AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O CENTRO CULTURAL NOVACAIXAGALICIA OFRECE ESTE DOMINGO DÍA 9, ÁS 20.30 HORAS, A REPRESENTACIÓN DESTA OBRA MESTRA DO AUTOR COMPOSTELÁN

A xira do Centro Dramático Galego con "Días sen gloria" recala en Vigo este domingo

[06/06/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece este domingo día 9, ás 20.30 horas, no Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo a representación do espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) Días sen gloria, de Roberto Vidal Bolaño. A galega Fefa Noia dirixe esta adaptación dunha das obras que mellor resume o universo bolañano e que a compañía pública recuperou para as táboas como proposta escénica central da programación coa que a Consellería homenaxea o dramaturgo compostelán no ano en que se lle dedica o Día das Letras.

Días sen gloria

A Fundación Novacaixagalicia colabora co CDG na exhibición en Vigo desta montaxe, que foi presentada este mediodía por María Teresa Cores, directora de Contidos Socioculturais da entidade; Manuel Guede Oliva, director do Centro Dramático Galego; e Manuel Manquiña, actor protagonista de Días sen gloria. A función deste domingo insírese na recta final da xira que comezou a primeiros de maio, tras unha estadía dun mes no Salón Teatro de Santiago, e que se estenderá ata mediados de xuño para completar un percorrido por once escenarios galegos e un portugués.

Obra mestra
Manuel Manquiña, Eva Souto, Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta interpretan esta nova versión do texto gañador do Premio Rafael Dieste en 1992, que Teatro do Aquí, a compañía de Vidal Bolaño, levou ás táboas hai vinte anos co propio autor no papel protagonista. Está considerada, ademais, como unha das súas obras mestras, na que se atopan algúns dos elementos recorrentes na produción teatral bolañana -a épica da derrota ou os personaxes e ambientes marxinais, entre eles- e onde tamén se reflicten as súas recoñecidas influencias cinematográficas con claros acenos ao western e ás road-movies.

Días sen gloria é a historia de dous antiheroes que comparten unha viaxe sen retorno, ambientada no Camiño de Santiago como territorio no que o paradigma amor-morte se converte en atmosfera inquietante. Ambos os dous compartirán trinta días de viaxe física e emocional, que sobre as táboas se desenvolve a través dunha trintena de escenas concentradas en pouco máis de hora e media de función, con 25 personaxes para cinco actores e 50 espazos nun mesmo escenario.

Sinopse
Manuel Manquiña, un dos actores galegos máis coñecidos, e Eva Souto, unha das novas caras da nosa escena, son El e Ela, dous personaxes anónimos e derrotados que peregrinan a Compostela na procura de cadansúa utopía. Ela é unha prostituta nova e inxenua, que pretende darlle alcance ao cabaleiro que a enganou ao non lle pagar polos servizos amatorios de dúas semanas. El é un gallofo vello, coñecedor de todos os atallos e ameazas da ruta xacobea, que accede a acompañala a cambio de cartos para acabar enfrontando xuntos un destino que xa na primeira escena se presenta como inevitable.

Sairanlles ao paso cegos, tolos, esmoleiros, prostitutas e predicadores, así como o propio cabaleiro e o seu círculo, todos eles interpretados por Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta. A experiencia musical destes tres intérpretes -Felisa Segade como integrante de Leilía e Brincadeira e Borja Fernández e Sergio Zearreta tanto en proxectos de teatro musical como á fronte das bandas Soy Un Árbol e Lamatumbá, respectivamente- permítelles asinar tamén o espazo sonoro do espectáculo que, máis alá dun mero acompañamento musical, recrea en directo a tradición popular a partir das cantigas que se recollen no texto e coa incorporación doutras novas.

Este importante reto escénico supón, ademais, o regreso ao teatro galego de Fefa Noia, directora compostelá afincada en Madrid e cunha intensa traxectoria profesional vinculada a Teatro de la Abadía, Centro Dramático Nacional, Compañía Nacional de Teatro Clásico, EscénaTe e á súa compañía Los Lunes, entre outras formacións. Para a súa materialización, contou coa escenografía a base de cordames móbiles de Baltasar Patiño, a iluminación de Pedro Yagüe e o vestiario de Alejandro Andújar, así como coa asistencia na dirección de Roi Vidal, fillo do autor.

Venda de entradas
A venda anticipada de entradas para a función en Vigo está dispoñible ata as 15.00 horas do domingo a través da web www.servinova.com e do teléfono 902 504 500, operativo de 8.00 a 22.00 horas. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Centro Cultural Novacaixagalicia o mesmo día da representación desde ás 19.00 horas. O prezo das localidades sitúase entre os 5,40 e os 10 euros con descontos para maiores de 65 anos, persoas en situación de desemprego, familias numerosas e pagos coa tarxeta Nx.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal