AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ESCENIFICARASE O SÁBADO DÍA 1 ÁS 20.30 H E O DOMINGO 2 ÁS 18.00 H COMO PARTE DA PROGRAMACIÓN DO III ENCONTRO INTERNACIONAL DE POLÍTICAS DE INTERCAMBIO NO ÁMBITO DAS ARTES ESCÉNICAS

O Salón Teatro de Santiago, dependente de Cultura e Educación, acolle a representación de 'A tempestade' pola compañía da ESAD

[29/11/2012] O Salón Teatro de Santiago, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ofrece esta fin de semana a posta en escena do espectáculo de debut da compañía da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática), A tempestade, de William Skakespeare. A súa representación está incluída na programación complementaria do III Encontro Internacional de Políticas de Intercambio no Ámbito das Artes Escénicas, que o conselleiro en funcións Xesús Vázquez Abad inaugura mañá na Cidade da Cultura.

A tempestade

A montaxe, dirixida por Dani Salgado e interpretada por 11 alumnos da ESAD, desenvolverá dúas funcións no espazo compostelán, sede do Centro Dramático Galego (CDG), que terán lugar o sábado 1 de decembro ás 20.30 horas e o domingo 2 ás 18.00 horas.

Á primeira destas representacións están convidados os máis de 100 profesionais asistentes ás xornadas que o CDG e a Cena Lusófona, asociación para o intercambio teatral no ámbito da lusofonía, organizan no Gaiás co obxectivo de poñer en común experiencias e achegar posturas cara ao desenvolvemento de proxectos culturais entre os nove países aquí representados: ademais de Galicia e Portugal, Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea Bissau, Mozambique, San Tomé e Príncipe e Timor-Leste.

Apoio da Agadic
A tempestade é a primeira proposta da compañía de alumnos que a ESAD puxo en marcha como espazo de expresión para os estudantes en tránsito ao exercicio profesional, proxecto para o que contou co apoio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). Esta nova formación está a permitir a práctica das diversas disciplinas presentes nunha produción teatral, desde a interpretación a aspectos de posta de escena, coa finalidade da súa exhibición final diante do público.

Dani Salgado faise cargo nesta montaxe da dramaturxia e da dirección escénica, labor esta última na que figuran como axudantes Juan Carlos Corredoira e Ana Carreira. Asina a dirección musical David González, a iluminación Montse Piñeiro e Iván R. e o figurinismo Diego Valeiras. O deseño de coreografía corresponde a Neme Álvarez e Coti Faro, en tanto que a súa construción correspondeu a Ana Duarte e Juan Díaz.

Elenco de alumnos
O elenco, integrado por 6 actrices e 5 actores, figuran Alba Alonso no papel de Olivia, David González no de Ariel, Lucía Hernández no de Xulia, Muriel Pernas no de Fernando, Adrián Ríos no de Alonso, Cristina Rodríguez no de Silvia, Rubén Rodríguez no de Sebastián, Paloma Varela no de Catarina, Chechu Salgado no de Calibán, Rocío Salgado no de Constanza e Toni Salgado no de Próspero.

Segundo reza o programa do espectáculo, A tempestade, derradeiro texto completo escrito por Shakespeare, é unha desconcertante mestura de relato fantástico, drama musical, comedia romántica e farsa bufonesca. Preséntanos a vinganza de Próspero, duque italiano perdido nunha illa remota, contra as persoas que causaron a súa desgraza. Para executar os seus plans, afunde o navío dos seus inimigos, dispérsaos pola illa e manipúlaos ao seu antollo. Amparándose en recursos da maxia teatral, Próspero buscará un consolo ao seu sufrimento: "Velaí a última gran pregunta do dramaturgo inglés: que grao de plenitude podemos acadar grazas á arte escénica?".

As entradas para asistir a estas representacións poderán adquirirse no despacho de billetes do teatro, que abrirá ao público desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Ademais, está xa dispoñible a venda anticipada a través do teléfono 902 43 44 43 e da páxina web http://entradas.novagaliciabanco.es. O prezo por localidade é de 10 euros para o sábado, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove e desempregados, e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Xornadas abertas
O III Encontro Internacional de Políticas de Intercambio en Artes Escénicas articúlase arredor de mesas redondas, debates, presentacións e actividades paralelas, conformando una intenso programa profesional que dá comezo mañá pola mañá. Ademais, a organización abre ao público tres das sesións programadas o sábado día 1: as mesas redondas "O ensino artístico en Galicia e na CPLP-Comunidades dos Países de Lingua Portuguesa" (11.00 h) e "A empresa e a cultura" (17.30 h), así como a presentación do proxecto P-STAGE-IV Estágio Internacional de Actores Lusófonos (13.30 h).

Para cada unha destas tres actividades habilitáronse 25 prazas de acceso gratuíto, previa inscrición das persoas interesadas a través da zona de reservas da web da Cidade da Cultura.


Documentación

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal