AGADIC

Centro Dramático Galego


tartufo_580x250

CDG Obras: Tartufo

Jean-Baptiste Poquelin, Molière

Ano: 2016

Carles Alfaro, director

Impostores: habelos, hainos

Impostores houbo e hai en todas as épocas, dende que o mundo é mundo. Hainos máis inocuos, que se conforman coa impostura dunha determinada pose de cara á sociedade. E hainos máis perniciosos, que non se contentan coa impostura en si mesma e aspiran a satisfacer obxectivos ulteriores por medio dela. Sexan da natureza que sexan: habelos, hainos.
De aí a gran resonancia do texto de Molière nos nosos tempos. Por unha banda, Tartufo, un home que finxe ser alguén que non é para conseguir algo que non lle corresponde. Un home que, de tanto finxir, semella finxir que finxe; é dicir, un impostor que mantén tan ben a súa impostura que abre a paréntese da dúbida razoable con respecto á súa identidade. Por outra banda, as persoas enganadas, aqueles seres que cren cegamente nel. Xorden moitas preguntas en torno a eles: de onde procede a súa fe sen límites?, que clase de carencia perentoria os leva a substituír a percepción da realidade polas visións de Tartufo? Finalmente, os que perciben a obscenidade do finximento, que mesmo son quen de ver máis alá del para descubrir a intención última deste falso devoto. Aparecen novas dúbidas respecto a eles: perseguen desenmascarar o impostor en tanto que impostor ou porque coa súa impostura defende outros intereses distintos aos seus?

Molière, novamente, asómbranos coa súa capacidade de análise de determinadas facetas da natureza humana, sen renunciar para facelo ao seu xénero predilecto: a comedia. Outra vez aparece na súa obra o finximento, coma unha sorte de teatro dentro do teatro ao que Jean-Baptiste Poquelin, en tanto que Molière, non pode renunciar. Unha vez máis, respírase no texto o recendo do teatro, coma uns acertados lentes a través dos que ollar a realidade presente, coma unha forma de vida que agarda ser vivida.


Jean-Baptiste Poquelin, Molière

Jean-Baptiste Poquelin nace en París en 1622, no seo dunha familia burguesa. O seu pai, tapiceiro do rei, pode darlle unha esmerada educación nun colexio de xesuítas. Aos vinte anos, decide dedicarse ao teatro, pese aos prexuízos dunha época na que a profesión de actor estaba excomungada pola Igrexa francesa. En 1643 funda unha compañía coa familia Béjart e, para non deshonrar a súa familia, adopta o nome de Molière. Malia os seus esforzos, o proxecto fracasa e durante quince anos percorre as provincias francesas cunha compañía de maior entidade.

En 1658 regresa a París e ao ano seguinte obtén o seu primeiro grande éxito coa divertida farsa As preciosas ridículas, onde xa se albisca a comedia de caracteres que creará máis adiante. A escola das mulleres (1662) é a súa primeira obra mestra, coa que se gañaría o favor de Luís XIV. Os seus éxitos e a crítica de costumes das súas obras son causa de envexas, polémicas e poderosos inimigos.

En 1664, Molière escribe por encargo de Luís XIV unha primeira versión de Tartufo, onde critica os falsos devotos que se valen da relixión para aproveitarse da fortuna dalgúns incautos. Ante o escándalo que xerou, o rei xulga prudente prohibila, aínda que ao final permite a súa estrea, con modificacións, en 1669.

Molière consegue librarse dos continuos ataques grazas á amizade e protección do monarca francés. Esta década dos 60 será a época da súa madureza, coas obras que o converteron nun mestre do teatro universal: Don Xoán, O misántropo, O médico a paus, O avaro...

Nos seus últimos anos, inclínase de novo cara á comedia máis lixeira, coma O burgués xentilhome ou O enfermo imaxinario. En 1673, poucos días despois da estrea desta última obra, en plena representación, Molière séntese indisposto e morre ao cabo dunhas horas. Grazas á intervención do rei, púidoselle enterrar máis tarde no camposanto de Saint-Joseph, de noite e sen cerimonia.


Carles Alfaro

Director de teatro e fundador da compañía Moma Teatre en 1982. É tamén actor, adaptador, escenógrafo e deseñador de iluminación. Fórmase como actor en Valencia, Madrid, Oslo e Nova York, e diplómase en Dirección Escénica na British Theatre Association Directors de Londres.

Coa súa compañía, Moma Teatre, produce espectáculos nos que desenvolve a súa faceta de director, actor e deseñador. Estes traballos fano merecedor do Premio de Teatres da Generalitat Valenciana, do Premio da Crítica e de premios de diferentes asociacións á Mellor Dirección entre 1993 e 2003. Fíxose, igualmente, con diferentes galardóns á Mellor Iluminación e Escenografía de espectáculos por obras coma O caso Woyzeck, Cándido, A lección ou Nados culpables. Dende 1997 ata 2004, dota a súa compañía dun espazo teatral en Valencia, o Espai Moma.

Carles Alfaro dirixe habitualmente para centros de produción públicos: Teatro de La Abadía, Centro Dramático Nacional, Compañía Nacional de Teatro Clásico, Teatro de la Zarzuela, Teatro Español en Madrid, Teatre Nacional de Catalunya, Teatre Lliure ou o Festival Temporada Alta (Xirona, Cataluña); mais tamén dirixe diferentes compañías privadas.

Entre os galardóns recibidos destacan: premios Max ao Mellor Espectáculo Revelación por Nados culpables (Moma Teatre, 2001), á Mellor Escenografía por A caída (Moma Teatre e Teatre Nacional de Catalunya, 2003), á Mellor Dirección por O lindo don Diego (Compañía Nacional de Teatro Clásico, 2014) e á Mellor Adaptación por O estranxeiro (Teatre Lliure, 2014). Obtivo tamén o Premio ADE da Asociación de Directores de Escena de España á Mellor Dirección por A arte da comedia (Teatro de La Abadía, 2010) e o Premio Ceres á Mellor Dirección por ¡¡¡Atchúusss!!! (Pentación, 2015), entre outros.


Casilda Alfaro: SEÑORA PERNELA, nai de Orgón
César Cambeiro: ORGÓN, marido de Elmira
Antela Cid: ELMIRA, muller de Orgón
Xoán Fórneas: VALERIO, namorado de Mariana
Mónica García: CLEANTA, irmá de Elmira
Marta Lado: MARIANA, filla de Orgón
Roberto Leal: SEÑOR LEAL, axente xudicial
Rebeca Montero: DORINA, criada de Mariana
Alejandro Saá: TARTUFO
Patricia Torres: DAMIS, filla de Orgón


Autoría: Jean-Baptiste Poquelin, Molière
Dirección: Carles Alfaro
Escenografía: Baltasar Patiño
Vestiario: Diego Valeiras
Iluminación: Carles Alfaro
Música orixinal: Anxo Graña
Caracterización: Trini F. Silva
Tradución: Loli Ramos
Asesoramento lingüístico: Roi V. Ponte
Asistencia de Dirección: Vanesa Sotelo
Escenografía e Utilería: Equipo técnico do CDG
Estructura metálica: Armesa
Vestiario: Equipo técnico do CDG e do CCG
Prensa: Ana Rosales e Ana Miragaya (Comunicación Agadic)
Fotografía: Vanesa Vázquez
Deseño gráfico: Trisquelia


Outubro 2016

Tui, no Teatro Municipal
Venres 21. Función. 21:30h

A Coruña, no Teatro Rosalía Castro
Sábado 29. Función. 20:30h
Domingo 30. Función. 20:30h

Novembro 2016

O Barco de Valdeorras, no Teatro Lauro Olmo
Venres 4. Función. 21:00h

Rianxo, no Auditorio Municipal
Venres 18. Función. 20:30h

Pontevedra, no Auditorio Afundación
Venres 25. Función. 20:30h

Decembro 2016

Vigo, no Teatro Afundación
Xoves 1. Función. 20:30h

Ourense, no Teatro Principal
Sábado 3. Función. 20:30h
Domingo 4. Función.

Cangas, no Auditorio Municipal
Sábado 17. Función. 21:00h

Ferrol, no Teatro Jofre
Sábado 30. Función. 20:30h


Ligazóns

Ver todas

Galería de imaxes

Anterior Ampliar Seguinte



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal