[31/10/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva esta fin de semana ao Teatro Principal de Ourense o espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) O profesional, que ofrecerá dúas funcións o sábado día 3 (20:30 h) e o domingo 4 (19:00 h), como parte da xira que a compañía pública está a realizar con esta montaxe por distintas localidades galegas e portuguesas.
Realizada en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga, O profesional é a primeira versión galega da obra do serbio Dusan Kovacevic, que se presenta con dirección escénica de Manuel Guede Oliva e interpretación a cargo de Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel.
O director do CDG, Manuel Guede; e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón; presentaron hoxe en Ourense o espectáculo diante dos medios de comunicación locais. Na rolda de prensa, Manuel Guede declarou sentirse "moi honrado por incorporar ao repertorio galego un texto importante para a literatura dramática contemporánea", tal como xa fixera ao portugués en 2007, cando asumira a montaxe da mesma obra de Kovacevic para a Companhia de Teatro de Braga. Explicou, así mesmo, que un proxecto como O profesional só se pode defender por intérpretes "da musculatura e do talento" dos catro actores galegos que integran o elenco.
Equipo artístico
Forman parte do equipo artístico María Negreira a cargo do vestiario, Juanjo Amado no deseño da iluminación, Fran Veiga na produción e Inma Antonio Souto como asistente de dirección. A adaptación da obra ao galego é tamén de Manuel Guede, a partir da tradución de Vladimir André Cejovic e Anne Renoue.
Na produción do que é o primeiro traballo da nova etapa de Guede Oliva á fronte do Centro Dramático Galego, recuperáronse os elementos escenográficos e de atrezzo que foran deseñados e construídos no seu día para a versión portuguesa deste espectáculo. Así, na ficha artística a achega portuguesa reflíctese na escenografía asinada polo arquitecto José Carvalho Araújo, na creación de vídeo de Hugo Carvalho Araújo e no espazo sonoro que idearon conxuntamente Pedro Pinto e Manuel Guede.
Belgrado, 1990
No ano no que se conmemora o vinte aniversario do inicio oficial da guerra dos Balcáns, a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia incorpora por vez primeira ao seu repertorio un autor da antiga Iugoslavia a través dun drama político e policial, pero con grandes doses de comicidade e ironía.
O profesional está ambientada no Belgrado de 1990, dez anos despois da morte do mariscal Tito e pouco despois de que o Partido Comunista renunciase ao monopolio do goberno. A acción desenvólvese nun só acto, que transcorre no lapso de tempo dunhas breves horas durante as que Teodor Teja Kraj, un escritor e antigo disidente político convertido agora en director dunha editorial en bancarrota, recibe a visita de Luka Laban, ex policía da Seguridade Nacional que durante dúas décadas lle seguiu os pasos. Na versión do CDG, Miguel Pernas e Ernesto Chao dan vida aos que nunha época foron perseguido e perseguidor, pero que agora ven como os seus papeis se inverten nunha metáfora das grandes ambigüidades e contradicións da antiga Iugoslavia comunista e da historia recente de Serbia.
Rebeca Montero, como "a secretaria", e Rodrigo Roel, como "o tolo", completan o elenco que leva a escena este texto actual e cheo de matices, que indaga na fraxilidade dos ideais e nas consecuencias dos totalitarismos, así como na grandeza e miseria do espírito humano. A escenografía, dominada por un gran estante de andeis nus e as lascas de cortiza que se estenden por todo o chan, reforza esa representación do baleiro e ruína moral como presaxio do terrible futuro que lle agarda ao país.
Xira ata decembro
Despois da súa estadía en Santiago, Tui e Vigo; e tralo seu paso por Ourense, O profesional visitará outras localidades galegas: O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 23 de novembro), Pontevedra (Centro Social Novacaixagalicia, 30 de novembro), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro, 4 e 5 de decembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 8 de decembro), Narón (Pazo da Cultura, 14 e 15 de decembro) e Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval, 23 de decembro).
En Portugal están programadas representacións en dous escenarios: o Teatro da Cerca de São Bernardo en Coimbra (8 e 9 de novembro) e o Theatro Circo en Braga (13 e 14 de novembro).