AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O CDG HOMENAXEA O AUTOR COMPOSTELÁN RECUPERANDO PARA AS TÁBOAS, DA MAN DA DIRECTORA FEFA NOIA, UNHA DAS OBRAS QUE MELLOR RESUME O SEU UNIVERSO TEATRAL

O Centro Dramático Galego estrea "Días sen gloria" como eixo da súa programación dedicada a Roberto Vidal Bolaño

[03/04/2013] O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estrea este venres 5 ás 21.00 horas no Salón Teatro de Santiago a produción Días sen gloria, dirixida pola galega Fefa Noia a partir da que está considerada como unha das obras mestras de Roberto Vidal Bolaño. Trátase dunha historia de tinturas épicas sobre unha viaxe sen retorno, co Camiño de Santiago como fío condutor, que regresa agora aos escenarios como proposta central da programación que a compañía pública desenvolve en homenaxe ao dramaturgo compostelán no ano en que se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Equipo de "Días sen gloria"

Manuel Guede Oliva, director do CDG, e Belén Quintáns, viúva do autor, acompañaron hoxe a Fefa Noia e o resto do equipo (na imaxe) na presentación aos medios da nova proposta escénica arredor deste texto, gañador do Premio Rafael Dieste en 1992 e que Teatro do Aquí, a compañía de Vidal Bolaño, levou ás táboas hai vinte anos con el mesmo no papel protagonista. Na versión de 2013, Manuel Manquiña sitúase á fronte dun elenco no que tamén figuran Eva Souto, Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta. Todos eles asistiron ao acto celebrado esta mañá no Salón Teatro, sede do Centro Dramático, onde Días sen gloria permanecerá en cartel ata o 28 de abril.

Máis de corenta funcións
En Compostela ofreceranse un total de 18 representacións, que serán para público xeral de venres a domingo e para estudantes os mércores e xoves en funcións matinais concertadas con institutos. A continuación, o espectáculo desenvolverá dous meses de xira durante os que visitará 12 escenarios galegos e portugueses ata completar outras 23 funcións. Tamén neste caso, se levará a cabo unha importante campaña para achegar aos escolares galegos esta figura clave na historia do noso teatro profesional.

A compañía da Consellería de Cultura e Educación, para a que o autor desenvolveu numerosos traballos escénicos nunha decena de espectáculos, elixiu como produción central do seu Ano Vidal Bolaño unha das obras que mellor resume o universo bolañano, cos seus personaxes e ambientes marxinais, a épica da derrota como temática recorrente e onde se reflicten, así mesmo, as súas recoñecidas influencias cinematográficas.

De feito, unha parte da crítica detecta aquí unha importante pegada do western e as súas historias de antiheroes, amor e excesos, mentres que outra relaciona o texto coas chamadas road movies, malia estar ambientada contra finais do século XVI. Esta conexión cinematográfica atopámola igualmente na estrutura fragmentaria e circular da peza, na que Fefa Noia identifica tamén unha pátina de conto ou fábula, desas "historias que relatan o feito mesmo de contar a historia".

Vinte e cinco personaxes en cincuenta espazos
Días sen gloria fala dun camiño que transforma os camiñantes e a súa relación, de trinta días de viaxe física e emocional, que sobre as táboas se desenvolve a través dunha trintena de escenas breves concentradas en hora e media de función, con 25 personaxes a cargo de cinco actores e 50 espazos nun mesmo escenario.

Este importante reto escénico supón ademais o regreso ao teatro galego de Fefa Noia, directora compostelá afincada en Madrid e cunha intensa traxectoria profesional vinculada a Teatro de la Abadía, Centro Dramático Nacional, Compañía Nacional de Teatro Clásico, EscénaTe e á súa compañía Los Lunes, entre outras formacións. Para a súa materialización, botou man dun experimentado equipo artístico tanto dentro como fóra de Galicia. Así, Días sen gloria conta coa escenografía a base de cordames móbiles ideada por Baltasar Patiño, un dos máis recoñecidos profesionais da nosa escena; a iluminación de Pedro Yagüe, último Premio Max neste ámbito, e o vestiario de Alejandro Andújar, así como coa asistencia na dirección de Roi Vidal, fillo do autor.

No plano interpretativo, a esixencia é tamén máxima e, de feito, na versión de Teatro do Aquí Vidal Bolaño confiara a dirección a Quico Cadaval para se concentrar nun papel que esixía manter a tensión no punto álxido en cada unha das múltiples escenas. No seu transcurso, os protagonistas van cubrindo diferentes etapas dun camiño de atmosfera desacougante, que se presenta como metáfora do sentido circular da vida e como escusa para retomar o paradigma amor-morte. Trátase dun percorrido de perigos, violencia e sexo, no que porén acaba triunfando a solidariedade, a amizade e o amor.

Destino inevitable
Manuel Manquiña, un dos actores galegos máis coñecidos, e Eva Souto, unha das novas caras da nosa escena, son El e Ela, dous personaxes anónimos e derrotados, que peregrinan a Compostela na busca de obxectivos ben diferentes, mais utópicos en ambos casos. Ela é unha prostituta nova e inxenua, que pretende dar alcance na ruta xacobea o cabaleiro que a enganou ao non lle pagar polos servizos amatorios de dúas semanas. El é un gallofo vello, coñecedor de todos os atallos e ameazas da viaxe, que accede a acompañala a cambio de cartos para acabar enfrontando xuntos un destino que desde a primeira escena se presenta como inevitable.

Sairanlles ao paso cegos, tolos, esmoleiros, prostitutas e predicadores, así como o propio cabaleiro e o seu círculo, todos eles interpretados polo resto dos membros do elenco: Borja Fernández, Felipa Segade e Sergio Zearreta. A experiencia musical destes tres intérpretes -Felisa Segade como integrante de Leilía e Brincadeira e Borja Fernández e Sergio Zearreta tanto en proxectos de teatro musical como á fronte das bandas Soy Un Árbol e Lamatumbá, respectivamente- permítelles asinar tamén o espazo sonoro do espectáculo que, máis alá dun mero acompañamento musical, recrea a tradición popular a partir das cantigas que se recollen no texto e incorpora, ademais, moitas outras.

Horarios e venda de entradas
No Salón Teatro e tras a función de estrea deste venres, ás 21.00 horas, Días sen gloria ofrecerá funcións para o público xeral os venres e sábados ás 20.30 e os domingos ás 18.00 horas.

As entradas poranse á venda na billeteira do teatro, que permanecerá aberto todos os días de función desde dúas horas antes do seu comezo. Tamén poden adquirirse de xeito anticipado a través da web http://entradas.novagaliciabanco.es ou do teléfono 902 43 44 43. Mantéñense os prezos habituais de 10 euros para as localidades xerais (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove e desempregados), e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Ao rematar a estadía en Santiago, o Centro Dramático Galego iniciará unha xira durante a que representará Días sen gloria noutras 12 localidades, nas que as funcións para público xeral terán lugar nos seguintes espazos e datas: O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 3 de maio), Ourense (Teatro Principal, 5 de maio), Tui (Teatro Municipal Área Panorámica, 10 de maio), A Estrada (Teatro Principal, 12 de maio), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro, 17 de maio), Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval, 19 de maio), Narón (Pazo da Cultura, 25 de maio), Pontevedra (Centro Social Novacaixagalicia, 30 de maio), Rianxo (Auditorio Municipal, 1 de xuño), Vigo (Centro Cultural Novacaixagalicia Teatro, 9 de xuño), Lugo (Auditorio Municipal Gustavo Freire, 14 de xuño) e Braga (Theatro Circo, 21 de xuño).


Documentación

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal