AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A MONTAXE QUE DIRIXE FEFA NOIA A PARTIR DA OBRA DE VIDAL BOLAÑO DESPÍDESE DE SANTIAGO CON REPRESENTACIÓNS O VENRES 26 E O SÁBADO 27, ÁS 20.30 H, E O DOMINGO 28, ÁS 18.00 H

O CDG ofrece tres últimas funcións da súa produción "Días sen gloria" no Salón Teatro antes de iniciar unha xira por outros once escenarios

[24/04/2013] O espectáculo Días sen gloria, producido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do Centro Dramático Galego, entra na recta final da súa exhibición no Salón Teatro de Santiago, onde esta fin de semana ofrecerá tres últimas funcións -venres 26 e sábado 27, ás 20.30 horas, e domingo 28, ás 18.00 h- antes de emprender unha xira de dous meses por outros 11 escenarios de Galicia e Portugal.

Días sen gloria

Fefa Noia dirixe esta montaxe a partir da que está considerada como unha das obras mestras de Roberto Vidal Bolaño, primeiro profesional do teatro homenaxeado no Día das Letras e ao que o CDG dedica integramente a súa programación de 2013. Manuel Manquiña, Eva Souto, Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta interpretan esta nova versión do texto gañador do Premio Rafael Dieste en 1999, que a compañía de Vidal Bolaño Teatro do Aquí levara ás táboas hai vinte anos co propio autor no papel protagonista.

Esta versión congregou xa preto de 2.000 espectadores nas funcións desenvolvidas ata o momento no Salón Teatro. Tras as tres representacións desta fin de semana, serán un total de 18 as que Días sen gloria terá ofrecido durante a súa estadía na sede da compañía institucional, onde tamén levou a cabo unha intensa campaña escolar con obxectivo de impulsar a difusión da figura de Vidal Bolaño, así como de afondar nas claves deste espectáculo. Con este fin, os seis pases matinais da montaxe reserváronse para a asistencia de alumnos dunha vintena de centros escolares de toda Galicia.

Campaña escolar en xira
A campaña estenderase, así mesmo, ao resto de localidades inseridas na xira de Días sen gloria, que dá comezo o vindeiro xoves 2 de maio no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras cunha función escolar as 11.00 horas. Escenificarase para o público xeral neste mesmo espazo ao día seguinte, venres 3 de maio, ás 21.00 horas.

Tras a estadía no Barco, a distribución continuará por nove de localidades galegas e Braga, en Portugal, con outras 10 representacións para público xeral e nove para escolares: Ourense (Teatro Principal, 5 de maio xeral e 6 de maio escolar), Tui (Teatro Municipal Área Panorámica, 9 de maio escolar e 10 de maio xeral), A Estrada (Teatro Principal, 12 de maio xeral e 13 de maio escolar), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro, 16 de maio escolar e 17 de maio xeral ), Narón (Pazo da Cultura, 24 de maio escolar e 25 de maio xeral), Pontevedra (Centro Social Novacaixagalicia, 29 de maio escolar e 30 de maio xeral), Rianxo (Auditorio Municipal, 1 de xuño xeral e 2 de xuño escolar), Vigo (Centro Cultural Novacaixagalicia Teatro, 9 de xuño xeral e 10 de xuño escolar), Lugo (Auditorio Municipal Gustavo Freire, 13 de xuño escolar e 14 de xuño xeral) e Braga (Theatro Circo, 21 de xuño para público xeral).

Universo bolañano
A compañía da Consellería de Cultura e Educación, para a que Vidal Bolaño desenvolveu numerosos traballos escénicos nunha decena de espectáculos, elixiu como produción central do seu ano bolañano unha das obras que mellor resume o universo do autor, cos seus personaxes e ambientes marxinais, a épica da derrota como temática recorrente e onde se reflicten, así mesmo, as súas recoñecidas influencias cinematográficas.

Días sen gloria é a historia de dous antiheroes que comparten unha viaxe sen volta, ambientada no Camiño de Santiago como territorio no que o paradigma amor-morte se converte en atmosfera inquietante. Trátase dunha ruta que transforma os camiñantes e a súa relación, de trinta días de viaxe física e emocional, que sobre as táboas se desenvolve a través dunha trintena de escenas concentradas en pouco máis de hora e media de función, con 25 personaxes para cinco actores e 50 espazos nun mesmo escenario.

Este importante reto escénico supón, ademais, o regreso ao teatro galego de Fefa Noia, directora compostelá afincada en Madrid, para o que contou coa escenografía a base de cordames móbiles ideada por Baltasar Patiño, a iluminación de Pedro Yagüe e o vestiario de Alejandro Andújar, así como coa asistencia na dirección de Roi Vidal, fillo do autor.

Venda de entradas
As entradas para as últimas funcións de Días sen gloria en Santiago están á venda na web entradas.novagaliciabanco.es, así como no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto todos os días de función desde dúas horas antes do comezo. Mantense o prezo habitual de 10 euros para as localidades xerais (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove e desempregados), e de 5 euros para o domingo, día do espectador.


Documentación

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal