AGADIC

Centro Dramático Galego


neorretranca_580x250

CDG Obras: Neorretranca e posmorriña

De Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte

Ano: 2019

Gena Baamonde, directora

Neorretranca e posmorriña, dúas pezas sobre un mesmo sentir, caras diversas sobre unha mesma inquedanza. A identidade galega como concepto inaprensible, como acción non rematada, como busca incesante. A cultura, a lingua, a escrita, hábitos e prácticas sociais, tradicións e mitos propios. Memoria compartida inzada de símbolos que ás veces non recoñecemos como nosos, que interpelan a imaxinación dunha comunidade non sempre en sintonía.

Neorretranca no punto de mira. Ironía e humor negro acompañado dunha crítica irreverente e a sensación de ter chegado a un punto de inflexión no camiño, onde hai que soltar lastre, onde hai que deixar atrás certos símbolos, algunhas certezas con aparencia de verdade que xa non lle acaen a case ninguén. Namentres, Posmorriña no horizonte, imaxinación dunha Galicia posible que aínda non coñecemos e que, así e todo, non deixamos de estrañar. Saudades dun territorio aberto e por explorar.

Fantasía nº 5 en sol ou non de Esther F. Carrodeguas e Boisaca ou a divina desgraza de Roi Vidal Ponte, compoñentes inseparables dunha andaina que comeza co reto de entender Galicia máis alá dos tópicos, de explorar diversas caras dunha mesma moeda e, a un tempo, diversos camiños da creación escénica. Punto de partida en diálogo cun equipo creativo en continua escoita que, no proceso de ensaios, acaba por construír unha nova proposta dende un punto de vista crítico. Un elenco e un equipo formado por mulleres con perfís moi diversos, con puntos de vista moitas veces silenciados.

Fantasía nº 5 en sol ou non, sinfonía aberta ao xogo escénico, catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer. Collage, onde as pezas non encaixan, nin así se pretende, só conviven nunha partitura á espera de ser tocada. Fantasía ao Carrodeguas, danza da loita cotiá, unha imaxe que se repite, poñer edificios enormes onde había natureza, unha montaña de roupa de todas as historias de Galicia, anacos dunha terra en venda. Sabedoras de que non imos cambiar o mundo do teatro con esta matanza.

Boisaca ou a divina desgraza, humor negro en cemiterio turístico nun tour completo polos límites da vida. Unha viaxe polo alén, un paseo polos alicerces dun teatro institucional con asentos incómodos, festa gastronómica, minifundismo atávico e o tellado a piques de romper. Personaxes debuxados de migallas da memoria colectiva. Gargalladas caricaturescas. Sucesión de escenas nun limbo de identidades.
Aquí somos así, fantasía e desgraza, en sol ou non.

P.D. Dedico este espectáculo a Dorotea Bárcena, actriz, dramaturga, directora, feminista e pioneira do teatro galego.

Gema Baamonde


Esther F. Carrodeguas
Esta rianxeira asenta o seu currículo entre as letras, o audiovisual e o teatro. A súa escrita cabalga sobre os lindes que separan os xéneros, por este motivo, moitos dos seus textos son difíciles de clasificar. Premiada co Pedrón de Ouro polo relato Subir o telón (Edicións do Castro, 2008), con Collage (Barbantesa, 2011) reafírmase nunha escrita persoal e poética.

A partir de entón, a súa carreira profesional foi derivando de cara ao teatro. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia en 2016, déixase notar a súa formación previa como xornalista, non só na súa colaboración coa Revista Galega de Teatro, senón tamén no seu teatro, que xorde dunha necesidade vital de investigación. Así naceu Voaxa e Carmín (Difusora de Artes, Letras e Ideas, 2016. Premio Abrente de Textos Teatrais 2015), Na butaca (Ed. Galaxia, 2017, estreada con ButacaZero tamén en 2017) e #camiños (coprodución co Centro Dramático Galego).

A peza Fantasía nº 5 en sol ou non foi froito da súa participación en DramaturXa, grupo de traballo de dramaturxia do CDG na temporada 2017-18, coordinado por Manuel Lourenzo.

Roi Vidal Ponte
Roi Vidal Ponte é dramaturgo, poeta, crítico teatral, pedagogo e director de escena. Comezou a publicar a comezos de século pezas de teatro breve de inspiración surrealista como Xulieta's Black Hole (2007) e Vampira (2010), ambas en Casahamlet, ou Historia dunha man (2009, Laiovento). En 2016 foi seleccionado polo INAEM para o Programa Dramaturgias Actuales con O asasinato de Zinaida Reich e ese mesmo ano gañou o Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (modalidade adultos), convocado pola Agadic, con Marcha fúnebre para un monicreque (levada a escena por Os Monicreques de Kukas).

Gañou o XV Certame de Poesía Concello de Carral en 2012 cun libro de poemas titulado Teatro (Espiral Maior) e en 2017, o XII Premio Abrente para Textos Teatrais cunha peza dramática titulada Poesía. Materiais para montar unha escena de cama (Difusora). Titulado en Filoloxía e en Dirección de Escena, é membro do consello de redacción da Revista Galega de Teatro e foi un dos cofundadores de DramaturGa, Asociación Galega de Dramaturxia. Ademais, é autor de Fóra de portas (2014, Positivas), unha biografía novelada do seu pai, Roberto Vidal Bolaño.

A peza Boisaca ou a divina desgraza é froito da súa participación en DramaturXa, grupo de traballo de dramaturxia do CDG na temporada 2017-18, coordinado por Manuel Lourenzo.


neorretranca_297x200

Gena Baamonde
Directora de escena, actriz e creadora. Titulada Superior en Arte Dramática, e cun posgrao en Arte Dramática e mestrado en Artes Escénicas, é investigadora pre-doutoral para a Universidade de Vigo, onde desenvolve actualmente a súa tese de doutoramento, Sexualidades des-xeneradas na práctica escénica contemporánea. Forma parte do consello de redacción da Revista Galega de Teatro.

En 1989 entra a formar parte da compañía Matarile Teatro, coa que traballa como actriz en numerosos espectáculos, no equipo do Teatro Galán e no festival internacional de danza En Pé de Pedra.

En 1999 funda a compañía María a Parva, e asina a dirección e texto orixinal de Mullerona, Xogo para nenas e Indignos. Habitual da escena galega, traballa como actriz para numerosas compañías, e realiza asistencias en dirección e dramaturxia para o CDG, Factoría, Disque Danza, A Artística e Voadora. Forma parte, na creación e dirección, de diversos proxectos de A Artística, como Des-memoria-2 e Verde a tempo completo, onde dirixe o espectáculo Arquitectura da emoción.

En 2017 dirixe Elisa e Marcela para A Panadaría, traballo que recibiu, entre outros, o Premio María Casares á Mellor Dirección e Mellor Texto Orixinal, o Premio Luísa Villalta de Igualdade e o XIV Premio LGBT do colectivo ALAS. Tamén dirixe os espectáculos Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos para Matrioshka Teatro e Nómades para Xarope Tulú. Participa en Mulleres en Acción. Violencia Zero coa creación Proxecto T.E.C.O.R. Así mesmo, é conferenciante en numerosas xornadas e congresos sobre xénero, diversidade sexual e artes escénicas. Realiza tamén o comisariado e coordinación da xornada A Marabunta, Mulleres artistas contra a violencia de xénero, para a Deputación da Coruña.


(Por orde alfabética)

Ánxela Blanco
Areta Bolado
Olga Cameselle
Mercedes Castro
Raquel Espada
Anabell Gago
Atenea García
Andrea Quintana
María Roja
Laura Villaverde


Equipo artístico
Escenografía: Marta Pazos
Vestiario: Saturna
Caracterización: Esther Quintas
Iluminación: Wilma Moutinho
Música orixinal e adestramento vocal: Ailén Kendelman. Coas cancións: Himno de Galicia. Letra de Eduardo Pondal e música de Pascual Veiga; Café Bar Sovia e Let´s go little horse de Fanfarria Taquikardia; e La Guillotina de Reveriano Soutullo e Juan Vert, interpretada pola Banda de Música Xuvenil de Xinzo baixo a dirección de Juan Carlos Díaz Álvarez
Coreografía e movemento escénico: María Cabeza de Vaca
Asesoría lingüística: Rosa Moledo
Asesoría de maxia: Mago Teto
Asistencia de escenografía: Carmen Triñanes
Asistencia de música: María Alonso
Asistencia de dirección: Iria Azevedo
Asistencia de produción: Hugo Torres

Realizacións
Escenografía e utilería: Equipo técnico do CDG
Vestiario: Equipo técnico do CDG
Caderno pedagóxico: Tamara Andrés (Gálix)
Fotografía e vídeos: Miramemira
Ilustración: Blanca Millán
Deseño gráfico: Trisquelia

Agradecementos
Á familia Baamonde, a David Barreiro, María Méndez, Yessi e María Alonso.
A todas as persoas que fan posible o programa do CDG de apoio á dramaturxia galega contemporánea DramatUrxente, con especial mención á Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGA; ao coordinador do grupo de traballo DramaturXa, Manuel Lourenzo; ás autoras e autores integrantes do grupo (xunto con Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte): Lois Blanco, Ana Carreira, Santiago Cortegoso, Eva Ferreira, Gloria Rico, Ernesto Is, Zé Paredes, AveLina Pérez, Marta Pérez e Rosa Puga Davila; e a Cristina Domínguez e Xron pola súa colaboración.


Maio 2019

Tui, no Teatro Municipal
Venres 10. Función. 20.30 h

Pontevedra, Sede AFundación Pontevedra
Venres 17. Función. 20.30 h

A Coruña, Teatro Rosalía Castro
Venres 24. Función. 20.30 h
Sábado 25. Función. 20.30 h

O Barco de Valdeorras, Teatro Municipal Lauro Olmo
Venres 31. Función. 21.00 h

Xuño 2019

Ourense, Auditorio Municipal
Xoves 6. Función. 20.30 h

Rianxo, Auditorio Municipal
Venres 14. Función. 21.00 h

Xullo 2019

Vigo, Teatro Afundación Vigo
Venres 5. Función. 20.30 h


Ver todas

Galería de imaxes

Anterior Ampliar Seguinte



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal