AGADIC

Centro Dramático Galego


longa_viaxe_cara_a_noite_580x250

CDG: Longa viaxe cara á noite

De Eugene O'Neill

Ano: 2014

Manuel Guede Oliva, director

Eugene O’Neill, gañador de catro Pulitzer e premio Nobel de Literatura en 1936, é o pai fundador do teatro norteamericano moderno e este texto, Longa viaxe cara á noite, un dos máis célebres da súa notable produción literaria. Será esta a primeira ocasión, nos trinta anos de idade que cumprirá o CDG en 2014, en que a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia se achegue a unha literatura dramática tan fundamental na historia do teatro moderno como é a norteamericana.

Máis que calquera outro dramaturgo, O’Neill introduciu na escena estadounidense un realismo dramático que xa iniciaran Anton Chéjov, Henrik Ibsen e August Strindberg. En xeral, as súas obras contan con personaxes que viven nas marxes da sociedade e que loitan por manter as súas esperanzas e aspiracións, aínda que adoitan rematar desilusionados e caendo no desespero.

Gustáballe explorar nas partes máis sórdidas da condición humana, indagar na soidade do ser humano, reconciliarse coa dor de vivir e encontrar aí un camiño de expiación persoal e de aceptación. Os seus personaxes vense atrapados por un destino común e nas relacións mutuas, sempre conflitivas, achan o sentido da existencia.

Nomes como Tennessee Williams ou Arthur Miller non poderían existir sen o antecedente de O'Neill e sen todos eles a nosa formación sentimental, fundamentada na condición de espectadores cinematográficos, sería dificilmente comprendida.

Aclamada pola crítica e considerada a obra máis completa e cumio de O’Neill, Longa viaxe cara á noite foi galardoada co premio Pulitzer póstumo ao ser editada pouco despois da morte do seu autor, a pesar de que as instrucións escritas deste estipulaban que as súas pezas non debían publicarse ata 25 anos despois da súa morte.

Con elementos da vida do propio O’Neill, este texto narra a crónica dun só día na vida dos Tyrone, unha familia norteamericana quebrada polas frustracións e os vicios: James, un actor de éxito e fortuna, que pasou a súa vida de escenario en escenario sen poder formar un verdadeiro fogar; Mary, a súa muller, presa dunha adicción imposible de desarraigar; Jamie, o fillo maior e alcohólico; e Edmund, o alter ego de O’Neill, un mozo soñador e romántico, pero enfermo de tuberculose.


Eugene Gladstone O'Neill (Nova York, 1888-Boston, 1953), gañador do Premio Nobel de Literatura en 1936, está considerado como o máis importante dramaturgo norteamericano. Longa viaxe cara á noite (Long Day’s Journey into Night), a súa obra mestra editada postumamente en 1956, atópase na cúspide dunha longa listaxe de grandes pezas polas que acadou sona internacional.

O’Neill naceu no seo dunha familia de teatro. O seu pai, James O’Neill, era un afamado actor coñecido polo seu papel de conde de Monte Cristo na adaptación teatral da novela de Alexandre Dumas. A súa nai, Ella, acompañaba o seu marido durante as súas xiras por todo o país, descansando só de xeito momentáneo para o nacemento do seu primeiro fillo, James Jr., e de Eugene. Este último, de feito, veu ao mundo nun hotel de Broadway e pasou os seus primeiros anos de vida entre bambolinas, cuartos de hotel e vagóns de tren.

A pesar de que rematará deplorando a inseguridade desa etapa da súa infancia e culpando o seu pai dunha vida familiar inestable, dura e azarosa —que provocaría a adicción ás drogas da súa nai —, o teatro corría polas súas veas. Ademais, durante eses anos, Eugene medraba entre o catolicismo de raíces campesiñas irlandesas do seu pai e o misticismo da súa nai, dúas influencias a miúdo en conflito, que quedan plasmadas na gran carga dramática das obras de O’Neill.

Tras ser educado en internados, asistiu durante un curso á Universidade de Princenton (1906-07), tras o que abandonou os estudos para comezar o que máis tarde rememoraría como a súa verdadeira educación na "experiencia da vida". Pero durante os seis anos seguintes estivo moi cerca de acabar coa súa existencia. Embarcouse como mariñeiro, abandonouse á mala vida e ao alcohol nos peiraos de Bos Aires, Liverpool e Nova York, e acabou tentando suicidarse.

Xa recuperado, aos 24 anos traballou durante un breve período como reporteiro e colaborador na columna de poesía do New London Telegraph, labores que tivo que deixar ao enfermar de tuberculose. O seu confinamento no Gaylord Farms Sanitarium durante seis meses, nos que tivo a oportunidade de se enfrontar a si mesmo desde a sobriedade e o realismo, deu lugar ao que el mesmo definiría como o seu "renacemento": comezou a escribir obras de teatro.

As súas primeiras pezas eran estraños melodramas protagonizados por prostitutas, delincuentes, mariñeiros solitarios e todo tipo de inxustizas divinas que, se ben eran temáticas habitualmente abordadas pola narrativa considerada seria, non se consideraban apropiadas para a súa representación nos escenarios norteamericanos. Un crítico teatral recoméndalle entón inscribirse en Harvard para asistir ao famoso curso de escritura de George Pierce Baker, circunstancia que lle ofrece a oportunidade de traballar de xeito constante e de se reafirmar no camiño elixido.

A súa primeira estrea como dramaturgo tivo lugar no verán de 1916 en Provincetown, onde un grupo de mozos escritores e pintores se dedicaba ao teatro experimental e produciu a súa peza nun acto Rumbo ao Leste cara a Cardiff (Bound East for Cardiff). O seu talento era evidente e, tras fundar a compañía Playwrights’s Theatre en Greenwich Village, o grupo estrearía en Nova York varios das obras breves asinadas por O’Neill ata 1920. Para cando estreou en Broadway Máis alá do horizonte (Beyond the Horizon, 1920), O’Neill contaba xa cunha pequena reputación como escritor. O realismo tráxico desta obra impresionou aos críticos e supúxolle o primeiro dos seus catro premios Pulitzer: os outros tres recibiunos por Anna Christie (1922), Estraño interludio (Strange Interlude, 1928) e, de xeito póstumo, por Longa viaxe cara á noite. Nas dúas décadas seguintes a súa fama medraría progresivamente, tanto entre a crítica como entre o público dentro e fóra dos Estados Unidos. Tras Shakespeare e Shaw, O’Neill converteuse no dramaturgo máis traducido e representado.

A súa capacidade e compromiso co traballo eran asombrosas, de xeito que conta cunha produción moi extensa na que, xunto cos títulos xa mencionados, tamén destacan O emperador Jones (The emperor Jones, 1920); O mono peludo (The Hairy Ape, 1922); Desexo baixo os olmos (Desire under the Elms, 1924); O gran Deus Brown (The Great God Brown, 1926); A Electra séntalle ben o loito (Mourning Becomes Electra, 1931); Terras virxes (Ah, Wilderness!, 1932), a súa única comedia; Chega o home de xeo (The Iceman Cometh, 1946) ou Unha lúa para o bastardo (A Moon for the Misbegotten, 1947), un fracaso de público que, porén, a partir de finais dos cincuenta se verá como a súa mellor obra.

As súas pezas están escritas desde un intenso e moi persoal punto de vista, que deriva directamente dos efectos das súas tráxicas relacións familiares: o amor tormentoso dos seus pais e a negativa influencia do seu irmán maior, que morreu por mor do seu alcoholismo. Mesmo nas súas últimas obras, a xuventude de O’Neill continuaba absorbendo a súa atención. Neste sentido, Longa viaxe cara á noite é unha obra claramente autobiográfica referente a ese período familiar.
A súa tráxica visión da vida perpetuouse nas súas relacións coas tres mulleres coas que casou e cos seus tres fillos. O seu fillo máis vello, Eugene O'Neill Jr. (da súa primeira muller, Kathleen Jenkins), foi un especialista en Letras Clásicas pola Universidade de Yale, alcohólico, que se suicidou en 1950 aos 40 anos, mentres que a inestabilidade emocional do seu fillo máis novo, Shane (da súa segunda muller, Agnes Boulton), derivou na súa adicción á heroína e no seu posterior suicidio. A súa filla, Oona (tamén de Agnes Boulton), saíu da súa vida en 1943 cando a desherda por casar co cineasta Charles Chaplin. Ela tiña 17 anos e el, 54, como O'Neill.
En 1928 trasládase a Francia coa súa amante e logo terceira esposa, a actriz Carlotta Monterey. Dous anos despois regresan aos Estados Unidos e en 1936 converteuse no primeiro dramaturgo norteamericano ao que se lle concede o Premio Nobel de Literatura.

Tras numerosos problemas de saúde e o seu alcoholismo, O'Neill padeceu nos seus últimos anos grandes tremores nas mans, asociados a enfermidade de Parkinson, que lle impediron escribir. Tratou de ditar, pero resultáballe imposible crear dese xeito. Sen querer ver a ninguén —agás Carlotta e unha enfermeira—, retirouse á suite 401 do hotel Sheraton de Boston, da que non volveu saír. El aludiu ao feito de que empezou nun cuarto de hotel ao nacer e rematou do mesmo modo. Morreu o 27 de novembro de 1953, aos 65 anos.

A pesar de que as súas instrucións escritas estipulaban que as súas obras non debían publicarse ata 25 anos despois da súa morte, en 1956 Carlotta ordenou Longa viaxe cara á noite para a súa publicación. Outras obras editadas postumamente foron Un toque de poeta (A Touch of the Poet, 1958) e Máis mansións maxestosas (More Stately Mansions, 1967). Con parte dos cartos xerados por estes textos e seguindo disposicións testamentarias do propio O'Neill, quen desexaba mostrar o seu agradecemento ao país que lle concedera o Nobel, instituíuse o Premio O'Neill, que é outorgado cada ano polo Dramaten de Suecia.

Información extraída da biografía de Eugene O’Neill publicada na web www.eoneill.com a partir da Encyclopaedia Britannica


Manuel Guede Oliva estivo estritamente vinculado á escena galega durante toda a súa vida. Foi director do Centro Dramático Galego dende 1991 a 2005. Autor, tradutor e director de producións de gran calidade e de moito éxito dentro e fóra do noso país.

Comezou a dar os seus primeiros pasos como dramaturgo na temporada 1973-1974, cando co texto O Cume foi finalista do concurso de obras teatrais Abrente de Ribadavia. Nestas datas tamén colaborou co colectivo Histrión-70. En 1982, na cidade de Ourense, foi o fundador da Sala Caritel e da compañía de teatro do mesmo nome.

Con Eduardo Alonso versionou varias obras como O enfermo imaxinario de Molière, Medea de Eurípides, e As alegres casadas de William Shakespeare. En 1998 participou no espectáculo Valle-Inclán 98, en coprodución co Centro Dramático Nacional (CDN), o Centro Dramático Galego (CDG) e o Centro Dramático de Viana do Castelo (Portugal), coa dirección da peza Ligazón. Catro anos máis tarde, dirixiu a obra de Castelao Los viejos no deben enamorarse, unha coprodución do CDN, o CDG e o Centro Cultural de la Villa de Madrid.

Guede Oliva foi membro do Consello Nacional de Teatro do Ministerio de Cultura entre os anos 2001 a 2004. En Portugal tamén desenvolveu unha exitosa traxectoria profesional, en concreto, coa Companhia de Teatro de Braga dirixiu en 2007 o texto do autor serbio Dusan Kovacevic, O profesional, e en 2010 o texto de Ramón María del Valle-Inclán, A cabeza do Baptista.

En 2012, de novo á fronte do Centro Dramático Galego, dirixiu a versión galega de O profesional, coa Companhia de Teatro de Braga como entidade coprodutora. Entre outros moitos recoñecementos, Manuel Guede gañou en 2006 o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais convocado pola Xunta de Galicia pola súa obra Ocaso Otero. Asemade, en 2011 recibiu o Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña co texto A función do tequila.


Por orde alfabética:

Luisa Merelas: Mary
Alberto Rolán: Edmund
Gonzalo Uriarte: James
Marcos Viéitez: Jamie


Autoría: Eugene O'Neill
Dirección: Manuel Guede Oliva
Elenco (por orde alfabética): Luisa Merelas, Alberto Rolán, Gonzalo Uriarte e Marcos Viéitez
Escenografía: Rodrigo Roel
Iluminación: Juanjo Amado
Espazo sonoro: Guillermo Vázquez
Vestiario: María Negreira
Produción: Fran Veiga
Asistente de dirección: Imma António Souto
Versión galega: Manuel Guede Oliva
Caderno pedagóxico: Imma António Souto
Fotografía: Miguel Fernández
Prensa: Gabinete de comunicación da Agadic
Gabinete de imaxe e comunicación: Trisquelia


Abril 2014

Braga, no Theatro Circo
Xoves 10. Función. 21.30 h

Pontevedra, no Centro Social Fundación Novacaixagalicia
Sábado 12. Función. 20.30 h

Barcelos no Teatro Gil Vicente
Sábado 19. Función.

Narón, no Pazo da Cultura
Sábado 26. Función. 20.00 h

A Estrada, no Teatro Principal
Mércores 30. Función.

Maio 2014

A Coruña, no Teatro Rosalía Castro
Sábado 3. Función. 20.30 h

Rianxo, no Auditorio Municipal
Sábado 10. Función. 20.30 h

Ourense, no Teatro Principal
Sábado 17. Función. 20.30 h
Domingo 18. Función. 19.00 h
Luns 19. Función escolar. 11.00 h

Vigo, no Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia
Xoves 22. Función.
Venres 23. Función.

Tui, no Teatro Municipal
Martes 27. Función escolar. 11.00 h

O Barco de Valdeorras, no Teatro Municipal Lauro Olmo
Venres 30. Función.


Ver todas

Galería de imaxes

Anterior Ampliar Seguinte



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal