AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O ESPAZO DO CDG CELEBRA TAMÉN MARATÓNS DE CONTACONTOS PARA BEBÉS E PARA RAPACES A PARTIR DAS 5 DA TARDE

O Salón Teatro acolle mañá a gala final do Festival Atlántica coa participación de máis de 20 contadores

[15/03/2013] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle mañá as actividades finais do Festival Atlántica de narración oral coa celebración de distintas actividades infantís e unha gran gala final na que participan máis de 20 contadores e contadoras de Galicia e doutras procedencias presentes no encontro.

Detalle do cartel

O espazo que xestiona o Centro Dramático Galego únese deste xeito á relación de escenarios dispostos en teatros, bares e bibliotecas da cidade de Santiago polos que veu desenvolvéndose a primeira edición deste festival desde o pasado 5 de marzo baixo a dirección artística da actriz e narradora uruguaia Soledad Felloza nunha organización compartida co compostelán pub Atlántico, un dos berces na difusión do xénero na nosa Comunidade.

Para menores de 2 anos
A actividade no Salón Teatro iniciarase ás cinco da tarde cun mini maratón de contos para bebés na zona do ambigú, para o que se dispuxeron especialmente un total de 60 localidades destinadas os pequenos e os seus coidadores. As contadoras Raquel Queizas, Charo Pita e Soledad Felloza protagonizarán esta iniciativa especialmente dirixida a nenos e nenas menores de 2 anos.

Media hora máis tarde dará comezo no patio de butacas outra sesión de contos para público infantil a cargo dunha selección de 12 actuacións; en tanto que ás 20.30 horas arrincará a gala final de clausura na que participarán todos os narradores do festival e outros convidados.

Contacontos fundamentais
Esta última cita será unha grande festa configurada mediante a narración sucesiva de historias de non máis de 10 minutos de duración. Nela participarán figuras activas e fundamentais no auxe do xénero en Galicia, xunto a outras menos coñecidas ou doutras procedencias, aínda que sempre co nexo común de abordar a oralidade desde algún dos países que bordean as dúas latitudes do Océano Atlántico.

Pedro Brandariz, Quico Cadaval, Paula Carballeira, Ana Carreira, Felipe Díaz Caxoto, Fátima Fernández, Avelino González, Cándido Pazó, Charo Pita, María da Pontragna, Raquel Queizas, Celso Fernández, Jorge Serafim, Tim Bowley, José Campanari, Clara Haddad ou Soledad Felloza son algúns dos nomes que integran a carteleira.

A billeteira do Salón Teatro permanecerá aberta mañá sábado 16 de marzo de xeito ininterrompido desde as 16:00 horas para a venda das localidades para asistir á calquera das tres actividades previstas como peche do Festival Atlántica. Os prezos das entradas son de 5 euros para os maratóns dos bebés e dos nenos (coa posibilidade neste último caso de comprar un bono de 6 entradas por un importe total de 18 euros) e de 8 euros para cada butaca da gala final.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal