AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O AUTOR, ACTOR E DIRECTOR VALENCIANO EXERCITARÁ CON 14 ALUMNOS RECURSOS PARA A CONSTRUCIÓN DE OBRAS

Paco Zarzoso imparte o obradoiro "A estrutura dunha peza" dentro do Centro de Creación Dramática Contemporánea

[29/01/2007] O Centro de Creación Dramática Contemporánea do Centro Dramático Galego (CDG) acolle a partir de hoxe o segundo obradoiro do total de tres que conforman o curso de escrita teatral Pistas para unha dramaturxia da actualidade, impartido polo dramaturgo valenciano Paco Zarzoso e supervisado por Cándido Pazó, o autor residente no CDG na presente temporada. Un grupo de 14 alumnos seguerá esta actividade, que se desenvolverá até o venres día 2 de febreiro baixo o título A estrutura dunha peza e na que se abordarán os distintos elementos da teatralidade á hora de abordar o traballo dramatúrxico.

A estrutura dunha peza ten como obxectivo o estudo e práctica de ferramentas ao servizo do autor dramático, tales como a temporalidade, espacialidade e as diferentes modalidades de diálogos, poñendo especial atención na creación de personaxes complexos. Este traballo desenvolverase a través de exercicios de escrita que poñan en funcionamento todos eses recursos.

O curso completo ten como finalidade que os asistentes poidan crear un texto dramático ao longo dos meses nos que se realiza a actividade, de novembro a maio. Está composto por tres obradoiros dramatúrxicos dunha semana de duración nos que, a partir da identificación e do estudo dos múltiples temas que poden definir a actualidade, rastrexando e experimentando os distintos enfoques, estratexias e camiños dramatúrxicos para abordalos. Así, ademais de Cándido Pazó e Paco Zarzoso, o portugués Abel Neves impartirá o terceiro obradoiro do encontro que terá lugar no mes de marzo. Toas as obras resultantes deste laboratorio de escrita serán publicadas no marco dunha nova liña editorial que, empregando a fórmula da coedición, primará a función dos libros como material de traballo.

REFERENTE DO TEATRO CONTEMPORÁNEO

Autor, actor e director teatral, Paco Zarzoso vén de estrear Arbusht no Teatre Lliure de Barcelona dentro do Festival Grec 2006. Nacido en Puerto de Sagunto, comeza como actor en dúas montaxes da compañía Moma de Valencia: Basted (1990) e El cas Woyzeck (1992). Ese mesmo ano iníciase na escritura con El afilador de pianos (1992) e máis tarde con Un hombre, otro hombre (1995), ambas as dúas estreadas pola súa compañía Grieta Teatre. Outro grupo de teatro valenciano, Debarrani, porá en escena a súa terceira peza: Nocturnos (1995). Xunto a Lola López e Lluïsa Cunillé funda no ano 1995 a compañía Hongaresa de Teatre da que é o director artístico. A idea é dedicarse exclusivamente aos textos de Cunillé e Zarzoso. O primeiro traballo será Intempèrie (1996), un texto escrito entre os dous e dirixido por Lola. En 1996 gaña o coñecido premio Marqués de Bradomín con Umbral, que ao ano seguinte montará Moma. En 1997 estrena Valencia no Festival Grec, dirixida por Rafael Durán; e Yvette Vigatà dirixe Ultramarinos (1998) para o Festival de Sitges, obra que será Premio Cidade de Barcelona e Premio Serra dOr ao Mellor Espectáculo do ano. Namentras, en Valencia, estrena Cocodrilo con dirección de Alejandro Jornet. En 1998 a súa obra Mirador, dirixida por Xavier Albertí e interpretada por Moma, foi galardoada co Premio SGAE de Teatro. As súas últimas obras escrtas e dirixidas son El Hipnotizador (2002), El páramo donde fue herido de muerte Jorge Manrique (2002) e Exilio (2004).

Desde hai 5 anos vén desenvolvendo talleres de escritura teatral en Barcelona, (A Sala Beckett), Valencia (Universidade de Valencia. Sociedade Xeral de Autores) e en escolas privadas de Teatro. Tamén coordinou o primeiro encontro internacional de autores en Córdoba (Arxentina).


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal