AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

MANUEL GUEDE OLIVA INICIA UNHA NOVA ETAPA DO CDG COA ESTREA O VINDEIRO 5 DE OUTUBRO DE "O PROFESIONAL", EN COPRODUCIÓN COA COMPANHIA DE TEATRO DE BRAGA

Cultura e Educación presenta a nova montaxe do Centro Dramático Galego e reforza o seu diálogo co sector teatral

[15/05/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anunciou esta mañá a próxima montaxe do Centro Dramático Galego (CDG), que se enmarca na aposta polo funcionamento da compañía pública como unidade de produción de espectáculos. Trátase da obra O profesional, que se estreará o vindeiro 5 de outubro no Salón Teatro e que se realizará en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga.

Imaxe da presentación

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Juan Carlos F. Fasero, participaron hoxe xunto co director do CDG, Manuel Guede Oliva, na presentación dalgunhas das próximas actuacións que desenvolverá o centro nos vindeiros meses e que se enmarcan nos tres eixos programáticos fundamentais do teatro público: a recuperación e posta en valor dos textos clásicos do teatro galego, a incorporación ao repertorio das grandes obras dramáticas universais e a comunicación co teatro contemporáneo e as novas tendencias.

Anxo Lorenzo deu paso á intervención de Manuel Guede incidindo na rapidez coa que se materializou o proceso de cambio na dirección do CDG coa idea que de o inicio desta nova etapa da compañía pública se levase a cabo do xeito "menos traumático posible" e non supuxese en ningún momento a paralización da súa actividade.

Diálogo permanente co sector
Pola súa banda, Guede Oliva avanzou que, xunto co novo espectáculo, reforzarase o papel do Centro como canle de diálogo cos principais axentes que contribúen ao feito teatral galego. O director explicou que o Consello Asesor do CDG é o espazo idóneo para facer efectiva esta estratexia de "vasos comunicantes" e, con esta finalidade, pasará de ser un órgano consultivo a un órgano verdadeiramente representativo da profesión, a formación e a programación teatral, coa participación como vogais de membros das principais asociacións profesionais do sector (Escena Galega e Asociación de Actores e Actrices de Galicia), do centro de ensino de referencia que é a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) e de representantes dos colectivos de programadores.

O obxectivo é que nas súas reunións, que terán lugar periodicamente a partir da súa constitución a comezos de xullo, se traten problemáticas concretas do ámbito teatral, que se abordarán dun xeito transversal a todos os estamentos implicados. Articularase deste xeito un espazo de diálogo e de orixe de propostas que favorecerán o traballo conxunto e coordinado.

Durante a presentación, incidiuse na aposta do labor do CDG en tanto que unidade de produción propia de espectáculos, apartado no que se prevé unha media de entre dúas e tres estreas ao ano. Esta función de produción sustentarase na aplicación de redución de custos en combinación coa maior rendibilidade e visibilidade social das actividades que se leven a cabo, empregando -tal e como apuntou Manuel Guede- diferentes fórmulas encamiñadas á "optimización de recursos" sen menoscabo da "dignidade e excelencia" que ten que caracterizar o traballo da compañía pública.

Estrea da nova produción
Segundo anunciou o seu novo director, a próxima montaxe do CDG será a do texto O profesional, da que é autor o dramaturgo serbio Dusan Kovacevic, e que se realizará en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga. Este espectáculo, dirixido por Manuel Guede baixo o título O profissional, formara parte da programación da compañía portuguesa en 2007. Agora, o CDG recuperarao en versión galega para a súa interpretación a cargo de 4 actores do país.

A obra estrearase o 5 de outubro no Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde permanecerá en carteleira ata o día 21 do mesmo mes, para iniciar despois unha xira por 11 prazas (9 galegas e 2 portuguesas) cun mínimo de 34 funcións nas que se fomentarán as campañas escolares e a edición de materiais que reforcen a implicación da sociedade no espectáculo.

Na súa intervención, Guede agradeceu expresamente ao director da Companhia de Teatro de Braga, Rui Madeira, a súa xenerosidade e colaboración na cesión de dereitos, así como da escenografía, parte do atrezzo, vestiario e espazo sonoro, entre outras achegas artísticas, que facilitará unha importante redución nos custos finais do proxecto escénico que asume agora o Centro Dramático Galego. A coprodución será, ademais, o tributo do CDG no ano en que se cumpre o 20º aniversario da guerra dos Balcáns, en clave de propoñer unha reflexión histórica e cosmopolita deste conflito bélico a través da escenificación dun texto actual e cheo de matices.

Intercambio con Portugal
Ademais da súa pertinencia temática, O profesional marcará tamén o inicio da importante e continuada liña de relación que se manterá co país veciño. A dinámica que arrinca con esta coprodución con Braga irase incrementando por medio dunha conexión estreita co colectivo Cena Lusófona e a súa rede teatral integrada por espazos escénicos en Braga, Coimbra, Almada e Évora para favorecer que a presenza do CDG en Portugal sexa normalizada e sistemática.

No que respecta aos perfís de programación do Salón Teatro, o CDG optimizará a súa actividade en tanto que escenario receptor dos espectáculos producidos por entidades homólogas de toda a península Ibérica, co fin de dinamizar o seu papel como espazo de intercambio que permita a visita das producións públicas galegas en teatro de fóra de Galicia en réxime de intercambio.

Os contidos completos da próxima tempada, que se desenvolverá desde outubro de 2012 ata xuño de 2013, presentaranse a finais do mes de setembro.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal