De Fernando Epelde
Ano: 2016
Tito Asorey, director
Vinte minutos no mundo persistente equivalen a un día no mundo real. No espazo entre estas dúas medidas transcorren as vidas dos mozos protagonistas desta historia, que adoitan falar sempre entre eles enmarcados en pantallas, sen compartir espazos físicos.
O mundo persistente é tamén un termo do campo dos videoxogos que denomina os universos virtuais que sobreviven en ausencia do xogador. Así que… agora, para estes mozos, o mundo persistente tornouse a única alternativa interesante fronte a un mundo exterior obsoleto e superado.
E todo semella non ter bordos neste mundo. E, por riba, as cousas flúen sen perturbacións nos videoxogos, ata que un destes mozos enferma e a mesmísima morte (unha morte de píxeles, aínda que morte ao fin e ao cabo) fai acto de presenza para propoñerlle un pequeno paseo a través do mundo real na compaña dos seus amigos.
Un paseo para alguén que xamais camiñou.
O Proxecto Nós
O mundo persistente é a nova proposta xurdida ao abeiro do Proxecto Nós Territorio (Es)Cénico Portugal Galicia, rede de intercambio teatral co país veciño na que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa a través do CDG e a ESAD de Galicia.
Se a produción en 2015 de Bilingue/Bilingüe —espectáculo inaugural desta iniciativa— estivo coordinada dende Portugal, desta volta é o CDG o que lidera a posta en marcha deste segundo título do Proxecto Nós. Pola banda portuguesa, están implicadas a Escola Superior de Teatro e Cinema (ESTC) de Lisboa e mais a Escola Superior de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) de Porto, así coma os teatros nacionais D. Maria II e São João.
O obxectivo do Proxecto Nós é desenvolver unha rede de circulación de artistas novos, formados nas tres escolas participantes, nun contorno de traballo profesional, que incida, ao tempo, no impulso das relacións entre as escenas de Galicia e Portugal.
Se tiveses que debuxar a un ser humano do século XXI… Unha explicación a O mundo persistente por Fernando Epelde
Se tiveses que debuxar un ser humano do século XXI, que debuxarías? Quizais as súas costas e a silueta do seu cranio, sempre recortada contra un gran plasma luminescente. Debuxarías a súa cabeza permanentemente descolgada sobre máis pantallas.
Se tiveses que retratar a este home do presente, debuxarías máis pantallas que carne. Debuxarías cristal, luz, plasma e teclas, pero apenas chegarías co teu lapis máis aló do busto. Se alguén do futuro vise este debuxo, podería pensar que quizais non tivésemos pernas nesta época da historia, ou que, se cadra, non as usabamos demasiado.
O mundo persistente é un texto que bebe do presente máis inmediato para construír unha historia universal coa mocidade como máximo atractivo, un texto protagonizado por personaxes novos e para ser levado á escena por actores novos. Unha peza cargada de contrastes fortes, que contrapón a filosofía en movemento de Henry D. Thoreau coas novas tecnoloxías en mans das xeracións que gobernarán o futuro, que presenta os feitos sempre dende a curiosidade e a poética, fuxindo do xuízo. Porque neste mundo persistente non existen nin bos nin malos, tan só distintas aproximacións á unha mesma idea de vivir.
O mundo persistente é un termo acuñado no universo dos videoxogos e que alude ás contornas virtuais cuxa actividade continúa en ausencia do xogador. Un mundo que non precisa de nós expresamente e que, paso a paso, vaille devorando terreo á realidade.
O mundo persistente é o noso mundo. E queremos deternos a entendelo en escena, a pesar de que deterse puidese parecer unha parvada a lombos desta inercia que nos empurra.
O mundo persistente é tamén una obra que xoga coa idea dun futuro distópico, para terminar falando dun presente no que as cousas non evolucionaron, senón que se quedaron estancadas para caer sobre o espectador como un reflexo oscilante da súa propia inmediatez.
William Gibson, pai do ciberpunk, dicía que antes de abordar calquera novo dispositivo tecnolóxico procuraba ter a precaución de imaxinalo roto ou criando po, exposto no escaparate dalgunha tenda de empeños ou de segunda man.
É esta perspectiva desde a que pretendemos mostrar o noso presente, coa precaución que esta celeridade absoluta esixe, minguados ante un sistema que non se detén aínda que ti decidas facelo.
Fernando Epelde, o autor
Novo pero prolífico autor galego. O seu labor como dramaturgo relaciónase con outras disciplinas coma a música, o cinema ou o vídeo, ámbitos aos que se dedica tamén de xeito profesional. Resaltan na súa obra pezas coma Drone (Premio SGAE de Teatro 2014), unha comedia poliédrica que enfronta un artista salvaxe e auténtico co mundo da arte contemporánea na feira internacional ARCO de Madrid.
Por outra banda, Street Art Symphony (Proxecto Iberescena e Premio Abrente de Teatro 2014), cun alto grao de experimentación formal, está centrada no mundo da arte urbana, combinando unha parte textual con material en liña imprescindible para seguir o seu desenvolvemento. Así mesmo, A cara pública (Dramaturxias innovadoras do INAEM) é unha peza experimental a cargo de asistentes virtuais reais de Internet que abordan parte do diálogo.
Entre as súas publicacións cóntanse Om, a música do Universo (Premio Marqués de Bradomín 2009), Vde. non está aquí (Premio Tirso de Molina 2011), Estado de graza (Premio SGAE de Teatro 2012), Caixa negra (Txt71/Revista Galega de Teatro 2013) e A guerra silenciosa (finalista no Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2014).
No ámbito cinematográfico destaca o seu guión O val inquietante (2014), subvencionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) dentro das subvencións de creación para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego.
O mundo persistente e os mundos posibles por Tito Asorey
Un dos maiores praceres que se sente como director é a posibilidade de crear un mundo posible en escena rexido polas súas propias leis. Leis que se basean na creación de convencións que funcionen como código entre o que acontece por riba do escenario e o público que o está presenciando. Este luxo que nos ofrece o teatro permítenos a tentativa de analizar o noso universo nun espazo acoutado, de escasos metros cúbicos.
Nas nosas primeiras conversas, Fernando Epelde e mais eu comezamos a precisar as temáticas que nos estaban a roldar pola cabeza neste momento das nosas vidas. Falamos entón da virtualidade que semella ter cada vez máis presenza en nós (ata o punto de que todas as nosas conversas para este proxecto tiveron lugar a través dunha cámara web); dos recordos en papel dos nosos avós e avoas, que gardamos coma tesouros; de Henry D. Thoreau e a súa teoría sobre a desobediencia civil, o individualismo e o retorno á sinxeleza como motor de revolución persoal; da falsa sensación de liberdade que nos podían ofrecer os videoxogos; dese recorrente sentimento de nostalxia analóxica, que por veces nos invadía aos que, debido á idade, aínda puidemos coñecer o mundo sen Internet.
Todos eses temas fóronse concretando dun xeito natural ao longo dos meses ata que foi nacendo O mundo persistente, un espectáculo creado para un equipo artístico conformado por mozas e mozos que están a finalizar os seus estudos en Arte Dramática en Vigo, Lisboa e Porto.
Traballar con actores novos é algo que sempre me resultou enormemente satisfactorio pola súa entrega, o seu gran desexo de xogar en escena e a súa capacidade de arriscar, sabendo que teñen todo por gañar e moi pouco que perder. Todas estas características pódense facer extensibles ás mozas e mozos que completan o equipo artístico, cuxas achegas, deseños e propostas fan que este mundo persistente se converta nun mundo posible.
O mundo persistente podería ser a historia (si, é desas pezas que contan unha historia) dunha cuadrilla de amigos que fan unha viaxe. Si, coma Os Goonies. Pode que sexa un intento de imaxinar un mundo futuro certamente distópico. Si, como Fahrenheit 451. Tamén poderiamos dicir que é a historia dun revolucionario que trata de ofrecerlles aos rapaces un novo modo de ver o mundo. Si, como O club dos poetas mortos. Quizais alguén vexa a historia do paso do interior do espello ao seu exterior, nun reverso da Alicia de Carroll, ou unha sorte de versión de Peter Pan e os seus nenos perdidos.
Ter a oportunidade de vivir esta creación foi un pracer inmenso. Agardamos que a mestura deste cóctel referencial sexa do voso agrado.
Tito Asorey, o director
Inicia a súa carreira como director de escena no ano 2000, colaborando con múltiples colectivos teatrais, entre os que destacan Tarumba, Muxicas (composto por actrices e actores invidentes) ou Teatro de Adro, con quen estrea Ai Carmela! en 2010. Entre 2013 e 2014 traballa como axudante de dirección na Compañía Nacional de Teatro Clásico nas montaxes O lindo don Diego, dirixida por Carles Alfaro; A noite toledana, dirixida por Carlos Marchena; e A cortesía de España, dirixida por Josep María Mestres.
En 2012 remata os seus estudos superiores en Dirección de Escena na ESAD de Galicia, e funda xunto a Melania Cruz, Fran Lareu, Fernando González e Laura Míguez a compañía ilMaquinario Teatro. Con eles leva á escena O home almofada, de Martin McDonagh, e Perplexo, de Marius Von Mayenburg.
Como actor, forma parte do elenco estable da compañía Sarabela dende o ano 2000 ata o 2010. No 2011 colabora con Ur Teatroa en Macbeth, dirixida por Helena Pimenta. En 2014 incorpórase ao reparto da serie de televisión Serramoura, da produtora Voz Audiovisual, emitida con grande éxito pola TVG.
Fíxose con tres Premios Buero de Teatro Joven e tamén co Premio María Casares ao Mellor Actor Secundario pola súa interpretación n'A Esmorga (2011). Con Perplexo (2015) consegue os María Casares á Mellor Dirección, Iluminación, Adaptación/Tradución e Mellor Espectáculo.
Germán Álvarez (ESAD)
João Cachola (ESTC)
Marta Dias (ESMAE)
Hugo Olim (ESMAE)
Tamara Barja (ESAD)
Vicente Wallenstein (ESTC)
coa participación de Miguel Costa (ESMAE)
Dirección | encenação: Tito Asorey
Deseño | desenho da iluminación | Audiovisuais | Son: José Manuel Faro (ESAD)
Deseño da escenografía | desenho da cenografía: Miguel Costa (ESMAE)
Deseño de vestiario | figurinos: Sofía Rodrigues (ESTC)
Axudante de dirección | edición de son e vídeo: Javier Lojo (ESAD)
Rexeduría: Mariana Silva (ESMAE); Cátia Esteves (TeCA)
Operador de luz | son e audiovisuais: José Manuel Faro (ESAD)
Apoio no ST e coordinación técnica en xira: Juanjo Amado
Construción da escenografía: Talleres CDG (Fernando Fraga, Antonio Mayo, Xaquín Rei)
Confección e arranxos de vestiario: TNSJ (Elisabete Leão)
Figurinos e atrezzo: TNDM II, TNSJ; CDG
Apoio rexeduría: CDG: Salvador Forján; TeCA: Cátia Esteves; TNDM II: Carlos Freitas
Apoio luz: TeCA: Abílio Vinhas; TNDM II: Pedro Alves e Luís Lopes
Apoio son e audiovisuais: ST: Guillermo Vazquez e Antonio Budiño; TeCA: António Bica, Joel Azevedo e Fernando Costa; TNDM II: Pedro Costa
Apoio maquinaria: ST Elixio Castro, Mauro Chao, Reinerio Rodríguez; TeCA Joel Santos; TNDM II Rui Carvalheira
Produción: CDG: Francisco Veiga; TNSJ: María Joao Teixeira, Eunice Basto; TNDM II: Carla Ruíz, Rita Forjaz
Produción da loxística dos alumnos durante os ensaios: ESAD: Cristina Domínguez, Xavier Castiñeira; ESMAE: Pedro Soares; ESTC: Margarita Saraiva, Álvaro Correia
Tradución: Instituto Camões (Galiza): Ana Gravata Ramos
Recomendada para: M14
Duración: 90 min
Xuño 2016
Porto, no Teatro Nacional São João
Teatro Carlos Alberto TeCA
Mércores 8. Función. 21.00 horas
Xoves 9. Función. 21.00 horas
Venres 10. Función. 21.00 horas
Sábado 11. Función. 21:00 horas
Domingo 12. Función. 16.00 horas
Lisboa, no Teatro Nacional Dona Maria II (Lisboa)
Sala Estudio
Mércores 15. Función. 19.30 horas
Xoves 16. Función. 21.00 horas
Venres 17. Función. 21.00 horas
Sábado 18. Función. 21:00 horas
Domingo 19. Función. 16.30 horas