AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O ESPAZO COMPOSTELÁN ACOLLE OS DÍAS 4 E 5 AS ÚNICAS REPRESENTACIÓNS EN GALICIA DE ‘NUNCA ESTIVE EM BAGDAD’, DEFINIDA POLO SEU AUTOR COMO UNHA "HISTORIA DE AMOR EN TEMPOS DE GUERRA"

Cultura e Educación ofrece no Salón Teatro de Santiago dúas funcións da compañía portuguesa A Escola da Noite cunha obra de Abel Neves

[02/12/2012] O Salón Teatro de Santiago, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, recibe este martes a compañía portuguesa A Escola da Noite, que ofrecerá aquí as dúas únicas funcións en Galicia do seu espectáculo Nunca estive em Bagdad. Realizado a partir da obra de Abel Neves, un dos nomes máis relevantes da dramaturxia portuguesa contemporánea, represéntase neste escenario compostelán os días 4 e 5, ás 20.30 horas.

Nunca estive en Bagdad

En palabras do seu propio autor, Nunca estive em Bagdad é "unha historia de amor en tempos de guerra" que xira arredor dunha nova parella portuguesa -Glória e Roger- que se atopa de novo en plena mudanza de casa. Durante este traslado, Glória mantén a súa batalla fronte a un grave problema, que se irá desvelando ao longo do espectáculo, mentres que Roger non se despega do televisor, que retransmite en directo a guerra de Irak de 2003.

Choque entre o doméstico e o global
Os espectadores son testemuñas do choque entre o plano doméstico e o internacional, entre as traxedias íntimas e as da civilización, que magnificará o efecto de ambos conflitos na vida cotiá da parella. Maria João Robalo e Miguel Magalhães interpretan esta peza de Neves, dirixida para A Escola da Noite por Sofía Lobo, quen tamén asina a escenografía xunto a Ana Rosa Assunção.

A compañía de Coimbra, que neste ano 2012 conmemora o seu vixésimo aniversario, incluíu Santiago de Compostela na xira de Nunca estive en Bagdag como parte do acordo de intercambio que mantén co Centro Dramático Galego. No marco deste mesmo espazo de colaboración, que se estende tamén á Companhia de Teatro de Braga, o CDG visitou Coimbra a primeiros deste mes de novembro para ofrecer dúas funcións do seu último espectáculo, O profesional de Dusan Kovacevic, no Teatro da Cerca de São Bernardo.

Dramaturxia portuguesa contemporánea
Abel Neves é un dramaturgo e novelista portugués con máis de 25 pezas teatrais publicadas e escenificadas, entre as que se atopa Jardim suspenso, pola que no ano 2009 recibiu o prestixioso Premio Luso-Brasileiro de Dramaturgia António José da Silva. Ademais da súa destacada produción teatral, é autor de sete novelas, así como de varios volumes de poesía e ensaio.

Neves é un dos dramaturgos contemporáneos máis escenificados por A Escola da Noite, que tamén levou a escena os seus textos Além as estrelas são a nossa casa (2000), Além do infinto (2004) e Este Oeste Éden (2009). Neste sentido, no texto de presentación de Nunca estive em Bagdag, que fai a quincuaxésima oitava produción nos vinte anos de historia desta formación, a compañía considera ao autor un "compañeiro de estrada na defensa e na práctica dese teatro con corazón de estrela, no centro da vida, lugar de todas as utopías".

As entradas para asistir ás funcións que A Escola da Noite ofrecerá os días 4 e 5 no Salón Teatro poden adquirirse de xeito anticipado a través do teléfono 902 43 44 43 e da páxina web http://entradas.novagaliciabanco.es. Estarán á venda, así mesmo, no despacho de billetes do teatro, que abre os días de función desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo por localidade é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove, desempregados e determinados colectivos profesionais.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal