AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

COMPAÑÍAS TEATRAIS E DE DANZA, PRODUTORAS AUDIOVISUAIS, CENTROS DE ENSINO, FUNDACIÓNS E ASOCIACIÓNS ATÓPANSE ENTRE AS ENTIDADES QUE RECIBIRON APOIO NO MARCO DESTE SERVIZO DURANTE O PRIMEIRO SEMESTRE DO ANO

A Consellería de Cultura e Educación colaborou cunha trintena de proxectos culturais a través da cesión de espazos e materiais do CDG

[06/08/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiou durante o primeiro semestre do ano máis de trinta proxectos culturais galegos, a meirande parte deles escénicos e audiovisuais, a través do servizo gratuíto de cesión de espazos e de materiais que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG). O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad busca impulsar esta liña de colaboración coa comunidade artística, de xeito que a optimización dos recursos públicos reverta directamente na redución dos custos de produción de eventos e espectáculos promovidos por empresas culturais, asociacións profesionais e fundacións, entre outras entidades.

Ensaios de Galicia Caníbal

O CDG pon á súa disposición, previa formalización da correspondente solicitude, vestiario, atrezzo e elementos escenográficos das numerosas montaxes que ten levado a escena durante os seus 28 anos de historia e que conserva na nave de servizos múltiples da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) no polígono industrial Costa Vella, en Santiago de Compostela.

Escena e audiovisual
Na primeira metade do ano, este material ten sido empregado na produción das novas montaxes e de eventos organizados por formacións escénicas (Almacabra, Chapó, Compañía Nuria Sotelo, Eme2, O Fantabuloso Circo Ambulante dos Irmáns Lumieira, Producións Teatráis Excéntricas, Teatro do Morcego, Voadora), produtoras audiovisuais (Ficción Producións, Circozine, Saga TV, Filmanova), asociacións e fundacións (Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación Galega do Audiovisual, Asociación de Novo Circo Pista 5, Manicómicos, El Biombo Asociación Cultural e Teatral, Asociación de Empresarios Grovenses de Bens e Servizos, Fundación Eduardo Pondal) ou centros de ensino (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, Escola Municipal de Teatro de Vigo, IES Bertamiráns, A Grande Obra de Atocha).

A nave da Agadic conta, así mesmo, con salas de ensaio que -xunto co escenario do Salón Teatro- foron utilizadas para a preparación das novas propostas de Voadora, Talía Teatro, Pífano Teatro, Natalia Outeiro, O Coro da Rá ou Filmanova Invest, entre outras. Neste último caso, a colaboración da Consellería de Cultura e Educación no musical Galicia Caníbal, de Filmanova e Estrella Galicia, materializouse a través dunha fórmula de coprodución mediante a que -xunto coa cesión da nave da Agadic e do Salón Teatro para a celebración de ensaios e audicións, así como de material escenográfico e de atrezzo- o Centro Dramático galego achegou tamén medios humanos e técnicos, como sistemas de iluminación e son.

Neste mesmo período, o escenario do Salón Teatro foi cedido, ademais, para o desenvolvemento de diferentes actos promocionais e artísticos de organización externa, como presentacións editoriais, estreas cinematográficas, a Mostra de Teatro Universitario de Galicia e os últimos espectáculos da Asociación Cultural Gaira e do Grupo de Teatro Down Compostela.

[Na imaxe, primeiros ensaios do musical Galicia Caníbal no Salón Teatro. Fonte: web de Galicia Caníbal]


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal