AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

DIRIXIDO POR RUI MADEIRA E REPRESENTADO POLA COMPANHIA DE TEATRO DE BRAGA, O ESPECTÁCULO PROPÓN UNHA REVISIÓN MODERNA E CÓMICA DESTE CLÁSICO VICENTINO

Cultura e Educación ofrece no Salón Teatro dúas funcións do 'Auto da Barca do Inferno' de Gil Vicente pola Companhia de Teatro de Braga

[31/10/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achega ao Salón Teatro de Santiago a representación do espectáculo Auto da Barca do Inferno pola Companhia de Teatro de Braga. Rui Madeira dirixe esta revisión moderna e cómica do clásico de Gil Vicente, recoñecido como o fundador da dramaturxia portuguesa, que poderá verse en Compostela o venres 2 e o sábado 3 de novembro, ás 20.30 horas.

Auto da Barca do Inferno

Considerada como a máis significativa das obras que conforman a denominada Triloxía das Barcas, o Auto da Barca do Inferno retrata a clara oposición entre o Ben e o Mal, utilizando o Xuízo Final como gran metáfora desta dicotomía. Así, o momento en que o tribunal -co Anxo e o Demo- comeza a sentenciar a alma daqueles que deixaron a vida terrea e buscan a pasaxe para o paraíso, sérvelle a Gil Vicente para deixar constancia das adiccións das diversas ordes sociais e denunciar a podremia da sociedade portuguesa do século XVI.

Xogo teatral
Como explica o propio Rui Madeira na presentación da montaxe, a Companhia de Teatro de Braga acometeu esta revisión "en demanda da modernidade sobre o texto vicentino e do pracer do xogo teatral". De feito, ademais da súa consideración como clásico da literatura dramática portuguesa e universal, Gil Vicente está igualmente recoñecido como o primeiro director de escena portugués, no concepto moderno do termo, que traballou con elementos non verbais do teatro de xeito que o "facer teatral" foi introducindo progresivamente novos e máis ousados elementos na súa escrita.

Para a posta en escena do espectáculo, Rui Madeira -quen tamén asina o espazo escénico- conta cun elenco de sete actores e actrices (Alexandre Sá, André Laires, Carlos Feio, Giovana Sgarbi, Jaime Soares, Rogério Boane e Solange Sá), así como coas achegas de Sílvia Alves no deseño do vestiario, Pedro Pinto no de son e Fred Rampante no de iluminación.

Entradas
As entradas para asistir ás dúas representacións da montaxe na sede do Centro Dramático Galego (CDG) poderán adquirirse no despacho de billetes do teatro, que abrirá o venres e o sábado desde as 18.30 horas. Ademais, está xa dispoñible a venda anticipada a través do teléfono 902 43 44 43 ou da páxina web http://entradas.novagaliciabanco.es. O seu prezo é de 10 euros por localidade, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove e desempregados.

A inclusión do Salón Teatro na xira de distribución do Auto da Barca do Inferno insírese no espazo de colaboración que o Centro Dramático Galego mantén coa Companhia de Teatro de Braga e no marco do que se desenvolveu, así mesmo, o proxecto de coprodución de O profesional, de Dusan Kovacevic, versión galega e con actores galegos do espectáculo que Manuel Guede Oliva dirixiu en 2007 para a compañía portuguesa. En virtude deste mesmo acordo, o espectáculo do CDG escenificarase no Theatro Circo de Braga o vindeiro 13 de setembro dentro da xira que está a desenvolver por diferentes escenarios galegos e portugueses.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal