AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

MANUEL MANQUIÑA PROTAGONIZA UNHA DAS OBRAS QUE MELLOR RESUME O UNIVERSO TEATRAL DE ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Cultura e Educación presenta esta fin de semana en Tui e na Estrada o espectáculo do Centro Dramático Galego "Días sen gloria"

[08/05/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva esta fin de semana o espectáculo do Centro Dramático Galego Días sen gloria aos escenarios de Tui e da Estrada, onde se representará a obra de Roberto Vidal Bolaño dirixida por Fefa Noia e protagonizada por Manuel Manquiña como homenaxe ao autor ao que se dedica o Día das Letras.

Días sen gloria

En Tui será o Teatro Municipal Área Panorámica o que recibira á compañía institucional o venres 10 para levar a cabo dúas funcións: unha primeira ás 11 da mañá dirixida a escolares e outra ás 21:30 horas para público xeral. Dous días despois, o CDG visitará A Estrada, onde ofrecerá unha representación de Días sen gloria o domingo 12 ás 19:00 horas no Teatro Principal. Este mesmo escenario ten programada unha segunda actuación o luns, á que asistirán estudantes e profesores de centros de ensino de toda a comarca.

O director do CDG, Manuel Guede Oliva, acompañado do actor Manuel Manquiña realizou hoxe senllas presentacións do espectáculo nestes dous concellos, que estiveron presididas polos alcaldes respectivos: José López Campos no caso da Estrada e Moisés Rodríguez no de Tui. Nos dous actos explicáronse as claves e a transcendencia de Días sen gloria como a proposta teatral central da programación que a Consellería de Cultura e Educación lle dedica durante este ano ao autor compostelán, primeiro profesional da escena ao que se honra no Día das Letras.

Tras unha estadía dun mes no Salón Teatro de Santiago e do seu paso por O Barco e Ourense o CDG continúa así nestas dúas localidades da provincia de Pontevedra o percorrido coa súa versión dunha das obras mestras de Roberto Vidal Bolaño, que exhibirá ata mediados de xuño en dez espazos escénicos galegos e un portugués.

Universo bolañano
Xunto con Manuel Manquiña, Eva Souto, Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta poñen en escena esta nova versión do texto gañador do Premio Rafael Dieste en 1999, que a compañía de Vidal Bolaño Teatro do Aquí levara ás táboas hai vinte anos co propio autor no papel protagonista. Trátase, ademais, dunha das obras que mellor resume o universo bolañano, cos seus personaxes e ambientes marxinais, a épica da derrota como temática recorrente e onde se reflicten, así mesmo, as súas recoñecidas influencias cinematográficas.

Días sen gloria é a historia de dous antiheroes que comparten unha viaxe sen retorno, ambientada no Camiño de Santiago como territorio no que o paradigma amor-morte se converte en atmosfera inquietante. Ambos os dous compartirán trinta días de viaxe física e emocional, que sobre as táboas se desenvolve a través dunha trintena de escenas concentradas en pouco máis de hora e media de función, con 25 personaxes para cinco actores e 50 espazos nun mesmo escenario.

Manuel Manquiña, un dos actores galegos máis coñecidos, e Eva Souto, unha das novas caras da nosa escena, son El e Ela, dous personaxes anónimos e derrotados que peregrinan a Compostela na procura de cadansúa utopía. Ela é unha prostituta nova e inxenua, que pretende darlle alcance ao cabaleiro que a enganou ao non lle pagar polos servizos amatorios de dúas semanas. El é un gallofo vello, coñecedor de todos os atallos e ameazas da ruta xacobea, que accede a acompañala a cambio de cartos para acabar enfrontando xuntos un destino que xa na primeira escena se presenta como inevitable.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal