AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ACTUARÁN GUADI GALEGO, A ENSEMBLE VOCAL DE DAVIDE SALVADO E PAULINA CEREMUZYNSKA OU OS CEMPÉS, ENTRE OUTROS ARTISTAS

O Salón Teatro acolle este sábado o concerto "RefórzaNos" a beneficio da Escola Livre da Música Popular Galega

[24/05/2013] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle este sábado 25 de maio ás 21:00 horas o concerto especial titulado RefórzaNos, organizado por aCentral Folque para recadar fondos destinados á Escola Livre de Música Popular Galega (ELMPG), ao tempo que exhibirá no escenario algúns dos proxectos deste centro, nos que participan profesores e alumnos xunto a outros artistas.

Detalle do cartel do concerto

A vocalista Guadi Galego, o Combo Instrumental Folque dePedro Pascual, o Noticiario Folk 1932 coa banda sonora ao vivo deComisa Bal, oEnsemble Vocal deDavide SalvadoePaulina Ceremusynska ou Os Cempés participan desinteresadamente neste concerto, cuxos fondos recadados destinaranse a axudar á continuidade da ELMPG.

As entradas, a un prezo único de 10 euros nas oficinas de aCentral Folque da compostelá rúa salvadas, na Casa das Crechas, en A Gentalha do Pichel, na Reixa tenda e na libraría Lilith. Tamén estarán dispoñibles no despacho de billetes do Salón Teatro o mesmo día do concerto. Os organizadores habilitaron así mesmo una fila cero para que todos os interesaos en colaborar poidan efectuar as súas doazóns económicas.

Docencia en patrimonio musical galego
A Escola Livre da Musica Popular Galega é o centro de estudos regulares que aCentral Folque ten en Santiago de Compostela, no que se imparte unha oferta variada e especializada en diferentes eidos do noso patrimonio musical, fundamentalmente instrumentais, tales como a gaita, percusión, zanfona, requinta, violín e acordeón diatónico, ademais de canto.

As clases, que se desenvolven en distintos centros socioculturais do Castiñeiriño e da Trisca cedidos polo Concello de Santiago, brindan ao seu alumnado a posibilidade de formarse con mestres de recoñecida solvencia, moitos deles músicos profesionais, cara á adquisición dos coñecementos fundamentais para desenvolver as súas capacidades e aptitudes.

Neste sentido, un dos obxectivos de aCentral Folque é promover a convivencia entre as diferentes propostas elaboradas polo alumnado, tentando ser un verdadeiro laboratorio de formas musicais patrimoniais galegas.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal