AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

REPRESENTARASE NO ESPAZO ESCÉNICO DO CDG DO XOVES 24 AO SÁBADO 26 ÁS 20.30 H E O DOMINGO 27 ÁS 18.00, ASÍ COMO O 24 EN SESIÓN MATINAL PARA ESCOLARES

O Salón Teatro ofrece esta semana cinco funcións do novo espectáculo de Cándido Pazó a partir do "Decamerón" de Boccaccio

[22/01/2013] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a desenvolver este mes unha carteleira dedicada en exclusiva á produción teatral galega, no marco da que Cándido Pazó presenta esta semana a súa particular adaptación do Decamerón de Giovanni Boccaccio. O espazo escénico do Centro Dramático Galego (CDG) ofrecerá un total de cinco funcións deste monólogo, das que catro son para público xeral (de xoves a sábado, ás 20.30 h, e o domingo, ás 18.00 h) e unha para escolares (xoves, ás 12.00 h).

Presentación do Decamerón de Cándido Pazó

Acompañado do director do CDG-Salón Teatro, Manuel Guede Oliva, Cándido Pazó presentou hoxe aos medios este espectáculo unipersoal no que, baixo o subtítulo Historias para tempos ruíns, adapta algúns dos contos máis divertidos e mordaces deste clásico italiano do século XIV, buscando tirar o máximo proveito das metáforas que poden establecerse respecto da actual situación social e económica.

Esta nova creación escénica de Pazó -na que el mesmo se encarga da adaptación, dirección e interpretación como cómico-narrador- está producida por Abrapalabra Creacións Escénicas, que na pasada convocatoria de subvencións á actividade escénica da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) resultou adxudicataria dunha axuda de máis de 17.400 euros para a realización desta montaxe.

Fórmula híbrida
Seguindo a fórmula híbrida que xa empregara en Memorias das memorias dun neno labrego, a combinación de teatro e narración oral da man dun dos máis destacados narradores da escena galega ten como resultado un espectáculo cómico de gran carga irónica e ritmo moi dinámico, na procura dunha continua conexión entre actor e espectadores.

Neste caso, o punto de partida é o libro de contos de Boccaccio, considerado un dos fitos narrativos da literatura europea. A obra, prohibida pola Inquisición, racha co tenebrismo medieval a través do humor, o erotismo e a celebración da vida que se desprenden de cada un dos contos cos que os mozos protagonistas se entreteñen mentres se refuxian da peste bubónica que nese tempo asola Europa. Cándido Pazó propón aquí un refuxio teatral e a risa como catarse fronte ao noso andazo contemporáneo, que define como "a peste económica".

A escenografía e o vestiario deseñados por Carlos Alonso inciden na potencia metafórica e estética da montaxe, que se reforza así mesmo coas atmosferas -cómicas ou poéticas, segundo a ocasión- creadas pola iluminación que asina Afonso Castro, quen exerce ademais de axudante de dirección e de xefe técnico. Tamén contribúe de xeito definitivo á ambientación a música especialmente composta para este Decamerón por Manuel Riveiro, gravada por el mesmo nas guitarras, percusión, piano e programación, xunto a Harry C na viola, violín e mandolina.

Venda anticipada de entradas
A venda anticipada de entradas para as catro representacións para público xeral está xa dispoñible na billeteira da web http://entradas.novagaliciabanco.es. Ademais, as localidades tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, que abre ao público dúas horas antes do comezo de cada función de tarde. O seu prezo é de 10 euros para as funcións de xoves a sábado (cun desconto do 40% para xubilados, usuarios do carné xoven, estudantes, persoas en situación de desemprego e determinados colectivos profesionais) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.


Documentación

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal