AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

AS FUNCIÓNS SERÁN OS DÍAS 1 E 2 DE FEBREIRO ÁS 20:30 H.

A compañía catalana de danza Marta Carrasco amosa no Salón Teatro a súa última peza "J'arrive...!"

[31/01/2007] O Salón Teatro de Santiago acollerá mañá día 1 e o venres 2 de febreiro, ás 20.30 horas, dúas funcións de J’arrive...!, o último espectáculo da Compañía Marta Carrasco, no que a bailarina e coreográfa catalana realiza un percorrido por todas as súas creacións realizadas nos últimos dez anos. O espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) continúa así coa súa programación trimestral con esta novedosa proposta de danza, nunha semana na que tamén estará presente Ur Teatro, os días 3 e 4 co espectáculo El chico de la última fila.

Creadora difícil de clasificar, Marta Carrasco está considerada como unha poetisa da escena en todos os sentidos e con todas as linguaxes. A través do movemento, a música, a palabra e a plástica do seu imaxinario persoal sacode as nosas emocións. A obra que presenta no Salón Teatro, J’arrive...! (en francés "xa chego"), é un intenso percorrido pola súa obra coreográfica, polos cinco espectáculos que nutriron toda unha década de traballo. Este décimo aniversario supón un novo motivo para impulsarse dentro do seu espírito renovador e da súa desconcertante creatividade. A montaxe é a segunda produción como compañía de danza residente no Teatre Nacional de Catalunya.

En J'arrive...!, Carrasco realiza unha execución acompañada sobre o escenario por outros catro intérpretes, e coa participación de Carme Portaceli como codirectora. A música, o vestiario e a escenografía (esta última de Luís Danès) forman parte do imaxinario que a creadora foi acumulando nestes anos. Sobre escena, unha serie de plafóns tentan agachar mobles e elementos de atrezzo cos que a coreógrafa traballou durante todo este tempo. A súa vez, o vestiario tamén recupera algúns traxes que utilizou en anteriores espectáculos e a música permanece como eixe fundamental sobre o que todo se articula.

TRAXECTORIA

Despois de bailar en varias compañías de danza, como Metros de Ramon Oller, en 1995 Marta Carrasco emprende unha nova traxectoria en solitario como creadora e intérprete co espectáculo de danza-teatro Aiguardent. Desde ese momento combinou a creación de coreografías propias – Aiguardent (1995), Blanc d’ombra. Recordant Camille Claudel (1998), Mira’m (2000), Eterno? Això sí que no! (2003), e Ga-gà (2005) - coa dirección coreográfica doutros espectáculos, como: A la jungla de les ciutats, de B. Brecht (Dir. Ricard Salvat, 1998), El Maniquí, de M. Rodoreda (Dir. P. Planella, 1998); A little night music, de S. Sondheim e H. Wheeler, e Lulu, de F. Wedeking (Dir. Mario Gas, 2000 e 2001), Bodas de sangre, de F. García Lorca (Dir. F. Madico, 2001), Ronda de mort a Sinera, de S. Espriu (Dir. Ricard Salvat, 2002), Diàfan, de Pep Bou (2003) e a versión teatral do musical El otro lado de la cama (Dir. J. M. Mestres, 2004). No ano 2005 participa na última longametraxe de Carlos Saura (Iberia).

Entre outros premios, recibiu o da Crítica Teatral de Barcelona 1996-1997 por Aiguardent e Pesombra; o Butaca (Premio do público) de 1999 e 2001 por Blanc d'ombra e Mira'm, respectivamente, e catro Max das Artes Escénicas, dous por Aiguardent o ano 2003 e dous por Ga-gà o ano 2006 como "Mellor espectáculo de danza" e "Mellor coreografía". No ano 2005, a Generalitat de Catalunya concedeulle o Premi Nacional de Dansa en recoñecemento á súa traxectoria.

Despois de J´arrive...!, o Salón Teatro acollerá os días 3 e 4 o espectáculo El chico de la última fila, a cargo da compañía do País Vasco Ur Teatro. Helena Pimenta dirixe este texto de Juan Mayorga, que aborda o pracer de asomarse ás vidas alleas e sobre os riscos de confundir a vida coa literatura.

As entradas para asistir representacións de poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada función. O prezo das localidades é de 10 €, sobre o que se aplicará un desconto do 50% para estudantes, maiores de 65 anos e persoas en situación de desemprego.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal