AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A MÍTICA COMPAÑÍA ANDALUZA OFRECE DÚAS FUNCIÓNS NO SALÓN TEATRO

La Zaranda trae a Santiago o seu teatro expresionista con "Los que ríen los últimos"

[15/02/2007] O grupo La Zaranda presenta no Salón Teatro de Santiago mañá venres 16 e o sábado 17, ás 20.30 horas, a súa última proposta escenográfica Los que ríen los últimos, dirixida por Paco de La Zaranda a partir do texto de Eusebio Calonge, a última proposta escénica desta mítica compañía andaluza. Neste espectáculo volven a estar presentes as constantes estilísticas que caracterizan os traballos de La Zaranda, como son o compromiso existencial e a fidelidade a súas raíces tradicionais como recursos dramáticos, o uso simbólico dos obxectos, o expresionismo visual, a depuración de textos e a creación de personaxes e situacións límites.

Foto La Zaranda

Co subtítulo de Teatro Inestable de Andalucía La Baja, a compañía establecida en Jerez de la Frontera (Cádiz) vén de cumprir 25 anos de traxectoria nos que avanzou na consolidación da súa poética, recoñecida internacionalmente; froito dun rigoroso proceso de creación colectiva que fuxe de fórmulas estereotipadas e efémeras para se converter nunha linguaxe propia que tenta recuperar a memoria e convida á reflexión.

HUMOR E IRONÍA

Los que ríen los últimos é unha montaxe que desprende humor e ironía de principio a fin. Interpretada por Gaspar Campuzano, Enrique Bustos e Francisco Sánchez, os tres actores dan vida a tres artistas ambulantes en horas baixas que veñen de percorrer xuntos un longo camiño, sempre acuciados pola necesidade. Illados na incomprensión e na indiferenza, estes personaxes, retallos de paixóns abandoadas, disidentes da súa época, emprenden a fuxida do vertedeiro en que subsisten.

A súa extravagante e penosa peregrinación será un regreso a un pasado remoto, descoñecido e misterioso para o cal só contan coas indicacións dun pai defunto. Aínda que todo se conxure para truncar este o seu regreso, estará o seu avance existencial, a súa postura vital diante dos que quixeron someter os seus destinos. A mensaxe final é que sempre permanecen vivos os soños e o riso, ese riso daqueles que manteñen a esperanza, dos que aínda senten morriña do paraíso, fronte á gargallada desdentada do tempo.

As entradas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 , cun desconto do 40% para estudantes, maiores de 65 anos e posuidores do carné xove.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal