AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A MONTAXE ENGARZA TEXTOS DE ANXOS SUMAI, CÁNDIDO PAZÓ, SONIA TORRE, SUSO DE TORO E XOSÉ M. PAZOS

Teatro de Ningures estrea no Salón Teatro "Emigrados" baixo a dirección de Etelvino Vázquez

[22/02/2007] O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle os días 23 e 24 de febreiro a estrea de Emigrados, a última produción de Teatro de Ningures, na que a compañía de Cangas de Morrazo aborda desde distintas ópticas o fenómeno da emigración. Con dirección de escena e dramaturxia de Etelvino Vázquez, 7 actores e actrices compoñen o elenco encargado de dar vida a cinco textos de escritores galegos actuais.

Anxos Sumai, Cándido Pazó, Sonia Torre, Suso de Toro e Xosé Manuel Pazos asinan os textos orixinais utilizados por Teatro de Ningures na creación desta montaxe como un mosaico de pezas engarzadas. Nela, desde o tratamento específico da emigración, da inmigración, do retorno e do desarraigamento, compónse un cadro xeral que permite apreciar nitidamente o drama individual e social que supón estoutro xeito de exilio.

A interpretación corre a cargo de Casilda García, Sonia Rúa, Mónica Camaño, Pepa Barreiro, Santiago Cortegoso, Fran Paredes e Salvador del Río; en tanto que a escenografía está deseñada por Pablo Giráldez "Pastor" e o vestiario por Carlos Alonso. Anxo Graxa compuxo a música e Etelvino Vázquez fíxose cargo tamén da iluminación.

Emigrados constitúe unha oportunidade única para falar dun tema moi próximo, tratado desde a axilidade da linguaxe contemporánea e desde a ironía como vehículo de expresión e, sobre todo, desde a proximidade a todas aquelas persoas que viviron e sufriron nas súas carnes as consecuencias que supón o abandono forzado do que é propio.

As dúas funcións serán ás 20:30 horas e as entradas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 , cun desconto do 40% para estudantes, maiores de 65 anos e posuidores do carné xoven.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal