AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

PRETENDE FOMENTAR A ACTITUDE PARTICIPATIVA DO PÚBLICO TEATRAL MEDIANTE A VALORACIÓN DAS SÚAS SUXESTIÓNS

A Consellería de Cultura e Educación institúe a través do CDG o 'Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador'

[26/09/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instituíu a través do Centro Dramático Galego (CDG) o 'Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador' como iniciativa destinada a fomentar a actitude participativa entre o público teatral. O novo galardón, de carácter anual e vinculado á temporada de exhibición do Salón Teatro, publicou a súa primeira convocatoria co obxectivo de recoñecer as achegas dos asistentes aos espectáculos programados no espazo escénico compostelán sede do CDG.

Roberto Vidal Bolaño

Un xurado integrado polos propios traballadores da compañía pública valorará o interese, de todas as suxestións, opinións ou comentarios que os espectadores fagan chegar a través das fichas que poderán cubrir e depositar na caixa que para tal fin se situará á saída de cada unha das representacións. Deste xeito, e segundo o texto da convocatoria, ao final de cada temporada teatral xulgarase "a suxestión máis atinada, a máis brillante, a máis audaz, a máis reflexiva, a máis construtiva…"

Ademais do obxectivo de estimular a participación activa do público, a Consellería de Cultura e Educación presenta o Premio Roberto Vidal Bolaño como instrumento que contribúa a afondar o diálogo entre xestores e públicos destinatarios finais do traballo escénico, de maneira que as apreciacións destes últimos incidan favorablemente no traballo desenvolvido polos responsables culturais e en beneficio da cultura galega en xeral.

Obras completas e abono gratuíto
O espectador ou espectadora que reciba o galardón conseguirá un abono anual para asistir de balde a todas as funcións do Salón Teatro da seguinte temporada, así como un lote das obras completas de Roberto Vidal Bolaño.

As suxestión poderán comezar a depositarse por escrito a partir do inicio da temporada de representacións 2012-2013, que se abre o próximo venres 5 de outubro coa estrea de O Profesional de Dusan Kovacevic baixo a dirección de Manuel Guede Oliva e con Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel nos catro papeis do reparto.

De feito, na mesma ficha que se utiliza para optar ao Premio Roberto Vidal Bolaño, os espectadores poderán emitir tamén a súa propia valoración concreta deste ou de calquera outro espectáculo dos programados, estimando nunha escala do 1 ao 5 aspectos como Valoración global, Son, Iluminación, Posta en escena, Elenco e Orixinalidade.

En homenaxe a Vidal Bolaño
A convocatoria do Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador é a primeira da serie de actividades divulgativas arredor do autor ao que o ano que vén se lle dedicará o Día das Letras Galegas, figura clave na historia do teatro profesional galego. Así, a súa obra protagonizará a programación que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecerá en 2013 desde CDG coa produción de dúas das pezas asinadas polo dramaturgo compostelán: Días sen gloria e Touporroutou da lúa e do sol.

Ademais da posta en escena destes dous títulos, o CDG desenvolverá as xornadas Roberto Vidal Bolaño: unha memoria audiovisual. Seguindo o modelo tradicional dos cineclubes, o Salón Teatro acollerá durante 2013 a proxección das gravacións de diferentes producións teatrais asinadas polo autor homenaxeado, trala que se abrirá un coloquio conducido por un especialista na súa obra.

Entre as accións promocionais previstas, destaca igualmente o ciclo de lecturas dramatizadas que o CDG organizará en colaboración coas aulas de teatro universitario da Coruña, Santiago e Ourense. Este programa desenvolverase a partir do mes de marzo e principalmente no ámbito das mostras de teatro universitario, que en Galicia destacan pola súa gran capacidade de mobilización de espectadores, principalmente estudantes universitarios, aos que se achegará deste xeito o legado de Vidal Bolaño.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal