AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

HOXE COMEZAN OS ENSAIOS DE "DÍAS SEN GLORIA", PRODUCIÓN PROPIA QUE SE ESTREARÁ O PRÓXIMO 5 DE ABRIL BAIXO A DIRECCIÓN ESCÉNICA DE FEFA NOIA

Cultura e Educación dedica á obra de Roberto Vidal Bolaño todos os espectáculos do Centro Dramático Galego de 2013

[11/02/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dedica á difusión da obra de Roberto Vidal Bolaño todos os espectáculos que o Centro Dramático Galego asumirá a xeito de produción propia ou en réxime de participación con compañías privadas e outras entidades ao longo de 2013, ano no que se homenaxea o dramaturgo compostelán co Día das Letras Galegas.

imaxe da presentación

O plano de produción, que abrangue a montaxe de Días sen gloria, a coprodución de Criaturas, BailadELAS e Touporroutou da lúa e do sol e a participación nas montaxes no ámbito universitario de Animaliños, A burla do galo e RVB 2013, foi presentado hoxe por Manuel Guede Oliva, director do Centro Dramático Galego. No acto tamén participou a directora teatral Fefa Noia, responsable da posta en escena de Días sen gloria, que esta mesma tarde inicia os ensaios cara á súa estrea en Santiago o vindeiro 5 de abril.

Noia, que asume o reto de ser a primeira muller en levar a escena un texto de Vidal Bolaño, contará con Roi Vidal (fillo do autor) na asistencia á dirección, con Baltasar Patiño na escenografía, con Pedro Yagüe -último premio Max das Artes Escénicas- no deseño de iluminación e con Alejandro Andújar nos figurinos. O elenco actoral está encabezado por Manuel Manquiña e complétase con Sergio Zearreta, Eva Souto, Felisa Segade e Borja Fernández. Os cinco profesionais encarnan máis de vinte personaxes.

A peza, premiada en 1992 co Rafael Dieste e estreada por Teatro do Aquí en 1993, incorpórase agora ao repertorio do CDG como representación da madurez dramatúrxica de Vidal Bolaño e pola súa significación como un dos mellores expoñentes do seu universo estilístico coa derrota como tema a través dos personaxes límite que perfila.

Días sen gloria estará en distribución por toda Galicia ata finais de xuño e coincidirá en datas nos escenarios coas dúas primeiras coproducións do CDG con compañías privadas. Serán as montaxes de Criaturas, que se estreará en abril a cargo de Teatro do Aquí e de BailadELAS. Seis mulleres bolañesas, que asumirá Teatro Antroido en maio. A serie de coproducións pecharase xa en outono coa posta en escena a principios de outubro da peza infantil Touporroutou da Lúa e do Sol xunto a Teatro do Noroeste.

Trazado vital
As tres coproducións, que terán unha temporada de representacións no Salón Teatro a finais de ano, trazan ademais unha clara liña de lectura na traxectoria vital e profesional de Vidal Bolaño, ao poñer de novo diante do público o traballo das tres compañías nas que centrou a súa actividade ao longo da súa carreira nun fecundo percorrido que se inicia con Teatro Antroido nos anos setenta, pasa por Teatro Estaribel e conclúe, a partir de 1992 e ata o seu pasamento, con Teatro do Aquí.

Así, Teatro Antroido, a estrutura teatral creada xunto a Laura Ponte, reaparecerá este ano nos escenarios para presentar BailadELAS. Seis mulleres bolañesas, un espectáculo articulado a través da ollada dos personaxes femininos representativos da poética bolañana e que se corresponden cos fragmentos procedentes de seis obras: Laudamuco, señor de ningures, Bailadela da morte ditosa, Saxo Tenor, Días sen gloria, Rastros e Criaturas. A propia Laura Ponte será a intérprete única sobre o escenario baixo unha dirección escénica compartida entre Roi Vidal e Xavier Estévez.

Pola súa banda, Teatro do Aquí contará coa colaboración do CDG para a reposición dunha das montaxes de maior éxito de Vidal Bolaño: Criaturas. A obra na que se reinterpreta o mito de Frankestein contará para a súa reposición, prevista para o mes de abril, coa dirección de Evaristo Calvo e con algúns dos actores que a defenderon no 2000: Belén Constenla, Vicente de Souza, Xoán Carlos Mejuto e Antonio Salgado.

Cara ao público escolar
A terceira das coproducións nace a proposta do CDG e será o espectáculo infantil Touporroutou da lúa e do sol, que se estreará no Salón Teatro na primeira semana de outubro. Teatro do Noroeste, a compañía cofundadora no seu día -baixo o nome de Teatro Andrómena e xunto a Antroido- da Cooperativa de Teatro Estaribel, porá en escena este texto, considerado o de máis alta calidade entre os escritos por Vidal Bolaño para nenos.

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia participará tamén neste proxecto, deseñado para a divulgación de Vidal Bolaño no ámbito escolar. Este centro docente implicarase activamente na elaboración do estudo crítico para o espectáculo, na unidade didáctica e no propio casting do que sairá o reparto actoral, así como na campaña de difusión da temporada de representacións que se realizarán na súa sede de Vigo.

Ademais doutras actividades que xa están en marcha (o Premio Roberto Vidal Bolaño ao espectador ou o ciclo audiovisual Vidal Bolaño recuperado), o Centro Dramático Galego completará a súa ampla homenaxe ao dramaturgo compostelán cunha iniciativa destinada especificamente á súa difusión no ámbito universitario.

Traballos escénicos
Verán deste xeito a luz neste 2013 outros tres traballos escénicos que se estrearán esta primavera: Animaliños, a cargo da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela-Compañía de Teatro do Campus de Lugo baixo a dirección de Paloma Lugilde; A burla do galo, pola Aula de Teatro da Universidad da Coruña-Compañía Teatro Normal dirixida por Rubén Ruibal; e RVB 2013, espectáculo que montará a Aula de Teatro Universitario de Ourense-Compañía de Teatro Cordelia da Universidade de Vigo con dirección e dramaturxia de Elena Seijo e Fina Calleja.

Ademais de promover a programación destas tres propostas, nacidas como proxectos de lecturas dramatizadas para transformarse en postas en escena completas, o Centro Dramático Galego colabora na mobilidade dos espectáculos polas mostras e festivais de teatro universitario de Galicia, así como na cesión de atrezzo e material escenográfico para a súa produción.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal