AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

CAIR (CAÍDAS ACROBACIAS INVESTIGACIÓN RISAS) OFRECE UNHA PROPOSTA DE TEATRO XESTUAL, DANZA, ACROBACIAS E MALABARES O LUNS 17 E O MARTES 18 ÁS 20.30

Cultura e Educación abre a programación familiar de Nadal do Salón Teatro de Santiago con dúas funcións de novo circo

[13/12/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza a programación especial de Nadal do Salón Teatro de Santiago, que dará comezo a vindeira semana coas dúas funcións de novo circo que a plataforma CAIR (Caídas Acrobacias Investigación Risas) desenvolverá o luns 17 e o martes 18 ás 20.30 horas.

cair

Nesta carteleira de fin de ano, o espazo que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) acollerá un total de sete citas pensadas para o público familiar, ao que tamén se dirixen as montaxes de Tanxarina Títeres Titiricircus (domingo 23) e Trogloditas (domingo 30), en ambos casos con dous pases programados ás 12.00 e ás 18.00 horas, e o espectáculo musical María Fumaça (xoves 27, ás 18.00 h).

Personaxes excéntricos
CAIR ofrece unha proposta de teatro xestual, danza, acrobacias e malabares que nace da fusión de catro personaxes excéntricos co don de caer e darse golpes sen se mancar. Baixo a dirección de Natalia Outeiro, os seus catro intérpretes (Óscar Páez, Ariñe Azkue, Santi Montero e Jano Costas) constrúen un espectáculo vangardista que busca a innovación das técnicas clásicas e a sorpresa nos espectadores.

As accións sinxelas e cotiás destes personaxes derivan en acrobacias a partir de caídas e golpes, contrastando co desenvolvemento de coreografías de gran potencia visual nas que conviven danza e malabares. A emoción e o risco súmanse ao humor nunha dramaturxia non lineal na que o absurdo, o sinxelo e o universal está presente nas disparatadas rutinas do circo.

Ao tempo, CAIR propón unha reflexión sobre os mecanismos da risa ante situacións que a priori poderían considerarse violentas. Neste sentido, o espectáculo investiga no que eles denominan "acrobacia excéntrica" para desenvolver novas accións físicas de risco que, porén, conseguen provocar a risa do público pola súa brillante execución.

Vixésimo quinto aniversario de Titiricircus
Esta programación especial de Nadal continuará o domingo 23 de decembro con dúas funcións do espectáculo de monicreques e actores Titiricircus, o clásico de Tanxarina Títeres que conclúe no Salón Teatro a celebración do seu vixésimo quinto aniversario.

Na montaxe que a compañía de Redondela levou por vez primeira a escena en 1988, acumulando desde entón máis dun milleiro de funcións dentro e fóra de Galicia, Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán" e Miguel Borines dan vida a dous traballadores do que outrora fora un gran circo, de carpa alta e bicolor, que empregan as marionetas de fíos para lembrar as glorias do seu pasado na pista.

A seguinte cita deste programa terá lugar o xoves 27 da man do espectáculo musical que nace a partir do libro-disco-dvd María Fumaça. Cantar e bailar para ser máis feliz, editado por Galaxia. Recoñecidos nomes da música e o teatro galegos como Uxía, Magín Blanco, Sergio Tannus, Serginho Sales, Carlos Blanco, Isaac Palacín e Tanxarina, entre outros, uníronse para interpretar os máis de vinte temas do disco e xuntos desenvolven, así mesmo, a súa versión escénica como celebración da alegría de vivir.

A música, a luz e as situacións cómicas teñen un gran protagonismo neste espectáculo, no que o público participa moi activamente cantando e bailando as sinxelas coreografías e temas de María Fumaça.

Últimas funcións do ano
Tanxarina Títeres regresará ao Salón Teatro o domingo 30 de decembro para despedir o ano con dúas funcións de Trogloditas, espectáculo ambientado na prehistoria e no que os seus tres intérpretes -Miguel Borines, Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán" e Andrés Giráldez- convidan aos asistentes a coñeceren, a través do humor e dos monicreques, o xeito de vida dos homes e mulleres das cavernas.

As entradas para as funcións desta carteleira de Nadal estarán só á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que abre todos os días de función desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Establécese para todos os casos un prezo especial único de 5 euros por localidade.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal