AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

HELENA PIMENTA DIRIXE A OBRA DE JUAN MAYORGA COA PARTICIPACIÓN DA ACTRIZ GALEGA LUÍSA MARTÍNEZ NO ELENCO

O grupo Ur representa no Salón Teatro dúas funcións da montaxe "El chico de la última fila"

[02/02/2007] A emblemática compañía vasca Ur Teatro porá en escena este fin de semana no Salón Teatro de Santiago de Compostela dúas funcións da obra El chico de la última fila , que terán lugar mañá sábado 3 de febreiro ás 20:30 horas e o domingo 4 ás 18:00 horas. Baixo a dirección de Helena Pimienta, esta peza teatral que foi escrita expresamente por Juan Mayorga para Ur Teatro, chega a Compostela coa actriz galega Luísa Martínez como integrante do elenco.

Escena de "El chico de la última fila"

Luísa Martínez, intérprete de longa traxectoria que tivo protagonizado distintas producións do Centro Dramático Galego entre 1985 e 1997 (Caderno de Bitácora, A noite vai coma un río, As tres irmáns, O arce no xardín, Yerma, O incerto señor don Hamlet, A lagarada, Lisístrata, O peregrino errante que cansou ao demo ...), enfocou nos últimos anos a súa carreira fóra de Galicia. Na montaxe de Ur comparte interpretación co coñecido actor Ramón Barea (Airbag, La buena vida, La buena estrella, En la puta calle ...); Carlos Jiménez-Alfaro, Natali Pinot, Ignacio Jiménez e José Tomé, responsable tamén da escenografía e do vestiario.

Ur, o grupo nacido en Rentería que acadou o éxito nacional sobre todo polas súas revisións de textos de Shakesperare a cargo da súa directora titular, Helena Pimenta, ofrece nesta ocasión unha obra escrita ad hoc por Juan Mayorga, un dos dramaturgos máis escenificados e referente xa, aos seus 40 anos, do teatro contemporáneo español, tal e como o demostran as numerosas traduccións do seus textos a diferentes idiomas e os numerosos premios recibidos (entre eles, o Premio Nacional de Teatro 2005 e Premio Max 2005 ao mellor autor en castelán por Últimas palabras de Copito de Nieve).

O GRAN OLLO QUE TODO O VE

El chico de la última fila conta a historia dun profesor de literatura, desenganado do seu oficio e dos seus afectos, que encarga aos seus alumnos adolescentes unha redacción baixo o título "A miña fin de semana pasada". Entre os textos, decepcionantes e aburridos, o titor tropeza coas liñas firmadas por Claudio, ese mozo silencioso que senta na última fila. Despois de lela en varias ocasións para convencerse de que a sorprendente redacción non é froito da súa imaxinación, traba co seu autor unha intensa relación mestre-mozo. A súa amizade transfórmase nun labirinto difícil, intenso e perigoso, tanto para eles como para as persoas do seu redor. O profesor recuperará as súas ilusións de mocidade e verá no seu alumno unha forma de cumprir os seus antigos soños e superar frustracións pasadas.

Desde a condición de voyeur, de gran ollo, que lle outorga o narrador, o espectador coñecerá as pequenas vidas de tres familias e as fantasías que cada individuo se forxou. El chico de la última fila é, en definitiva,unha interesante reflexión sobre as persoas que prefiren contemplar a vida desde un discreto segundo plano, desde esa última fila desde a cal se ven todas as demais.

As entradas para as representacións poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 € para o sábado, cun desconto do 40% para estudantes, usuarios de carné xoven e maiores de 65 anos, e de 5 € para o domingo, día do espectador.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal