AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

XESÚS VÁZQUEZ ABAD ASISTIRÁ ESTA NOITE Á 'PREMIERE' DA QUE É A PRIMEIRA PELÍCULA EUROPA DE ANIMACIÓN 'STOP MOTION' EN 3D ESTEREOSCÓPICO

A Consellería de Cultura e Educación apoia o filme de animación 'O Apóstolo' na súa estrea galega no Salón Teatro

[30/10/2012] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle esta noite, ás 21.00 horas, a estrea galega de O Apóstolo, primeira película europea de animación stop motion desenvolvida en 3D estereoscópico. O conselleiro en funcións Xesús Vázquez Abad asistirá á premiere da longametraxe da produtora galega Artefacto Producións, dirixida polo compostelán Gonzalo Cortizo, que chegará mañá ás salas de cinema españolas.

O Apóstolo

Este pase previo á estrea comercial foi presentado hoxe nunha rolda de prensa que contou coa participación do secretario xeral de Cultura en funcións, Anxo Lorenzo, que felicitou o equipo "polo seu tesón e pola súa perseveranza no proxecto, pola súa profesionalidade e pola súa aposta pola innovación desde o ámbito audiovisual, un sector que consideramos estratéxico para a cultura galega". "Ese convencemento na capacidade do audiovisual para difundir cultura e para xerar emprego -dixo- lévanos desde a Xunta de Galicia a apostar por este sector e a apoiar proxectos como O Apóstolo", ao que lle desexou os maiores éxitos.

Xunto co secretario xeral de Cultura participaron na presentación o director do filme, Fernando Cortizo; os actores Manuel Manquiña e Carlos Blanco; e mais o músico Xavier Font; un dos compositores da banda sonora.

A longametraxe, que narra unha escura historia de misterio ambientada no Camiño de Santiago e mestura suspense, humor e fantasía a partes iguais, é tamén pioneira canto ao seu sistema de rodaxe. Os actores protagonistas da versión española -Jorge Sanz, Geraldine Chaplin, Paul Naschy, Carlos Blanco, Xosé Manuel Olveira "Pico", Luis Tosar, Manuel Manquiña, Celso Bugallo, Isabel Blanco e Pedro Alonso, entre outros- non cederon soamente a súa voz aos bonecos que da vida aos personaxes, senón que eles mesmos interpretaron previamente todas as escenas, de xeito que os seus xestos e expresións reais serviron de inspiración aos animadores.

Proxecto pioneiro
Esta técnica, nunca antes aplicada á animación stop motion, concédelle un maior realismo á historia, favorecendo que desde o mesmo inicio do filme o espectador esqueza que os protagonistas son monecos e se centre exclusivamente na trama e na ambientación.

Outra das principais características do proxecto é o seu desenvolvemento artesanal, de factura moi lenta, de xeito que O apóstolo é o resultado de cinco anos de traballo coa implicación de máis de 200 profesionais, entre os que destacan técnicos especialistas na captura desta modalidade de 3D e modelmakers procedentes de diferentes países.

A banda sonora é obra do prestixioso compositor norteamericano Philip Glass, xunto a Xavier Font e Arturo Vaquero, e está interpretada pola Real Filharmonía de Galicia, o Coro Capela Compostelana e o músico Anxo Pintos, de Berrogüetto, ao saxofón.

Apoio institucional
Artefacto Producciones contou, entre outras achegas públicas, co apoio da Xunta de Galicia para a realización desta longametraxe, que recibiu unha subvención por un total de 321.020 euros -distribuídos en catro anualidades desde 2008- a través da convocatoria de axudas a producións audiovisuais galegas. Para a posta en marcha do proxecto, a produtora galega contou así mesmo co apoio económico de máis de 600 persoas, que se converteron en valedoras da iniciativa a través do sistema de crowdfunding.

A elección do 31 de outubro como data da estrea comercial de O Apóstolo ten que ver coa relación existente entre a temática escura da fita e o Día dos Defuntos. O protagonista, un preso fuxido do cárcere, verase envolto en estraños e inquietantes sucesos ao intentar recuperar un botín que fora escondido anos atrás nunha apartada aldea do Camiño de Santiago. Anciáns sinistros, estrañas desaparicións, un peculiar sacerdote e ata o arcipreste de Compostela conflúen nunha trama chea de intrigas.

Percorrido por festivais internacionais
O Apóstolo chega aos cines precedida da boa acollida no seu paso polos festivais internacionais de Moscova -onde foi a única representante española en competición e a primeira de animación exhibida na sección oficial nos seus máis de 30 anos de historia-, Málaga -onde foi tamén a primeira película do seu xénero en competir pola Biznaga de Oro- e Sitges.

Nestes momento, Artefacto Produccións ultima a versión estadounidense da longametraxe, para a que xa estableceu contactos cos actores Gary Oldman, Jeff Goodman e Martin Landau para poñer voz a tres dos personaxes protagonistas. Ademais, está previsto que o cantante británico Roger Daltrey, líder e vocalista da mítica banda The Who, interprete o tema principal na banda sonora da película na súa distribución en Estados Unidos.


Documentación

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal