AGADIC

Centro Dramático Galego


o_profesional_580x250

CDG: O profesional

De Dusan Kovacevic

Ano: 2012

Manuel Guede Oliva, director

"Somos moitos os que compartimos, co poeta Humberto Saba, a certeza de que o humor é a máis alta forma da cortesía.

Desde esa convicción, con esa arquitectura, O profesional de Dusan Kovacevic é un texto atravesado pola civilidade, por esa delgadísima liña na que o ser humano foi aprendendo a construírse no respecto ao outro, nos valores do diálogo, na asunción da alteridade. E isto, proclamado desde o corazón de Belgrado, nas paisaxes desoladas da vella Iugoslavia destruída é unha lección moral de radical magnitude.

En O profesional comparece a cómica tristeza dos que un día se quedaron sen patria, ou sería conveniente inverter esta orde e precisar que é máis ben a comedia triste daqueles aos que a Historia lles roubou a súa historia persoal? Sexa como for, o que Kovasevic non está disposto a negociar é a risa, a ironía, o sarcasmo, os espellos grotescos que retratan a fin dun século XX que se pecha en Europa exactamente igual que se inaugurou, como unha terrible maldición: sangrando polas cicatrices dos Balcáns.

Pero Kovasevic, lúcido notario deste tempo, militante dun escepticismo luminoso, sabe ben que por riba de todo o que ningunha sociedade debe de perder nunca é a súa capacidade para rir. Porque, finalmente, a risa é a arma máis poderosa contra a iniquidade, a vileza, a ignominia; é o fracaso da represión.

Por iso O profesional é, sobre todas as cousas, unha risada triste, unha gargallada áspera na beira do abismo contra a crueldade de certos destinos. Acaso os nosos…?"

Manuel Guede. Director escénico

Sinopse

"Non sabe quen son?" Con estas palabras Luka Laban, "o profesional", entra no despacho e na vida de Teodor Teja Kraj, un antigo militante da oposición ao réxime do mariscal Tito convertido agora en director dunha cambaleante editorial ao borde da quebra comercial.

Durante dúas décadas, Luka -policía da desaparecida brigada política- tivo a misión de vixiar o antigo revolucionario, gravando e transcribindo as súas conversas e recollendo os recordos fetiche que o mozo tiraba no camiño. Apartado do servizo polo novo goberno, chega ao despacho do que acaba de ser nomeado director editorial para revelarlle como os seus destinos coincidiron unha e outra vez. Hai vinte anos que viven un ao lado do outro, ata o punto que un deles chegou a se converter na sombra inseparable do outro, o seu secretario, o seu anxo da garda… Pero iso Teodor non o chegou a saber nunca.

Teodor, o intelectual que mudou as súas conviccións sociais e políticas por un bo salario e unha carreira emerxente, verase reflectido no espello de Luka, o vello funcionario que, nun mundo que cambia vertixinosamente, resístese a abandonar sen rematar a misión que lle fora encomendada.

Con esta enigmática exposición de inicio, Kovacevic preséntanos unha divertida e emocionante metáfora das grandes ambigüidades e contradicións da Iugoslavia comunista e da historia recente da nova Serbia.


Dusan Kovacevic

Dramaturgo e director de orixe serbia, Dusan Kovacevic (Mrdenovac, 1948) é unha das grandes figuras contemporáneas da escrita dramática europea.

Cursou os seus primeiros estudos en Novi Sad, na ex Iugoslavia, e graduouse en arte dramática pola Universidade de Belgrado en 1973. Combinando o seu traballo entre o cinema e o teatro, ben cedo vai ser considerado como un dos mellores guionistas do país nos xéneros da comedia e da sátira. As súas obras vanse traducir a unha vintena de idiomas, vanse estrear en máis de cen teatros de Europa e dos Estados Unidos e van recibir múltiples galardóns.

Entre os seus éxitos comerciais e artísticos figuran os guións de O trato especial, de Goran Paskaljevic; Traxedia burlesca, de Goran Markovic; Quen canta por aquí?, de Slobodan Sijan; e Underground, de Emir Kusturica (filme gañador da Palma de Ouro no Festival de Cine de Cannes en 1995).

Kovacevic debuta como director de cine en 1984 coa película O espía balcánico, baseada nun guión propio que recibirá o premio do xurado no Festival de Cinema de Montreal. Vinte anos despois regresa á dirección coa adaptación do seu texto O profesional, galardoada co premio da crítica no Festival de Cinema de Montreal, ou o premio ao mellor filme e ao mellor guión no Viareggio Europa Cinema, entre outros.

Autor dunha vintena de obras teatrais máis, entre elas, ademais de O espía balcánico e O profesional, convén destacar Os maratonianos corren unha volta de honra, Radovan III e Meeting center.

A versión escénica de O profesional permaneceu na carteleira do Teatro Zvezdara de Belgrado (do que Kovacevic era tamén director) case sen interrupcións desde a súa estrea en 1990 ata 2002, ao falecer o seu actor principal, Stojkovic. Coincidindo coa posta en escena diante dun público multitudinario da función número cen, a obra traduciuse ao inglés e fíxose unha lectura dramatizada nun teatro de Berkeley, California, onde, unha vez máis, recibiu unha resposta entusiasta. Adquiriu máis sona e, en 1992, O profesional escenifícase no North Beache Repertory Theatre de San Francisco e, uns meses máis tarde vaise representar en Londres, no pequeno teatro Offstage Downstairs. En 1994, a obra vai ser adaptaba á televisión polo escritor e dramaturgo alemán Ulrich Plenzdorf, quen a vai adaptar no contexto da Stasi (a policía secreta da antiga República Democrática Alemana), aspecto que encaixaba coma un guante. Andreas Dresen vai dirixir esta versión adaptada baixo o título A outra vida de Herr Kreins. En 1995, O profesional estréase no Circle Theatre de Manhatan, unha sala do circuíto alternativo de Broadway e desde entón non para de ser presentada en diversos teatros ao longo do mundo.


Manuel Guede Oliva

Manuel Guede Oliva estivo estritamente vinculado á escena galega durante toda a súa vida. Foi director do Centro Dramático Galego dende 1991 a 2005. Autor, tradutor e director de producións de gran calidade e de moito éxito dentro e fóra do noso país.

Comezou a dar os seus primeiros pasos como dramaturgo na temporada 1973-1974, cando co texto O Cume foi finalista do concurso de obras teatrais Abrente de Ribadavia. Nestas datas tamén colaborou co colectivo Histrión-70. En 1982, na cidade de Ourense, foi o fundador da Sala Caritel e da compañía de teatro do mesmo nome.

Con Eduardo Alonso versionou varias obras como O enfermo imaxinario de Molière, Medea de Eurípides, e As alegres casadas de William Shakespeare. En 1998 participou no espectáculo Valle-Inclán 98, en coprodución co Centro Dramático Nacional (CDN), o Centro Dramático Galego (CDG) e o Centro Dramático de Viana do Castelo (Portugal), coa dirección da peza Ligazón. Catro anos máis tarde, dirixiu a obra de Castelao Los viejos no deben enamorarse, unha coprodución do CDN, o CDG e o Centro Cultural de la Villa de Madrid.

Guede Oliva foi membro do Consello Nacional de Teatro do Ministerio de Cultura entre os anos 2001 a 2004. En Portugal tamén desenvolveu unha exitosa traxectoria profesional, en concreto, coa Companhia de Teatro de Braga dirixiu en 2007 o texto do autor serbio Dusan Kovacevic, O profesional, e en 2010 o texto de Ramón María del Valle-Inclán, A cabeza do Baptista.

Entre outros moitos recoñecementos, Manuel Guede gañou en 2006 o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais convocado pola Xunta de Galicia pola súa obra Ocaso Otero. Asemade, en 2011 recibiu o Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña co texto A función do tequila.


Ernesto Chao: Luka Laban
Miguel Pernas: Teodor Teja Kraj
Rebeca Montero: Marta
Rodrigo Roel: O Tolo


Centro Dramático Galego (CDG) en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga (CTB)

Autoría: Dusan Kovacevic
Dirección e adaptación: Manuel Guede Oliva
A partir da tradución de Vladimir André Cejovic e Anne Renoue
Elenco: Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel
Escenografía: Arquitecto José Carvalho Araújo
Vestiario: María Negreira
Deseño de iluminación: Juanjo Amado
Creación de vídeo: Hugo Carvalho Araújo
Espazo sonoro: Manuel Guede Oliva e Pedro Pinto
Caderno pedagóxico: Miguel Vázquez Freire (Gálix)
Fotografía: Miguel Fernández
Asistente de dirección: Inma António Souto
Produción: Fran Veiga
Prensa: Gabinete de comunicación da Agadic
Gabinete de comunicación: Trisquelia


Outubro 2012

Tui no Teatro Área Panorámica
Venres 26. Función. 20.30 h
Sábado 27. Función. 20.30 h

Vigo no Centro Cultural Novacaixagalicia Teatro
Martes 30. Función. 20.30 h
Mércores 31. Función. 20.30 h

Novembro 2012

Ourense no Teatro Principal
Sábado 3. Función. 20.30 h
Domingo 4. Función. 19.00 h

Coimbra no Teatro da Cerca de São Bernardo
Xoves 8. Función. 21.30 h
Venres 9. Función. 21.30 h

Braga no Theatro Circo
Martes 13. Función. 21.30 h

O Barco de Valdeorras no Teatro Municipal Lauro Olmo
Venres 23. Función. 20.30 h

Pontevedra no Centro Social Novacaixagalicia
Venres 30. Función. 20.30 h

Decembro 2012

A Coruña no Teatro Rosalía de Castro
Martes 4. Función. 20.30 h
Mércores 5. Función. 20.30 h

Rianxo no Auditorio Municipal
Sábado 8. Función. 20.30 h

Narón no Pazo da Cultura
Sábado 15. Función. 20.00 h

Ribadeo no Auditorio Municipal Hernán Naval
Domingo 23. Función. 20.30 h


Ver todas

Galería de imaxes

Anterior Ampliar Seguinte



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal