De Oscar Wilde
Ano: 2010
Carlos Santiago, director
Dentro da obra dramática de Oscar Wilde, Salomé ocupa un lugar singular. Fronte ás comedias de ton irónico e sutil que lle deron éxito e fama na época, como Unha muller sen importancia, O abano de Lady Windermere, Un marido ideal ou A importancia de ser Severo (The Importance of Being Earnest), elegantes sátiras da sociedade vitoriana, o dramaturgo irlandés escolleu nesta peza un episodio evanxélico para crear unha traxedia de fondo escabroso arredor do conflito mítico entre Eros e Tánatos, tema recorrente no movemento simbolista. A peza agocha tamén unha crítica extrema do poder e do puritanismo moral nun retrato descarnado das paixóns humanas.
O texto foi escrito orixinalmente en francés, ao parecer coa intención de que Sara Bernhardt o representase en París, o que finalmente acabou por suceder en 1896, cando Wilde estaba xa en prisión e despois de que o Lord Chanceller prohibise a súa representación en Londres dado o seu polémico argumento. A mítica voz da intérprete francesa sería así o pretexto dos longos parlamentos líricos que converten a obra nun desafío para calquera actriz.
A obra foi recibida inicialmente con pouco entusiasmo. Prohibida en Inglaterra ata os anos trinta, Richard Strauss, admirado pola montaxe de Max Reinhardt e a tradución ao alemán de Hedwig Lachmann, converteuna en ópera en 1905 dándolle máis protagonismo a Herodes na trama, opción que foi seguida posteriormente en diferentes montaxes tanto teatrais coma cinematográficas. Neste sentido destaca a produción dos anos oitenta do Circle in Square en Broadway con Al Pacino como protagonista.
Co tempo, e fiel ao seu carácter polémico e escandaloso, a peza converteuse nun mito da cultura underground, e foi tratada por artistas tan diversos como Nick Cave, Ken Russell, Smashing Pumpkins, Doric Wilson ou Pedro Almodóvar.
Asemade, cómpre destacar a coprodución entre o CDG e a compañía Chévere en 1989, con dirección compartida de Roberto Vidal Bolaño e John Eastham, que na altura significou unha apertura do teatro galego a novas linguaxes coma o pop ou o cómic e a unha nova xeración de actores que viría renovar o panorama teatral galego.
Na montaxe que este ano presenta o Centro Dramático Galego a cargo de Carlos Santiago, apóstase por unha lectura satírica da traxedia e unha posta en escena actualizada onde o risco e unha visión nada compracente da realidade levan o temón.
"Oscar Wilde e a República de Vulgaria
A Oscar Wilde dixéronlle o primeiro home moderno. El mesmo pensaba iso de si. Que fora o primeiro home capaz de resumir todos os sistemas nunha frase e toda a existencia nunha agudeza. Un mestre do paradoxo, esa invencible entidade lóxica que precipita no abismo o matrimonio ideal entre razón e verdade. A verdade, estimaba o irlandés, para ser tal precisa de se converter en relixión. Xuízo tan frívolo coma profundo, que escintila de xeito perverso sobre as ruínas do World Trade Center e a sacrosanta cruzada pola democracia. Cando Wilde viviu, a historia aínda non rematara, pero encetaba xa o camiño do ultramundo. 1900. Morte de Wilde, morte de Nietzsche. O terrible século vinte comeza coa desaparición de dous agoireiros malditos, poetas de inmenso caudal profético que presentiran o advento dunha nova era, fantástica e infame. A era de Dorian Grey, a era do Superhome abandonado ao seu capricho.
Traemos a Wilde, agora de novo, aos palcos galegos, xa ben entrado o novo século. Un século aínda indeciso, preso das aparencias e do grande escaparate mediático, última realidade posible na beira mesma do trivial. Xa nin sequera na arte, tal e como a entendía o propio dramaturgo, é verosímil a transcendencia. E, non obstante, un berro xordo e máis multitudinario do que cabe pensar déixase sentir por todas as partes reclamando unha pinga de sentido. É talvez o renxer do lado escuro da realidade que aquel grande forxador de mitos soubo anticipar na súa obra. A sombra monstruosa da alta pretensión humana. Sombra de Babel, pero tamén de Babilonia, de Roma, do Londres vitoriano ou de Manhattan, capital ferida da República de Vulgaria, homofonía que o dublinés adoitaba usar para burlarse dos Estados Unidos e do imparable ascenso da sociedade industrial, e que hoxe ben nos podería valer para satirizar o réxime globalitario que somete o mundo sen comprender un chisco da infinita variedade das súas entrañas.
Nunha época hipnotizada pola catástrofe final, que non dá chegado e queda sempre adiada para a vindeira semana, escenificamos a Wilde na esperanza de que nos permita ver máis alá de confusións dixitais e espellismos deportivos. Se cadra con el temos ocasión de pensar de novo que o vicio supremo é a superficialidade e que todo o que se comprende está ben, pensamento parido na prisión de Reading onde o escritor, desposuído da gloria e o éxito, probou en propia carne a natureza diabólica do poder.
Unha ollada coa elegancia emprestada dun home que nunca deu un pensamento por acabado e procurou por igual o verso e o reverso da realidade." Carlos Santiago (director).
Escritor inglés de orixe irlandesa, Oscar Wilde (Dublín, 1854 - París, 1900), é considerado como un dos dramaturgos máis destacados do Londres vitoriano tardío; ademais, foi unha celebridade da época, coñecido polo seu agudo e grande enxeño.
Nado no seo dunha familia afeccionada á literatura, recibiu unha esmerada educación nos mellores centros culturais da época. Estudou no Trinity College de Dublín e no Magdalen College de Oxford, onde recibiu unha profunda influencia dos escritores John Ruskin e Walter Pater, que defendían a importancia central da arte na vida. Wilde axiña gañou renome polo papel que desempeñou nos movementos estético e decadente. Asemade, comezou a decorar os seus cuartos no College con plumas de pavo real, lilas, xirasoles, porcelana erótica e outros obxectos de arte. Este culto propagouse entre certos segmentos da sociedade até un punto tal que as actitudes lánguidas, as vestimentas esaxeradas e o esteticismo en xeral se converteron nunha pose recoñecida.
En 1882 realizou unha xira de conferencias polos Estados Unidos, onde estreou a súa primeira obra: Vera. En 1881 xa publicara unha colección de Poemas en París. De regreso a Gran Bretaña, publicou varios volumes de contos (O príncipe feliz, 1888; O crime de lord Arthur Saville, 1891; Unha casa de granadas, 1891), ensaios (Intencións, 1891) e a súa única novela, O retrato de Dorian Gray (1891), pola cal recibiu violentas críticas.
Célebre e solicitado por toda a aristocracia británica, Wilde reafirmouse como un dos grandes comediógrafos da época coas obras O abano de Lady Windermere (1892), Unha muller sen importancia (1893), Un marido ideal (1895), ou A importancia de ser Severo (1895).
En 1894, escribiu en francés Salomé, obra traducida ao inglés polo seu amigo lord Alfred Douglas. Un ano máis tarde, no cumio da súa carreira, converteuse na figura central do máis soado proceso xudicial do século, que conseguiu escandalizar a clase media da Inglaterra vitoriana. Wilde, que mantivera unha amizade homosexual con lord Alfred Douglas, foi acusado de sodomía polo pai deste, o marqués de Queensbury. Declarouse culpable no xuízo, celebrado en maio de 1895, e foi condenado a dous anos de traballos forzados. A súa peripecia en prisión foi descrita no poema Balada do cárcere de Gaol (1898), onde o aforcamento dun compañeiro lle serviu como excusa para describir íntimos sentimentos sobre o cárcere, así como na súa obra póstuma De Profundis (1905), extensa carta chea de resentimento dirixida a lord Alfred Douglas.
Unha vez en liberdade, e desenganado da sociedade inglesa, Wilde pasou o resto da vida en París baixo o nome falso de Sebastian Melmoth.
Vinculado á xeración de lúcidos activistas culturais que xurdiron arredor da Sala Nasa de Compostela, Carlos Santiago representa unha aposta pola renovación escénica e destaca sobre todo por un humor de raíz corrosiva.
Desenvolve a súa actividade principalmente no campo das artes escénicas, tanto no teatro como na música. Desde 1997 reparte o seu traballo entre Galicia e Portugal, colaborando regularmente con compañías teatrais, formacións musicais e outros proxectos artísticos a un e outro lado do Miño.
Formou parte de diversos proxectos musicais como cantante e letrista, desde a banda afterpunk Nicho Varullo ou a Banda da Nasa, especializada en cabare, ata a Psicofónica de Conxo, unha das experiencias musicais máis relevantes na escena musical galega da última década.
De 1992 a 1997 formou parte da compañía teatral Chévere participando en diversas montaxes e proxectos da compañía como técnico, guionista ou intérprete. En 1998 iniciou o seu traballo como dramaturgo e director escénico en Portugal, na Expo 98 de Lisboa, da man de compañías como Trigo Limpo, Teatro O Bando, A Barraca, o GTN da Universidade Nova de Lisboa ou A Teia, asinando pezas como Au Gaciar, viagem teatral ao Fin do Mundo, Abraço de Ferro, Mamã Lusitânia ou Ascensão e Queda de Zé Grotewski.
A partir de 2001 escribe varias pezas para compañías galegas, como Drácula, espectáculo de marionetas para Trompicallo, ou a comedia musical Ratman e Bobyn para Bacana Producións, da que tamén é autor da banda sonora xunto a Pepe Sendón, e dirixe Sidecar, da compañía Belmondo. En 2007 escribiu e dirixiu A sega, para o espectáculo Pan da compañía Volta e Dálle. En 2008 participou na escrita colectiva de Periferia, dirixida por Montse Triola e en 2009 escribiu e dirixiu Finlandia co Teatro Biodegradábel de Ohio, experimento de teatro civil que suscitou unha grande acollida por parte de público e crítica.
Desde os anos noventa realiza tamén diversos espectáculos de monólogos, tanto en Galicia como en Portugal, entre os que destacan Monólogos finlandeses, Textículos, Desacordos ortográficos ou A leira magnética, onde a ironía e a crítica da actualidade procuran sempre o entusiasmo do público.
É autor dun libro de poemas de marcado carácter experimental, Metalurxia, na colección Di-Versos de Edicións Positivas, e dunha novela breve, Acantinado, integrada na colección O Lapis do Taberneiro.
Tamén colaborou como guionista en programas de radio e televisión como Apaga a luz, de Atlantis Producións, ou nos espectáculos de Mofa e Befa Finis Mundi Circus e Cultura para dar e tomar. En 2005 iniciou o seu traballo como guionista en curtametraxes como A dúas velas ou Microfundismos, de Quique Otero, ou A casa, en colaboración con Xabier Queipo. É autor de varios guións para longametraxes como Caixa negra ou Sempre en Schnell, e documentais como O labrego que inventou a Lúa ou O sexo dos espellos.
María Mera: Salomé
Pepe Penabade: Herodes e Soldado 1
María Salgueiro: Herodías e Soldado 2
Hugo Torres: Iokanaán, Nazareno, Soldado 3 e Naamán
Marcos Correa: Mozo sirio, Xudeo e Camareiro
Alberte Cabarcos: Graffiteiro, Paxe e Tixelino
Autoría: Oscar Wilde
Dirección: Carlos Santiago
Tradución e adaptación: Pepe Sendón
Produción: Centro Dramátcio Galego
Elenco (por orde alfabética): Alberte Cabarcos, Marcos Correa, María Mera, Pepe Penabade, María Salgueiro e Hugo Torres
Espazo escénico: Pancho Lapeña
Deseño do vestiario: Cloti Vaello
Espazo sonoro: Fran Pérez (Narf)
Deseño da iluminación: Baltasar Patiño
Coreografía: Uxía Vaello
Maquillaxe: Fany Bell
Vídeo: Diploducus Producións
Vídeo escenográfico: Grimediostudio
Fotografía: Luis Otero (Fotoesfera)
Modelador: Cuatro Ojos Estudio
Deseño gráfico: Fausto Deseño Asociados
Caderno pedagóxico:Miguel Vázquez Freire (Gálix)
Prensa: Gabinete de Comunicación da Agadic
Gabinete de comunicación: Trisquelia
Revisión lingüística: Rosetta
Asistente de produción: Sagrario Quintela
Coordinación da produción: Belém Brandido
Asistente-meritoria de dirección: Flora Granja Miranda
Axudante de dirección: Víctor Mosqueira
Xaneiro 2011
Vigo no Centro Cultural Novacaixagalicia
Venres 8. Función. 20.30 h
O Barco de Valdeorras no Teatro Lauro Olmo
Venres 14. Función. 21.00 h
Guimarães no Centro Cultural Vila Flor
Sábado 22. Función. 22.00 h
Tondela no Teatro Acert
Mércores 26. Función. 21.45 h
Braga no Theatro Circo
Venres 28. Función. 21.30 h
Sábado 29. Función. 21.30 h
Febreiro 2011
Vilagarcía de Arousa no Auditorio Municipal
Venres 4. Función. 21.00 h
Lugo no Auditorio Gustavo Freire
Xoves 10. Función. 20.30 h
Tui no Teatro Municipal
Venres 18. Función. 21.30 h
Pontevedra no Teatro Principal
Martes 22. Función. 21.00 h
Mércores 23. Función escolar. 12.00 h
Narón no Pazo da Cultura
Venres 25.Función. 20.30 h
Sábado 26. Función. 20.00 h
Marzo 2011
A Coruña no Teatro Rosalía de Castro
Venres 4. Función. 20.30 h
Ourense no Teatro Principal
Sábado 12. Función. 20.30 h
Domingo 13. Función. 19.00 h
Ferrol no Teatro Jofre
Xoves 17. Función. 20.30 h
Venres 18. Función. 20.30 h