzo; Non se chora, de Roberto Cossa; Tolos de amor, de Sam Shepard; Casa de bonecas, de Henrik Ibsen; A noite das tríbades, de Olov Enquist; Amor de don Perlimplín, de García Lorca; Vellos tempos, de Harold Pinter; O cerco de Leningrado, de Sanchís Sinisterra; Solo para Paquita, de Ernesto Caballero; Pervertimento, de Sanchis Sinisterra; Ecos e voces dun tempo e dun país; e Vanzetti, de Luis Araújo. En todas as montaxes que dirixiu, realizou ademais o deseño da iluminación.
Tamén como director, traballou nos espectáculos do CDG A noite vai como un río, de Álvaro Cunqueiro, A fiestra valdeira, de Rafael Dieste e Seis personaxes na procura de autor de Luigi Pirandello. Para a compañía institucional encargouse, así mesmo, da iluminación en Follas novas, de Rosalía de Castro, e Un refaixo pra Celestina, de Eduardo Blanco Amor. Nesta última montaxe tamén participou como actor, do mesmo xeito que en A burla do galo, de Roberto Vidal Bolaño; Rosalía, de Otero Pedrayo, Daquel abrente (O velorio, de Francisco Taxes), e Ricardo III, de Shakespeare. Xúlio Lago tamén dirixiu para a compañía portuguesa Teatro do Noroeste, de Viana do Castelo, O inimigo do pobo, de Ibsen, e Executor 14, de Adel Hakim.
Durante dez anos exerceu como actor e director de dobraxe para cine e televisión. No sector audiovisual participou, ademais, na película para televisión Cristian, da directora alemá Gloria Keller, e nas longametraxes O lapis do carpinteiro, de Antón Reixa; Entre bateas, de M. Coira; El rey del río, de Gutiérrez Aragón; Condenado a vivir, de Roberto Bodegas; Dame algo e A promesa, de Héctor Carré; O baile das ánimas, de Pedro Carvajal; e Unha muller invisible, de Gerardo Herrero. Tamén ten participado en varios capítulos das series Pratos combinados, Terras de Miranda, Mareas vivas e As leis de Celavella, emitidas pola TVG.
Entre os seus últimos traballos destacan a dirección dos espectáculos O encoro, de Conor McPherson e A raíña da beleza de Leenane, de Martín McDonagh, posto en escena por Teatro do Atlántico, e As últimas lúas de Furio Bordon para Lagarta Lagarta ademais da súa interpretación en Molière final, de Roberto Salgueiro, coa compañía Talía Teatro.
Mención especial merece a obra Unha primavera para Aldara, de Teresa Moure, posto en escena por Teatro do Atlántico, coa que Xúlio Lago foi galardoado co Premio María Casares 2009 ao mellor espectáculo, mellor dirección, mellor iluminación e mellor texto orixinal.
Entre outros galardóns que recibiu destacan o Premio Compostela 1991 á mellor dirección por Historia de Neera, o Premio María Casares 1996 á mellor dirección por A noite das tríbades, e o Premio Xiria ao Labor Teatral 1996. En 2005 volveu ser recoñecido co Premio María Casares á mellor dirección por O Encoro e o Premio María Casares 2007 á mellor dirección por A raíña da beleza de Leenane, así como o Premio de Honra Abrente 2007.


Por orde alfabética:

César Cambeiro: Un maleteiro, cóengo 1
Ricardo De Barreiro: Casiano
Ursia Gago: Patroa, leiteira, muller 2
Jouse García: Limpabotas, cóengo 4
Mónica García: Leiteira, muller 1, criada,
Teté García: Rosarito, leiteira
César Goldi: Rei Vicente, Labín, viaxeiro do tren
Xoán Carlos Mejuto: Vendedor de xornais, cóengo 2,
home 2, camareiro
Fernando Morán: Viaxeiro do tren, López Ferreiro
Xosé M. Olveira, "Pico": Don Mauro
Rodrigo Roel: Viaxeiro do tren, cóengo 3
Pepe Soto: Xan de Nartallo, O Tarelo
Agustín Vega: Cardeal Payá e Rico
Marcos Viéitez: Viaxeiro do tren, home 1, doutor


Autoría: Roberto Vidal Bolaño
Dirección: Xúlio Lago
Intérpretes: César Cambeiro, Ricardo De Barreiro, Ursia Gago, Jouse García, Mónica García, Teté García, César Goldi, Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Xosé Manuel Olveira "Pico", Rodrigo Roel, Pepe Soto, Agustín Vega e Marcos Viéitez
Axudante de dirección: María Armesto
Asistente produción e dirección en xira: Raquel Araújo
Espazo escénico e deseño de atrezzo: Rodrigo Roel
Deseño iluminación: Xúlio Lago & Antón Arias Marsal
Deseño vestiario: La Canalla
Espazo sonoro: Manuel Riveiro Hermo
Maquillaxe e perruquería: Dolores Centeno
Realización escenografía: Talleres AGADIC e Armesa
Realización vestiario: María Negreira, Cristina Cordido, Milagros Reimúndez, Xastrería Movar, Susana Bouzón
Realización máscara: Fernando Llera
Músicos: Harry C. (violín e viola), Dalibor Sebestik (violonchelo)
Prensa: Gabinete de Comunicación da AGADIC
Caderno pedagóxico: Ánxela Gracián (Gálix)
Fotografía: Tono Arias
Deseño gráfico: Fausto Isorna
Gabinete de comunicación: Trisquelia
Revisión lingüística: Rossetta


Febreiro

Narón, no Pazo da Cultura
Venres 19. Función.
Sábado 20. Función.

O Barco de Valdeorras, no Teatro Lauro Olmo
Venres 26. Función.

Marzo

Tui, no Teatro Área Panorámica
Venres 5. Función.

Vigo, no Centro Cultural Caixanova
Mércores 17. Función.

A Coruña, no Teatro Rosalía
Venres 19. Función.
Sábado 20. Función.

Ourense, no Teatro Principal
Venres 27. Función.
Sábado 28. Función

Abril

Ferrol, no Teatro Jofre
Sábado 3. Función.


Ver todas

Galería de imaxes

Anterior Ampliar Seguinte



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal