AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A ASOCIACIÓN DE AMIGOS DO TEATRO JOFRE PROMOVE A INICIATIVA

Ferrol acolle unha extensión do programa do CDG 'Vidal Bolaño recuperado' coa proxección de 'Agasallo de sombras' e 'Rosalía'

[11/03/2013] A Asociación de Amigos do Teatro Jofre organiza en Ferrol unha extensión do ciclo Vidal Bolaño recuperado: citas audiovisuais, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do Centro Dramático Galego (CDG), que comprende dúas sesións comentadas por expertos arredor da proxección de fragmentos das pezas Agasallo de sombras (13 de marzo) e Rosalía (20 de marzo).

Detalle do cartel

O director do CDG, Manuel Guede Oliva, participou hoxe na cidade departamental no acto de presentación da iniciativa, no que tamén interviron Elina Luaces e Gonzalo Rodríguez Calvo en representación do colectivo que achegará ao público ferrolá este programa iniciado o pasado febreiro no Salón Teatro de Santiago.

Así, a través dos fragmentos de vídeo explicados polos especialistas e a posterior participación do público, ofrécese unha nova plataforma para afondar na divulgación da dramaturxia e o oficio escénico de Vidal Bolaño, figura clave na historia do teatro profesional galego a quen este ano se dedica o Día das Letras. Contribúese, tamén, a manter viva a súa memoria e a súa obra, tan fundamental para as artes escénicas do país.

Estas dúas novas citas, que terán lugar na sede da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, contarán coas achegas dos profesores Xosé Manuel Fernández Castro e Inma López Silva que, como especialistas na obra de Vidal Bolaño, comentarán estas montaxes a partir das gravacións realizadas no seu día pola unidade de produción teatral da Xunta de Galicia.

Estrea en 1984
Fernández Castro, autor do estudo A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, será o encargado de analizar o mércores 13 a posta en escena de Agasallo de sombras, texto escrito e dirixido polo gran dramaturgo compostelán para a compañía institucional no ano da súa creación. Estreado en Vigo en outubro de 1984, o espectáculo foi interpretado por un amplo elenco, entre o que se atopaban nomes ben coñecidos da escena galega actual, como Elina Luaces, Dorotea Bárcena, Mabel Rivera, Ernesto Chao ou Quico Cadaval, entre outros.

Dirección e adaptación
Na seguinte sesión, o vindeiro mércorers 20, a escritora, crítica teatral e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia afondará nas principais características da montaxe do espectáculo Rosalía, que Vidal Bolaño dirixiu para a compañía pública en 2001 a partir da súa propia adaptación do texto homónimo de Ramón Otero Pedrayo no que se ofrecía unha recreación lírica e moi persoal da biografía da autora de Follas novas.

Neste caso, foron un total de dezaoito actores os que deron vida ao centenar de personaxes que aparecen ao longo de 21 escenas. O elenco, encabezado por María Barcala no papel de Rosalía de Castro, contaba tamén con Susana Dans, Xúlio Lago, Alfredo Rodríguez, Mónica Camaño, César Cambeiro, Mercedes Castro, Xan Cejudo, Xaquín García Marcos, Miguel López Varela, César Goldi, Pancho Martínez, Xoán Carlos Mejuto, Yolanda Muíños, Laura Ponte, Gloria Rico, Rubén Ruibal e Xosé Vilarelle.

O Centro Dramático Galego programará no mes de novembro en Compostela outra quenda de Vidal Bolaño recuperado: citas audiovisuais, con seis novas entregas baixo o mesmo modelo de proxección comentada de fragmentos das súas pezas. A Asociación de Amigos do Teatro Jofre sumarase tamén a esta segunda parte do proxecto coa programación en Ferrol doutras dúas sesións no mes de decembro, co obxectivo común de manter a actividade divulgativa sobre a obra do dramaturgo ao longo de todo o ano 2013.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal